Un ano máis este 8M vai estar marcado polas desigualdades laborais que prexudican ás mulleres galegas

Taxas de actividade máis baixas, menor ocupación, segregación horizontal e vertical, máis parcialidade, máis paro e un suspenso absoluto para os fogares galegos en materia de corresponsabilidade

Taxas de actividade máis baixas, menor ocupación, segregación horizontal e vertical, máis parcialidade, máis paro e un suspenso absoluto para os fogares galegos en materia de corresponsabilidade

Un ano máis este 8M vai estar marcado polas desigualdades laborais que prexudican ás mulleres galegas

A pesar de tímidos avances grazas a medidas como as melloras do SMI e a reforma laboral

Santiago, 2 de marzo de 2026.- Un ano máis, de cara a este 8 de marzo, Día internacional da muller traballadora, UGT-Galicia vese na obriga de denunciar a situación sociolaboral das mulleres galegas marcada por unha menor actividade e ocupación, máis desemprego, segregación horizontal e vertical, maior temporalidade e parcialidade, a brecha salarial e a asunción das tarefas e coidados familiares, todos eles factores que seguen a lastrar a vida laboral das mulleres e as súas carreiras profesionais. Se ben é certo que hai dúas medidas lexislativas, impulsadas e apoiadas por UGT, que están a acurtar algunhas destas eivas, a subida progresiva do SMI nestes últimos anos e a reforma laboral, o camiño por andar aínda é arduo e longo porque as mulleres no eido do traballo seguen a levarse a peor parte das debilidades que o mercado laboral presenta. 

Facendo unha radiografía da situación, segundo os datos da EPA do ano 2025 (media anual), a poboación activa feminina en Galicia é inferior á masculina en 12.000 persoas, cunha taxa de actividade do 50,7%, fronte ao 56,6% no caso dos homes, o que supón unha diferenza de case 6 puntos.

Galicia rexistra a cuarta taxa de actividade feminina máis baixa do Estado

En canto á comparativa co resto das comunidades autónomas, Galicia rexistra a cuarta taxa de actividade feminina máis baixa do Estado, só Asturias, cun 48,6%, Estremadura, cun 50,6%, e Castela e León, cun 49,7, teñen un índices máis baixos. O diferencial coa media estatal, do 54,4%, é de 3,7 puntos.

Aínda que a principal causa da inactividade entre as mulleres, igual que no caso dos homes, é estar en situación de xubilación, a esta séguelle de preto a causa marcada como “labores do fogar”. Hai 614.400 mulleres inactivas, fronte a 493.800 homes, e, destas, 252.000 o son por ser xubiladas e 134.900 por “labores do fogar”. No caso dos homes, 305.900 están en situación de inactividade por xubilación e por “labores do fogar” tan só hai 23.900. A falta de corresponsabilidade no fogar, como se vai ratificar por outros datos presentados ao longo desta nota, eríxese como un dos principais factores que lastran ás mulleres, frean o seu acceso ao mundo laboral e, cando están nel, merman as súas carreiras profesionais.

De cada cen persoas ocupadas, o 49,3% son mulleres, a pesar de representar o 52,3% da poboación. A brecha na taxa de emprego é de 5,8 puntos

En termos de ocupación, as mulleres galegas tamén se levan a peor parte. Hai 577.400 mulleres ocupadas, fronte a 593.100 homes, 15.600 mulleres menos. De cada cen ocupados, o 49,3% son mulleres, aínda representando o 52,3% da poboación (maior de 16 anos). Isto tradúcese nunha taxa de emprego masculina do 52,1% e de tan só o 46,3% no caso das mulleres, o que supón unha brecha de 5,8 puntos.

Segregación horizontal e vertical

E, aínda estando ocupadas, as mulleres galegas seguen a sufrir tanto a segregación ocupacional horizontal como vertical. O gran foco de ocupación feminina céntrase nos servizos, representando as mulleres o 58,7% do total (o 84,7% das mulleres ocupadas o están neste sector). Na agricultura, gandería, caza e silvicultura, as galegas representan o 39%. A porcentaxe baixa ao 29,7% no caso da industria, o 22% na pesca e acuicultura e o 10,3% na construción.

Tamén segue a existir a segregación vertical, tan só o 34,8% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só o 2,1% das mulleres ocupadas o están nestes postos. Outro dato relevante é que as mulleres tan só representan o 33,29% dos órganos de dirección das empresas do IBEX35. Non obstante, aquí hai que subliñar que as políticas de igualdade están a ser efectivas, xa que no 2013 está porcentaxe non superaba o 12,44%.

En canto á situación profesional, o 21,1% dos homes teñen unha ocupación por conta propia, fronte ao 15% das mulleres. Por sectores, as mulleres galegas teñen maior presenza que os homes no sector público, representando o 61,5%.

A igual formación, os homes teñen taxas de ocupación maiores. Non obstante, a maior nivel formativo as diferenzas redúcense, de feito, nos estudos superiores as mulleres xa superan aos homes

A relación entre formación e ocupación segue a ser máis beneficiosa para os homes. A igual formación, os homes acadan sempre maiores taxas de ocupación. A diferenza tan só é mínima no caso de estudos superiores, de feito, con este nivel formativo xa hai a día de hoxe máis mulleres que homes, 312.600, fronte a 244.000. Tamén se comproba que a maior nivel formativo, maior empregabilidade, polo que se deduce que a formación é a principal ferramenta para lograr a inclusión da muller no mercado laboral.

