17 de maio de 2019, Día das letras galegas

Fecha: 16 May 2020

UGT-Galicia aproveita esta data para reclamar un esforzo coordinado por parte das administracións para paliar a difícil situación dos traballadores da cultura neste momento de crise que estamos a vivir motivada polo COVID-19

17 de maio de 2019, Día das letras galegas

Ricardo Carvalho Calero será o protagonista nesta edición

Santiago, 16 de maio de 2020.- Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición ao escritor, historiador da literatura, crítico literario, filólogo e lingüista Ricardo Carvalho Calero (Ferrol 1919- Santiago de Compostela 1990). Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Ricardo Carvalho Calero co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administración o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente lémbrase a figura do homenaxeado que publicou numerosas obras adicadas á lingua e literatura galegas, paralelamente á súa labor docente. Así, levou a cabo un importante traballo investigador que tivo o seu froito máis valioso na publicación no ano 1963 da Historia da literatura galega contemporánea que, xunto coas publicación relacionadas coa lingua galega a e súa codificación centraron a súa atención. Ademais, hai que destacar o seu ingreso na Real Academia Galega cun estudo sobre as fontes literarias de Rosalía. A súa Gramática elemental do galego común tivo sete edicións ata 1979 e foi un manual imprescindible para os primeiros estudantes universitarios de filoloxía galega. Tamén participou, por encargo da RAG, na elaboración das súas primeiras normas de ortografía (1970) e morfolóxicas (1971).

UGT-Galicia aproveita esta data para reclamar un esforzo coordinado por parte das administracións para paliar a difícil situación dos traballadores da cultura neste momento de crise que estamos a vivir motivada polo COVID-19

Pero, precisamente, nesta data, UGT-Galicia non quere esquecerse do sector da cultura, un sector, moi afectado pola crise que estamos a vivir motivada polo COVID-19, que precisa dun esforzo coordinado por parte de todas as administracións con medidas e propostas para paliar a súa difícil situación nestes momentos.

UGT-Galicia resalta que a cultura é un sector estratéxico e así debe ser considerado polas administracións públicas. Neste senso, a cidadanía ten recorrido á cultura no seu máis amplo senso como un ben de primeira necesidade e ao longo destas semanas traballadores e traballadoras do mundo da cultura e empresas contribuíron con xenerosidade a poñer en marcha e difundir centenares de iniciativas que axudaron á poboación a sobrelevar o confinamento. Tamén hai que destacar o seu valor como elemento de cohesión social e de transmisión de valores democráticos.


 


 

Fuente: UGT-Galicia