Aumenta o paro e o escaso emprego que se xera é precario con tan só un 7% de contratación indefinida
Fecha: 04 Oct 2016

O desemprego medra, segundo os datos do paro de setembro publicados hoxe polos servizos públicos de emprego. O escaso emprego que se crea é moi precario, sendo a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total de tan só o 7,21 por cento, e mantéñense os altos niveis de desprotección, xa que a taxa de cobertura deixa fóra ao 46,7 por cento dos desempregados.
Continúa producíndose un abuso inxustificado da contratación temporal que, xunto á desvalorización salarial, están conducindo cara un modelo de crecemento desequilibrado que está empobrecendo aos traballadores e á poboación en xeral.
Este é o modelo que afianzou a política de recortes do Goberno e que provocou que os fogares en Galicia perderan máis do 4 por cento da súa renda dende o 2012 e que o 25,7 por cento da poboación galega viva en risco de pobreza e exclusión social.
Deste xeito estase consolidando a figura do traballador pobre, persoas que, a pesar de ter un posto de traballo, non gañan o suficiente para saír do limiar da pobreza. E os gobernos do PP, tanto en Galicia como no Estado, agora en funcións, son os principais responsables.
OUTRAS POLÍTICAS ECONÓMICAS E SOCIAIS
Para UGT-Galicia, son imprescindibles outras políticas económicas e sociais. Políticas que se centren nas persoas, en mellorar o emprego, en combater o paro de longa duración e a precariedade laboral e conseguir que a recuperación da economía chegue de xeito real ás familias deste país, que melloren a calidade do emprego e as rendas do traballo.
Centrando a análise nas estatísticas facilitadas hoxe, estas indican que o mes de setembro remata con 194.336 desempregados en Galicia, medrando nun 0,67 por cento en relación ao mes de agosto, 1.291 desempregados máis. No resto do Estado o paro medrou nun 0,62 por cento.
En termos interanuais, o paro baixou en Galicia nun 9,9 por cento, 21.401 desempregados menos.
AS MULLERES VOLVEN TER MAIOR PESO NO DESEMPREGO
Por sexos, o comportamento non é igual entre os homes que entre as mulleres. Entre os homes cae nun 0,20 por cento pero medra nun 1,36 por cento entre as mulleres. As mulleres volven ter maior peso no desemprego, acadando unha porcentaxe máxima nos últimos anos, do 56 por cento. En relación a hai un ano o desemprego cae en ambos casos pero a recuperación beneficia moito máis aos homes que baixan o paro nun 11,8 por cento, fronte ao 8,4 por cento das mulleres.
Neste mes o paro cae entre os menores de 25 anos nun 3,12 por cento e no ano a caída tamén é máis acusada, do 27,7 por cento. A saída de efectivos da Comunidade galega na busca dun futuro mellor e a falta de relevo xeracional son a explicación.
Por sectores, o paro medra nos servizos, polo factor estacionalidade, en 2.309 desempregados máis. Tamén sube na industria, un 0,7 por cento, pero no resto dos sectores contráese.
O alto nivel de contratación, 93.788 contratos nun mes, proba a alta rotación do mercado laboral galego, cun número total de asalariados na contorna dos 800.000.
Ademais, a precariedade ven marcada polo feito de que tan só o 7,21 por cento dos contratos asinados foron de carácter indefinido, fronte a unha porcentaxe que no Estado é de 9 puntos.
BAIXOS NIVEIS DE COBERTURA POR DESEMPREGO
A UGT-Galicia, un mes máis, preocúpanlle os baixos índices de cobertura por desemprego. A cifra de beneficiarios de prestacións por desemprego é de tan só 93.934 persoas, un valor mínimo. Pero é que o carácter contributivo da prestación tamén está baixo mínimos, tan só 39.702 persoas son beneficiaras de prestacións de carácter contributivo. A taxa de cobertura queda no 53,3 por cento en Galicia, afastada do 58,2 por cento do Estado.
Finalmente, en relación á media de afiliación á Seguridade Social, as estatísticas indican que en Galicia esta é de 972.887 afiliados cotizantes, baixando un 0,64 por cento, 6.218 afiliados menos. Mentres no Estado mantense. En relación a hai un ano, Galicia tamén rexistra un peor comportamento que o resto do Estado, mentres nesta Autonomía medra esta nun 1,61 por cento, no resto das comunidades autónomas a media de suba foi dun 3,04 por cento.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE Secretario de Política Sindical. Emprego e Seguridade Social DE UGT-GALICIA, LUIS BANEIRA GÓMEZ; TELÉFONO: 606649157.
GALICIA | setembro 2016 | VARIACIÓN SOBRE | |||
|
| Mes anterior | Mesmo mes ano anterior | ||
|
| nº | % | nº | % |
DESEMPREGO | |||||
Nº desempregados rexistrados | 194.336 | 1.291 | 0,7 | -21.401 | -9,9 |
* homes | 85.446 | -168 | -0,2 | -11.409 | -11,78 |
* mulleres | 108.890 | 1.459 | 1,4 | -9.992 | -8,40 |
Nº parados mozos < 26 anos | 8.662 | -279 | -3,12 | -2.396 | -21,7 |
Nº desempregados por sectores* |
|
|
|
| |
* agricultura | 6.469 | -353 | -5,2 | -744 | -10,3 |
* industria | 23.510 | 156 | 0,7 | -3.440 | -12,8 |
* construción | 21.245 | -488 | -2,2 | -4.472 | -17,4 |
* servizos | 126.633 | 2.309 | 1,9 | -10.698 | -7,8 |
* sen emprego anterior | 16.479 | -333 | -2,0 | -2.047 | -11,0 |
Beneficiarios prestación por desemprego (agosto) | 93.934 |
| |||
Taxa de cobertura prestación por desemprego (agosto) | 53,30 | ||||
Parados totais sen ningún tipo de prestación (agosto) | 99.111 | ||||
CONTRATACIÓN |
|
|
|
|
|
Nº contratos | 93.788 | 6.279 | 7,2 | 6.235 | 7,1 |
Nº contratos indefinidos (inclúe transformación de contratos en indefinidos) | 6.766 | 1.797 | 36,2 | 669 | 11,0 |
Nº contratos temporais | 87.022 | 4.482 | 5,4 | 5.566 | 6,8 |
AFILIACÍON Á SEGURIDADE SOCIAL |
|
|
|
| |
Nº afiliados (datos provisionais) | 972.887 | -6.218 | -0,6 | 15.415 | 1,61 |
Fonte: Gabinete Económico Comisión Executiva UGT Galicia, a partir dos datos do MEYSS |