71 mulleres asasinadas dende 2003 e catro no que vai de 2024

UGT conmemora o 25N baixo o lema “Nin unha menos. Contra a violencia machista só si é si” e incide en que eliminar a brecha de xénero a todos os niveis é fundamental para combater a violencia machista así como na necesidade dun novo Pacto de Estado para loitar contra esta lacra

UGT conmemora o 25N baixo o lema “Nin unha menos. Contra a violencia machista só si é si” e incide en que eliminar a brecha de xénero a todos os niveis é fundamental para combater a violencia machista así como na necesidade dun novo Pacto de Estado para loitar contra esta lacra

Dende o 2003 en Galicia foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas 71 mulleres e catro no que vai de 2024

Ademais, 21 orfos e orfas menores de 18 anos dende 2013

Santiago, 14 de novembro de 2024. Co gallo da celebración do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, UGT-Galicia insiste en que “fronte á violencia contra as mulleres, tolerancia cero” e fai un chamamento a toda a cidadanía para combater estas violencias tanto nos centros da traballo como no conxunto da sociedade e chama tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres superviventes. Discursos que non poden seguir negando a realidade, que se fai máis que evidente no informe elaborado por UGT para este 25N, data que o Sindicato conmemora esta ano baixo o lema “Ni unha menos. Contra a violencia machista só si é si”.

As cifras están aí, son escandalosas e indiscutibles. Ao abeiro da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, 1/2004, contabilízanse un total de 40 mulleres asasinadas pola súa parella ou exparella no que vai de 2024 (ata o 12 de novembro), catro delas en Galicia.

Dende o 2003, 1.284 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, máis dunha muller asasinada cada seis días. En Galicia foron 71, de media máis de tres mulleres ao ano.

O número de orfos e orfas menores de 18 anos, vítimas colaterais desta violencia, dende 2013, primeiro ano no que se dispón de información, ata o 12 de novembro de 2024 foi de 21 nesta Comunidade, 3 no que vai de 2024.

As denuncias por violencia de xénero soben en Galicia un 7%

En canto ás denuncias por violencia de xénero, segundo o Informe anual sobre violencia de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial de 2023, neste ano rexistráronse no Estado un total de 199.282 denuncias, un 9,46% máis que no 2022, e 193.521 mulleres vítimas de violencia de xénero, o que equivale a 530 mulleres vítimas de violencia de xénero cada día. En Galicia, se no 2022 foron 6.995 as denuncias rexistradas, no 2023 esta cifra ascende a 7.483, o que supón un crecemento do 7%. En relación ás vítimas, o dato coincide coas denuncias e o aumento foi algo superior, do 7,6%.

Máis de 4.000 mulleres en situación de prostitución en Galicia

No ámbito da trata e a explotación sexual, outro xeito de violencia contra as mulleres, o Ministerio de Igualdade ven de presentar un estudo do que se conclúe que en España hai, aproximadamente, 114.576 mulleres en situación de prostitución, 4.053 en Galicia. Destas 114.576, unhas 92.496 poderían estar en risco de trata e 9.000 cun risco moi alto. Neste mesmo senso, sinalar que a taxa de prostitución por cada 10.000 mulleres maiores de idade é en Galicia do 33,23.

Case 400 vítimas de violencia doméstica, o 66% mulleres

Segundo os datos publicados polo INE, no 2023 rexistráronse 9.126 vítimas de violencia doméstica con orde de protección ou medidas cautelares, destas, o 61,1% eran mulleres. Deste total, 378 rexistráronse en Galicia, aumentando un 13,9% en relación ao 2022. Precisar que nesta Comunidade, do total, o 66,1% eran mulleres.

Máis de 900 vítimas de delitos contra a liberdade sexual. 9 de cada 10 vítimas son mulleres

Por outra banda, en canto ás vítimas de delitos contra a liberdade sexual, segundo datos do Ministerio do Interior, estas ascenderon no 2023 a 21.825 feitos coñecidos, 924 en Galicia.

Os delitos aos que se refire, neste caso, inclúen agresión e abuso sexual, agresión e abuso sexual con penetración, pornografía de menores, exhibicionismo, acoso sexual, contacto tecnoloxía menor de 16 anos, corrupción de menores/incapacitados, delitos relativos á prostitución, provocación sexual ou promoción da prostitución a través das novas tecnoloxías. A distribución por sexos resulta contundente, 9 de cada 10 vítimas desta modalidade de delitos son mulleres.

O 40% das mulleres maiores de 16 anos sofren acoso nalgún momento da súa vida e o 17% apunta ao eido laboral

Que acontece no eido laboral? Pois que o acoso sexual tamén se rexistra neste eido. Así, a macroenquisa de violencia contra a muller 2019 recollía que o 40,4% das mulleres maiores de 16 anos en España tiñan sufrido acoso sexual nalgún momento da súa vida. E, destas, un 17,3% apuntan ao contexto laboral. Que implica isto? Que 1 de cada 5 mulleres acosadas sexualmente fórono no eido laboral.

En canto ao “stalking” (acoso reiterado), a devandita enquisa indica que o 15,2% das mulleres españolas sufrírono nalgún momento da súa vida e o 4,1% apunta ao seu xefe ou supervisor como agresor, mentres que o 7,3% a outra persoa (home) do ámbito laboral.

