7 de outubro, Xornada Mundial do Traballo Decente
Fecha: 06 Oct 2015
Este ano, a Xornada Mundial do Traballo Decente, que celebramos o 7 de outubro, desenvólvese baixo o lema «Stop á avaricia empresarial. Precariedade e baixos salarios é igual a máis desigualdade e máis pobreza». Nesta convocatoria, o movemento sindical internacional denuncia a permisividade dos gobernos ante os abusos empresariais que buscan conseguir beneficios rápidos á custa dos dereitos laborais e sociais. Desta forma estanse configurando mercados de traballo cada vez máis desregulados, onde campan polos seus respectos a precariedade e os baixos salarios e, como consecuencia, dispáranse os niveis de desigualdade e pobreza.
No noso país, exemplo dunha mal entendida austeridade impulsada na eurozona como receita para saír da crise, foi o propio Goberno, mediante unha reforma do mercado de traballo imposta, o que desequilibrou as relacións laborais en favor da parte empresarial e o que degradou as condicións de traballo. O desemprego atenaza a máis de catro millóns de persoas en todo o estado, máis de 200.000 en Galicia; máis do 25 % de asalariados e asalariadas son temporais; cada vez son máis as persoas que traballan cun contrato a tempo parcial (1,8 millóns, 148.000 en Galicia); os salarios baixaron por riba dos sete puntos dende 2011; e continúa o alarmante incremento do paro de longa duración (3,2 millóns de persoas buscan traballo dende hai máis dun ano, e desas, 154.200 fano en Galicia; 2,3 millóns procúrano dende hai máis de dous anos, 110.000 en Galicia), a metade de persoas nesa situación non cobra xa ningunha prestación.
Estes datos son un reflexo do que revelan distintos informes: España é un dos países da UE onde máis aumentaron as desigualdades nestes anos de crise, tamén en Galicia. Porén, tanto os orzamentos xerais do Estado como os galegos, deseñados polos gobernos para o 2016, insisten nas mesmas políticas, malia que a xeración de emprego de calidade e a redución das situacións de pobreza deberían ser as prioridades indiscutibles. Medrar a calquera prezo non é a receita para consolidar un crecemento sostible. É necesario mudar o rumbo cara a unha recuperación sostible que fomente a redistribución xusta da riqueza.
Só así será posible consolidar unha saída duradeira da crise, que repercuta nunha paulatina mellora do benestar de todas as persoas, e en especial daquelas que están en peor situación.
CCOO e UGT, con motivo desta Xornada Mundial polo Traballo Decente, esiximos situar as persoas no centro das políticas. Isto implica apostar por empregos de calidade, con dereitos e salarios dignos.
Ambos os sindicatos tamén consideramos que urxe reverter as últimas reformas laborais, en especial a de 2012 e os seus sucesivos desenvolvementos, que institucionalizaron a precariedade nas relacións laborais. Así mesmo, cómpre fortalecer o sistema de prestacións por desemprego, incorporando simultaneamente unha prestación de ingresos mínimos, tal e como expuxemos UGT e CCOO a través dunha iniciativa lexislativa popular.
Reformar o sistema de políticas activas de emprego, cun Servizo Público de Emprego reforzado financeira, humana e tecnoloxicamente como institución central e garante do sistema, debe ser outra das prioridades.
Ademais, é necesario mellorar as redes de protección social para garantir un estado de benestar no que se recupere a universalidade da sanidade e a educación e se garanta o poder adquisitivo dos pensionistas.
Por último, os dous sindicatos apostamos por recuperar dereitos cidadáns en todos os ámbitos en que se recortaron. Neste senso, urxe retirar a reforma da lei de seguridade cidadá, a do Código Penal e do seu artigo 315.3.