A análise das condicións de vida dos galegos constata situacións límite
Fecha: 07 Ago 2015

UGT-Galicia ven de realizar unha análise das condicións de vida en Galicia que reflicte que a precariedade laboral, o desemprego e as políticas económicas impostas conducen a situacións familiares e persoais crecentes de risco de pobreza e exclusión social.
A Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2014 constata o deterioro das condicións de vida dos cidadáns e o incremento das desigualdades e da pobreza, como consecuencia da crise e das políticas económicas que se están aplicando.
Os datos revelan que os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 26.001 euros, por debaixo da media do resto do Estado, con 26.154 euros. A renda media por persoa foi 10.235 euros ao ano, tamén inferior á media estatal, que se sitúa en 10.391 euros anuais.
A crise que está sufrindo a economía e o emprego e as continuas políticas públicas de recortes acumuladas dende hai anos teñen como resultado graves desigualdades, provocadas pola incapacidade de xerar emprego, a depreciación salarial xeneralizada neste país, con menores ingresos e salarios percibidos, a caída da capacidade adquisitiva dos fogares, o empeoramento na distribución da renda e a extensión da precarización laboral e do paro de longa duración.
Estes efectos son resultado da nefasta xestión da crise, con reformas laborais impostas polo Goberno e pola rendición do Executivo ás políticas de austeridade impostas pola troika. O resultado agregado é un grave deterioro das condicións de vida dos traballadores e cidadáns, tal e como pon de manifesto a Enquisa de condicións de vida 2014 publicada polo INE.
Nesta enquisa compróbase que no 2014 o indicador agregado AROPE de risco de pobreza e exclusión social situouse no 23,8 por cento da poboación residente en Galicia (654.189 persoas nesta situación).
Ademais, a poboación en risco de pobreza severa é do 15,4 por cento, 423.300 persoas, e a poboación con carencia de material severa do 5,5 por cento, 151.178 persoas.
A isto se lle engade que a poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos) é do 14,9 por cento.
PROGRESIVA EVOLUCIÓN NEGATIVA DA PORCENTAXE DE POBOACIÓN CON CARENCIA DE MATERIAL SEVERA E DOS FOGARES CON BAIXA INTENSIDADE DE TRABALLO
Precisamente, no relativo a estes dous últimos aspectos, destaca a progresiva evolución negativa. Se no 2013 a porcentaxe de poboación con carencia de material severa era do 4,6 sube ata o 5,5 no 2014. No referente aos fogares con baixa intensidade no traballo, a taxa era no 2013 do 14,1 e tamén subiu no 2014 ata o 14,9.
En relación coa actividade, no primeiro semestre do 2015, un 91,8 por cento dos contratos realizados foron de carácter temporal. Tan só o 8,2 por cento foron indefinidos. O peso dos contratos a tempo parcial é xa do 37 por cento, ocupando cada vez maior parte do mercado de traballo. A extensión de precariedade no propio desemprego reflicte un descenso continuado dos beneficiarios das prestacións por desemprego, das contías medias e, en última instancia, da taxa de cobertura, do 68,8 por cento no 2011 ao 52,5 en maio de 2015.
Aquí tamén cabe subliñar a extensión do paro de longa duración, cifrada na EPA nun 60 por cento máis dende 2011. Segundo os últimos datos do IGE, no 2014, o peso dos parados de moi longa duración sobre o total de desempregados acadou preto do 40 por cento, medrando en relación ao ano anterior en 4,2 puntos.
ALTÍSIMA DEPENDENCIA DOS FOGARES GALEGOS DAS TRANSFERENCIAS SOCIAIS
Outro dato moi significativo que se observa na realidade dos fogares galegos e que é certamente preocupante é a altísima dependencia que existe das transferencias sociais para garantir a cohesión social. De feito, se se exclúen as prestacións contributivas, as non contributivas e prestacións e subsidios por desemprego do cálculo, a taxa de risco de pobreza dos fogares ascendería ao 35,51 por cento. Pola contra, contando con estas prestacións, este indicador baixa ao 16,57 por cento.
A TÍMIDA RECUPERACIÓN DO EMPREGO BASÉASE NUN MODELO PRODUTIVO MOI FEBLE CON BAIXOS CUSTES LABORAIS
Todo apunta a que a tímida recuperación do emprego se está baseando nun modelo produtivo xa coñecido, cun marcado carácter estacional que permite melloras en etapas vacacionais e que se sustenta en actividades de menos valor engadido.
Deste xeito, encamiñámonos cara un sistema baseado en baixos custes laborais, con escaso investimento en tecnoloxías e formación e no que prima o traballo precario, temporal e a tempo parcial.
A depreciación salarial está afundindo a calidade de vida de millóns de familias e incrementando os niveis de pobreza, polo que urxe que os salarios gañen poder de compra e isto precisa dun sistema de políticas de emprego eficiente, que potencien e reformulen as políticas activas de emprego e a contratación indefinida con dereitos e de calidade.
Para elo, o III Acordo de Negociación colectiva (III ANC) para os anos 2015, 2016 e 2017 é una ferramenta moi valiosa. Contribúe a consolidar unha recuperación económica máis rápida, duradeira e xusta, sitúa como prioridade a creación de emprego de calidade, aposta por ganancias do poder de compra dos salarios para fortalecer a demanda interna, reducir as desigualdades e mellorar a distribución da renda e fortalece o convenio colectivo como instrumento regulador dos dereitos e garantías dos traballadores.
Polo que se refire ós criterios en materia salarial, o acordo recolle unha suba salarial de ata o 1 por cento para 2015 e de ata o 1,5 por cento para 2016. Ademais, inclúe unha cláusula de revisión para o caso de que a suba dos prezos acumulada en 2015 e 2016 supere o aumento salarial acumulado tope, é dicir, 2,5 por cento.
UGT DEMANA UNHA AXENDA SOCIAL QUE AUMENTE A PROTECCIÓN DAS PERSOAS TRABALLADORAS E COMBATA A POBREZA LABORAL
A cobertura da protección por desemprego e a contía da prestación non deixan de diminuír. Por elo, esta protección se debe adecuar ás novas realidades do paro xurdidas coa crise, facilitando o aumento da cobertura, a contía da prestación e combatendo a pobreza laboral mediante as propostas que presentamos UGT e CCOO no Congreso no mes de abril, coa Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) dunha prestación de ingresos mínimos. Unha ILP, por certo, que tivo a acollida favorable de todos os grupos parlamentarios. Este debería ser un punto básico da axenda social.
Ademais urxe un plan de emprego de choque que implique tamén ás autoridades comunitarias con recursos excepcionais para impulsar a contratación laboral e o emprego, especialmente, dos colectivos en peores condicións, parados de longa duración, mozos e traballadores sen formación. E, todo elo, no marco dun novo modelo produtivo máis eficiente e sostible, sen o cal non haberá unha saída real da crise.
Isto esixe profundas e continuas transformacións en ámbitos cruciais da actividade económica e laboral e aumentar as capacidades de actuación públicas, reformando a fiscalidade con actuacións de ingreso e gasto público que inflúan decisivamente sobre o modelo económico e de sociedade, e son unha ferramenta esencial para lograr unha redistribución xusta e equitativa da renda e do benestar.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE POLÍTICA SINDICAL, RELACIÓNS LABORAIS E FORMACIÓN DE UGT-GALICIA, JOSÉ DOMINGO BARROS. TELÉFONO: 679451570.