17 de maio, Día das letras galegas

UGT-Galicia reivindica o insubstituíble papel da lingua galega como vehículo de comunicación, parte do patrimonio e medio básico de expresión cultural

17 de maio, Día das letras galegas

Florencio Delgado será o protagonista nesta edición

Santiago, 16 de maio de 2022.- Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición ó poeta, articulista, editor literario e fío condutor coa Galicia exiliada en México, Florencio Delgado Gurriarán, (Vilamartín de Valdeorras, 1903- California, 1987). Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Florencio Delgado co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos e todas a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente, lémbrase a figura do homenaxeado, marcada pola súa labor literaria e activismo político e cultural que constituíron un dos capítulos máis destacados das letras galegas na emigración. Florencio Delgado foi un excelente poeta, cultivador dun galego característico das terras de Valdeorras e coa súa elección tamén se está a homenaxear á Galicia do exilio republicano en México. Porque neste país, Delgado Gurriarán e outros intelectuais desenvolveron importantes iniciativas que mantiveron viva a chama da identidade galega e son, polo tanto, un referente obrigado da historia da nosa lingua a cultura.

Florencio Delgado foi un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura en México, as revistas “Vieiros” e “Saudade”, a audición radiofónica Hora de Galicia, en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e doutras publicacións de carácter político e cultural. Labor cultural e política que xa cultivaba en Galicia antes do seu obrigado exilio por mor da Guerra Civil a través do seu vínculo coas Irmandades da Fala, co Partido Galeguista ou co Partido Nacionalista Republicano de Ourense.

Finalmente, nesta data, pero os 365 días do ano, UGT-Galicia insiste en destacar o valor da lingua galega e da cultura como elementos de cohesión social e de transmisión de valores democráticos.


 



 


 

Fuente: UGT-Galicia