UGT reclama seguir reducindo o tempo de traballo, reforzar a protección fronte ao despedimento inxusto e garantir salarios que crezan para amortecer os efectos das subidas de produtos básicos

Fecha: 24 Oct 2025

EPAss

UGT reclama seguir reducindo o tempo de traballo, reforzar a protección fronte ao despedimento inxusto e garantir salarios que crezan para amortecer os efectos das subidas de produtos básicos



 

Santiago, 24 de outubro de 2025. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2025 publicados polo INE confirman a resiliencia do mercado laboral español.

A ocupación aumenta en 14.000 persoas no trimestre e en 20.100 no último ano, alcanzando un récord histórico de 1.179.500 persoas ocupadas, das cales 960.400 son asalariadas.

O emprego a tempo completo increméntase en 23.900 persoas e o parcial caeu en 10.000, o que reflicte unha maior estabilidade.

A taxa de temporalidade sitúase no 14,6%, a máis baixa nun terceiro trimestre desde que existen rexistros, consolidando a mellora derivada da reforma laboral de 2021, froito do diálogo social entre o Goberno, os sindicatos e a patronal.

A taxa de paro sitúase no 8%, a máis baixa das series dispoñibles.

Recuperar a xustiza no despedimento: cumprir a Carta Social Europea

UGT subliña que a regulación actual do despedimento segue sendo unha materia pendente en España. A reforma imposta en 2012 —un ataque frontal ao diálogo social e á negociación tripartita— debilitou a posición das vítimas dun despedimento inxusto e ilegal, reducindo sistematicamente as indemnizacións por un acto ilícito e eliminando os salarios de tramitación. Esta reforma rompeu o equilibrio entre as partes e vulnerou os estándares europeos de protección.

Por iso, UGT esixe unha reforma que restableza a xustiza no despedimento e garanta a reparación íntegra ás persoas traballadoras afectadas, tal como establece a Carta Social Europea e recoñeceu o Comité Europeo de Dereitos Sociais, ao declarar que o sistema español non protexe adecuadamente fronte ao despedimento improcedente.

UGT considera que a patronal, se realmente cre no diálogo social, debe demostralo negociando unha nova regulación que protexa ás vítimas de decisións empresariais inxustificadas e ilegais e non aliñarse con quen busca manter unha norma que destruíu a concertación social.

Defender o contrato de traballo e a dignidade das persoas despedidas inxustamente é unha obrigación democrática e xurídica, non unha opción.

Seguir reducindo o tempo de traballo: benestar, produtividade e emprego

A xornada laboral máxima legal de 40 horas semanais mantense inalterada desde fai máis de catro décadas, a pesar da profunda transformación que experimentaron as formas de producir, de traballar e de vivir. Hai que seguir avanzado e o próximo AENC será unha boa oportunidade para incidir na redución do tempo de traballo. Reducir progresivamente o tempo de traballo sen perda salarial é unha reforma necesaria para adaptar as relacións laborais aos novos tempos, marcados pola dixitalización, a automatización, a intelixencia artificial e as grandes transicións ecolóxica, demográfica e tecnolóxica.

A repartición máis equilibrada do tempo de traballo permitirá aproveitar mellor os aumentos de produtividade derivados da innovación, mellorar a saúde laboral, reducir a parcialidade involuntaria, facilitar a conciliación e garantir unha transición xusta no mundo do traballo. En definitiva, avanzar cara a xornadas máis curtas non só é unha cuestión de benestar, senón tamén de eficiencia, sustentabilidade e cohesión social.

A organización sindical lembra que a repartición do tempo de traballo é clave para mellorar a produtividade, reducir a parcialidade involuntaria (que afecta ao 43,9% de quen traballa a tempo parcial) e combater a pobreza laboral, que alcanza ao 15,6% das persoas ocupadas.

Avanzar cara a unha xornada máis curta permitirá repartir mellor o emprego, mellorar a saúde laboral e aumentar a calidade de vida.

Reforzar as políticas activas de emprego e a igualdade de xénero

A EPA tamén mostra que persisten retos estruturais en materia de desemprego. Aínda que o número de persoas paradas descende, aínda máis de 100.000 persoas buscan traballo, e unha de cada tres leva máis dun ano en paro. UGT reclama reforzar os servizos públicos de emprego e garantir unha orientación personalizada e eficaz, dotando de máis recursos humanos e financeiros aos organismos públicos para lograr unha reinserción laboral real e de calidade.

Ademais, a organización advirte da brecha de xénero persistente no desemprego: a taxa de paro feminina segue sendo superior á masculina (9% fronte ao 7%), o que obriga a reforzar as políticas de igualdade, a corresponsabilidade e a mellora dos contratos a tempo parcial.

Garantir cláusulas salariais que repartan xustamente o crecemento

UGT alerta de que, a pesar dos bos resultados económicos e ás marxes empresariais récord, só un 35% das persoas traballadoras conta con cláusulas de revisión salarial automática vinculadas á inflación ou á produtividade.

Por iso, o sindicato esixe xeneralizar estes mecanismos no VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), para que o crecemento das empresas tradúzase en melloras reais para a maioría traballadora.

O obxectivo, sinala UGT, debe ser garantir que a riqueza se reparta de forma xusta e que os beneficios empresariais non se acumulen á conta do poder adquisitivo das persoas asalariadas.

A EPA do terceiro trimestre de 2025 confirma a fortaleza do mercado laboral e a eficacia do modelo de diálogo social que guiou as reformas recentes. Pero tamén mostra que persisten desequilibrios que deben corrixirse con novas medidas de xustiza laboral:

• Reformar o despedimento para cumprir a Carta Social Europea e protexer ás vítimas de decisións inxustas.

• Seguir reducindo o tempo de traballo ata as 37,5 horas semanais sen perda salarial.

• Fortalecer as políticas activas de emprego e a igualdade de xénero.

• Estender as cláusulas de garantía salarial para repartir equitativamente o crecemento.

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 20.100 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 1,7%) e, en relación ó segundo trimestre de 2025, hai 14.000 ocupados máis, o que supón unha subida do 1,2%.

Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,8%, fronte ó 59,3% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro baixou en 9.900 persoas, o que supón o 8,8%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego tamén baixou, un 3,3%, en 3.500 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 102.600 persoas desempregadas, no 8%. No caso dos homes esta taxa é do 7% e do 9% no caso das mulleres. Entre os menores de 30 anos esta sube ata o 14,2%.

Por sectores, interanualmente, o emprego mellora no sector servizos cunha suba da ocupación dun 5% (40.600 ocupados máis). Pola contra, baixa no resto, no primario, nun 11% (8.200 ocupados menos); na construción, nun 13,5% (11.200 ocupados menos); e na industria, nun 0,6 (1.100 ocupados menos).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube no primario, nun 0,2% (200 ocupados máis); e nos servizos, un 3,3% (27.300 ocupados máis). Pola contra, baixa na industria, nun 3% (5.900 ocupados menos); e na construción, 9,4% (7.500 ocupados menos).

Hai en Galicia un total de 960.400 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 1.100 (0,1%) e ó ano soben en 11.600 (1,2%).

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 14,6%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 4,6%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido baixaron en 3.700, o que supón un 0,4%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 12,7%.

33.400 persoas paradas con máis dun ano nesta situación

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é o paro de longa duración. Situación que leva á vulnerabilidade de moitas familias.

Das 102.600 persoas que están no desemprego, 33.400 levan máis dun ano nesta situación e 22.100 dous ou máis.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.

 



 



 



 



 

Fuente: UGT-Galicia
EPA