As taxas concretas de ocupación por nivel de formación son: con estudos primarios, do 13,1% entre os homes e do 6,4% entre as mulleres; educación secundaria primeira etapa, 45,3% entre os homes, 35% entre as mulleres; educación secundaria segunda etapa, con orientación xeral, 50,6% entre os homes, 46,7% entre as mulleres; educación secundaria segunda etapa, con orientación profesional, 70,8% entre os homes, e 65%, entre as mulleres; e educación superior, 72,3% entre os homes, 73,4% entre as mulleres.

A Reforma laboral deixa a súa pegada, hai 94.100 mulleres máis en 2025 que no 2021 que teñen contrato indefinido

Que efectos está a provocar a reforma laboral?. Esta modificación lexislativa está a transformar o mercado laboral cara a estabilidade en ambos sexos. No 2025 a taxa de temporalidade foi do 16,7% entre as mulleres e do 10,9% entre os homes. Ambas están a experimentar un descenso progresivo. No 2019 a masculina era do 25,1% e a feminina do 27,8%. De toda a poboación asalariada con contrato temporal, o 61,6% aínda son mulleres. En canto á contratación indefinida, estase a ver claramente a pegada da reforma laboral, se no 2021 a porcentaxe da contratación indefinida era do 9,3%, entre as mulleres, pasou ao 28,9% no 2025.

A parcialidade ten rostro de muller. O 74,5% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres. Do total das mulleres ocupadas, o 20,5% teñen contrato parcial, fronte ao 6,8% de homes

A parcialidade ten rostro de muller. Hai 118.200 mulleres con contrato a tempo parcial, fronte a 40.500 homes. Do total de mulleres ocupadas, o 20,5% teñen un contrato a tempo parcial, porcentaxe que no caso dos homes baixa ao 6,8%. Unha brecha de 13,7 puntos.

Hai 3.700 mulleres máis en situación de desemprego e cunha taxa de cobertura 4,5 puntos inferior á dos homes

Que acontece no desemprego? A situación tamén é máis gravosa para as mulleres. No 2025 houbo 55.200 mulleres en situación de desemprego, fronte a 51.500 homes. A taxa de paro feminina é do 8,7% e a masculina do 8%.

Nas taxas de cobertura por desemprego, as mulleres tamén se levan a peor parte, cunha taxa do 77,5% que no caso dos homes sube ata o 82%.

Suspenso absoluto para os fogares galegos en materia de corresponsabilidade

Outro ano máis, a materia de corresponsabilidade nos fogares galegos resólvese cun suspenso. Seguen a ser as mulleres as que asumen, na maior parte dos casos, os coidados, o que as obriga, ou ben a renunciar a estar no mercado laboral ou a facelo en condicións máis limitadas para poder atender as dúas frontes.

Das persoas que teñen contrato a tempo parcial por responsabilidades de coidado de fillos ou outros familiares, o 91,3% son mulleres

Aí están os datos. Das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que “responsabilidades de coidado de fillos ou outros familiares”, un 91,3% son mulleres.

O 76,4% das reducións por garda legal son solicitadas por mulleres e o 80,5% das excedencias

As reducións de xornada por garda legal (menores de 12 anos) son solicitadas por mulleres no 76,4% dos casos. As excedencias por coidado familiar son solicitadas no 80,5% dos casos por mulleres.

As estatísticas tamén indican que son as mulleres as que maioritariamente están a sobrelevar as deficiencias do sistema de autonomía a atención á dependencia. Das 137.513 persoas coidadoras de persoas con dependencia, 90.205 son mulleres, é dicir, 65,6 de cada cen.

A brecha salarial, consecuencia tamén de moitos dos aspectos denunciados hoxe, persiste, aínda que, grazas a medidas como a mellora do SMI, vaise limando, aínda está en Galicia no 15,7%. 

Aínda queda moito por facer. Propostas de UGT:

Por todo isto, e para denunciar que as desigualdade persisten, UGT-Galicia chama á cidadanía a mobilizarse e participar nos actos convocados con motivo do 8 de marzo.

Como prioridades, UGT-Galicia márcase subir o SMI ata situalo no 60% da media salarial; reclamar que todas as políticas públicas teñan perspectiva de xénero; reforzar as políticas activas de emprego con perspectiva de xénero; esixir o cumprimento dos plans de igualdade nos termos que obriga a lexislación; activar o diálogo social para traspoñer as directivas pendentes, entre elas as de transparencia salarial e violencia contra as mulleres; reducir a xornada sen redución salarial, ata un máximo de 37,5 horas semanais; pedir unha política integral de coidados, con políticas efectivas de corresponsabilidade, e dignificar e revalorizar social e economicamente os traballos dos sectores de coidado; erradicar todas as formas e manifestacións de violencia machista; garantir o dereito efectivo ao aborto; e reclamar ás forzas parlamentarias democráticas garantías para que non se retroceda nos dereitos das mulleres nin en avances en igualdade.

 

INFORME SITUACIÓN SOCIOLABORAL MULLER GALICIA

 

MANIFESTO 8M 

Fuente: UGT-Galicia
#8M