Neste senso, dende UGT-Galicia apúntase que, para combater o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, existe na negociación colectiva unha importante ferramenta, os protocolos de acoso dirixidos especificamente a eliminar esta forma de violencia machista, xunto cos plans de igualdade nas empresas. Non obstante, de seguro, isto non é suficiente e hai que acometer máis medidas para rematar con esta lacra.

Violencia machista a través das Tics

Nas múltiples formas nas que as mulleres son vítimas da violencia machista tamén están as que se sofren a través das Tics, a través de agresións contra a súa honra, intimidade ou liberdade.

Este tipo de violencia, aínda moi invisibilizado, prodúcese de xeito rápido, viral e ten graves consecuencias. De feito, no 2022 o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade publicou un informe sobre violencia dixital de xénero que reflectía que o 54% das mulleres que foron vítimas do acoso a través das redes sociais experimentou ataques de pánico, ansiedade ou estrés. O 42% das nenas e mozas que sufriron acoso en liña mostraron estrés emocional, baixa autoestima e perda de confianza. Máis dun 25% das mulleres entre 16 e 25 anos en España recibiron insinuacións non apropiadas a través das redes. E o informe tamén alerta sobre o feito de que en menos dunha década multiplicáronse por cinco en España os delitos de contacto mediante tecnoloxía con menores de 16 anos con fins sexuais.

Neste mesmo senso, o Parlamento Europeo estimou o valor económico para o conxunto da UE destas consecuencias nunha cifra que está entre os 49.000 e 89.300 millóns de euros. Esta estimación económica da unha magnitude do problema.

O 12% de mulleres de 16 ou máis anos con parella ou exparella sofren nalgún momento violencia económica

Outro xeito de violencia contra a muller é a económica. De feito, a macroenquisa de Violencia contra a muller de 2019 indicaba que o 12% de mulleres de 16 ou máis anos que teñen ou tiveron parella sufrirían violencia económica. As formas máis comúns son falta de pagamento de pensións; prohibir que as mulleres traballen ou estuden fóra do fogar; impedirlles tomar decisións relacionadas coa economía familiar ou realizar compras de xeito independente; ou o uso de traballo de mulleres sen intercambio prestacional, entre outras moitas.

Por todo isto, UGT-Galicia manifesta a súa máis rotunda condena e repulsa contra o machismo, os abusos e as agresións sexuais contra as mulleres, a discriminación laboral e social que padecen estas e, moi especialmente, contra a violencia que se exerce contra elas en todos os ámbitos e a todos os niveis.

O Sindicato loita contra a violencia machista de forma específica pero tamén contra as discriminacións laborais por razón de sexo, cuxa relación intrínseca e impacto na loita contra a violencia que sofren as mulleres é esencial e imprescindible. Eliminar a brecha de xénero nas retribucións, na protección social, na conciliación da vida familiar e laboral, no acceso e mantemento do emprego, no acceso aos postos de responsabilidade, entre outras, é fundamental para combater a violencia machista que sofren as mulleres.

A brecha de xénero no eido laboral agrava a situación das mulleres que sofren violencia

A brecha de xénero no ámbito laboral agrava a situación das mulleres que sofren violencia de xénero e garantir o seu acceso ao emprego e a non discriminación por razón de sexo no mesmo é fundamental para que poidan ser independentes e autónomas economicamente pero tamén emocional e persoalmente; algo que resulta imprescindible e fundamental para que poidan saír das situacións de violencia.

Por outra banda, a violencia machista, do mesmo xeito que no resto dos ámbitos da nosa sociedade, tamén se pon de manifesto na esfera laboral.

Accións de UGT

Desde UGT, no noso firme compromiso de loita contra a violencia machista que padecen as mulleres, e especialmente no ámbito laboral, que é o noso contexto de competencia máis directa, levamos a cabo entre outras accións, as de:

- Formar e sensibilizar ao noso activo sindical fronte ás violencias machistas.

- Negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo previstos na lexislación.

- Negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, os estereotipos e a violencia que sofren as mulleres no ámbito laboral.

- Implantar a figura dos axentes de igualdade nas empresas e cuxa labor é esencial na vixilancia, implantación e control da aplicación efectiva de medidas de igualdade de xénero, dirixidas, entre outras, contra a violencia machista.

- Formar e sensibilizar aos cadros de persoal nos centros de traballo.

- Colaborar permanentemente coas administracións públicas e asociacións de mulleres no obxectivo de erradicar todas as formas da violencia contra as mulleres en todos os ámbitos e esferas.

- Asesorar ás vítimas e mulleres sobreviventes.

- Loitar pola mellora e a equiparación dos dereitos laborais e de protección social de todas as vítimas de violencia machista.

Novo Pacto de Estado

UGT-Galicia considera que chegou o momento de reclamar un novo Pacto de Estado, no que o Sindicato participe activamente coas súas propostas, é fundamental para loitar contra a violencia machista, así como para avanzar en garantir a seguridade e a protección das mulleres vítimas desta violencia e que na actualidade presenta importantes déficits. Mellorar e asegurar os recursos necesarios para poder combater dita violencia, así como actuar fronte á mesma en todo o territorio español, debe ser tamén un obxectivo prioritario.

Chamamento a participar nos actos do 25N

Finalmente, UGT-Galicia fai un chamamento ao conxunto da cidadanía a participar nos actos reivindicativos do 25N porque “Nin unha menos. Contra a violencia machista só si é si”.

MANIFESTO 25N

 

INFORME 25N

 

Fuente: UGT-Galicia
25N