UGT-Galicia valora a boa evolución do emprego e sitúa como retos seguir reducindo o tempo de traballo, reforzar a protección fronte ao despedimento inxusto, garantir salarios que crezan para amortecer os efectos das subidas de produtos básicos e traballar
Aínda que a evolución do emprego é boa, con taxas de paro e temporalidade en mínimos históricos, UGT alerta da baixa taxa de actividade en Galicia, da elevada taxa de desemprego entre os máis mozos e de que 42.200 persoas levan máis dun ano no paro
Fecha: 27 Ene 2026
UGT-Galicia valora a boa evolución do emprego e sitúa como retos seguir reducindo o tempo de traballo, reforzar a protección fronte ao despedimento inxusto, garantir salarios que crezan para amortecer os efectos das subidas de produtos básicos e traballar para reducir o paro de longa duración
Aínda que a evolución do emprego é boa, con taxas de paro e temporalidade en mínimos históricos, UGT alerta da baixa taxa de actividade en Galicia, da elevada taxa de desemprego entre os máis mozos e de que 42.200 persoas levan máis dun ano no paro
Santiago, 27 de xaneiro de 2026. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2025 publicados polo INE confirman a resiliencia do mercado laboral.
A ocupación aumenta en 7.400 persoas no trimestre e en 33.600 no último ano, alcanzando as 1.186.900 persoas ocupadas, das cales 975.300 son asalariadas.
A taxa de temporalidade sitúase no 12,9%, a máis baixa nun cuarto trimestre desde que existen rexistros, consolidando a mellora derivada da reforma laboral de 2021, froito do diálogo social entre o Goberno, os sindicatos e a patronal.
A taxa de paro sitúase no 8,3%, unha das máis baixas das series dispoñibles.
Recuperar a xustiza no despedimento: cumprir a Carta Social Europea
UGT subliña que a regulación actual do despedimento segue sendo unha materia pendente en España. A reforma imposta en 2012 —un ataque frontal ao diálogo social e á negociación tripartita— debilitou a posición das vítimas dun despedimento inxusto e ilegal, reducindo sistematicamente as indemnizacións por un acto ilícito e eliminando os salarios de tramitación. Esta reforma rompeu o equilibrio entre as partes e vulnerou os estándares europeos de protección.
Por iso, UGT esixe unha reforma que restableza a xustiza no despedimento e garanta a reparación íntegra ás persoas traballadoras afectadas, tal como establece a Carta Social Europea e recoñeceu o Comité Europeo de Dereitos Sociais, ao declarar que o sistema español non protexe adecuadamente fronte ao despedimento improcedente.
UGT considera que a patronal, se realmente cre no diálogo social, debe demostralo negociando unha nova regulación que protexa ás vítimas de decisións empresariais inxustificadas e ilegais e non aliñarse con quen busca manter unha norma que destruíu a concertación social.
Defender o contrato de traballo e a dignidade das persoas despedidas inxustamente é unha obrigación democrática e xurídica, non unha opción.
Seguir reducindo o tempo de traballo: benestar, produtividade e emprego
A xornada laboral máxima legal de 40 horas semanais mantense inalterada desde fai máis de catro décadas, a pesar da profunda transformación que experimentaron as formas de producir, de traballar e de vivir. Hai que seguir avanzado e o próximo AENC será unha boa oportunidade para incidir na redución do tempo de traballo. Reducir progresivamente o tempo de traballo sen perda salarial é unha reforma necesaria para adaptar as relacións laborais aos novos tempos, marcados pola dixitalización, a automatización, a intelixencia artificial e as grandes transicións ecolóxica, demográfica e tecnolóxica.
A repartición máis equilibrada do tempo de traballo permitirá aproveitar mellor os aumentos de produtividade derivados da innovación, mellorar a saúde laboral, reducir a parcialidade involuntaria, facilitar a conciliación e garantir unha transición xusta no mundo do traballo. En definitiva, avanzar cara xornadas máis curtas non só é unha cuestión de benestar, senón tamén de eficiencia, sustentabilidade e cohesión social.
UGT-Galicia lembra que a repartición do tempo de traballo é clave para mellorar a produtividade e reducir a parcialidade involuntaria (que afecta ao 44,1% de quen traballa a tempo parcial).
Avanzar cara unha xornada máis curta permitirá repartir mellor o emprego, mellorar a saúde laboral e aumentar a calidade de vida.
Reforzar as políticas activas de emprego e a igualdade de xénero
A EPA tamén mostra que persisten retos estruturais en materia de desemprego. Aínda hai máis de 100.000 persoas que buscan traballo, e 42.200 perosas levan máis dun ano en paro. UGT reclama reforzar os servizos públicos de emprego e garantir unha orientación personalizada e eficaz, dotando de máis recursos humanos e financeiros aos organismos públicos para lograr unha reinserción laboral real e de calidade.
Ademais, UGT-Galicia advirte da brecha de xénero persistente no desemprego: a taxa de paro feminina segue sendo superior á masculina (8,5% fronte ao 8%), o que obriga a reforzar as políticas de igualdade, a corresponsabilidade e a mellora dos contratos a tempo parcial. E o Sindicato tamén fai fincapé na elevada taxa de desemprego entre os máis mozos, menores de 25 anos, que acada o 28,6%.
Garantir cláusulas salariais que repartan xustamente o crecemento
UGT alerta de que, a pesar dos bos resultados económicos e as marxes empresariais récord, só un 35% das persoas traballadoras conta con cláusulas de revisión salarial automática vinculadas á inflación ou á produtividade.
Por iso, o sindicato esixe xeneralizar estes mecanismos no VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), para que o crecemento das empresas tradúzase en melloras reais para a maioría traballadora.
O obxectivo, sinala UGT, debe ser garantir que a riqueza se reparta de forma xusta e que os beneficios empresariais non se acumulen á conta do poder adquisitivo das persoas asalariadas.
Radiografía da EPA en Galicia
Os datos amosan que hai en Galicia 33.600 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 2,9%) e, en relación ó terceiro trimestre de 2025, hai 7.400 ocupados máis, o que supón unha subida do 0,6%.
Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 54,1%, fronte ó 58,9% do resto do Estado.
Interanualmente, o paro baixou en 2.500 persoas, o que supón o 2,3%. Pola contra, en relación ó trimestre anterior, o desemprego subiu, un 4,2%, en 4.300 persoas.
Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 106.900 persoas desempregadas, no 8,3%. No caso dos homes esta taxa é do 8% e do 8,5% no caso das mulleres. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 28,6%.
Por sectores, interanualmente, o emprego mellora no sector servizos cunha suba da ocupación dun 4,5% (36.300 ocupados máis) e na construción, 1,7% (1.400 ocupados máis). Pola contra, baixa no primario, nun 3,9% (2.700 ocupados menos); e na industria, nun 0,6 (1.200 ocupados menos).
Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube no primario, nun 0,5% (300 ocupados máis); e na construción, un 16,4% (11.800 ocupados máis). Pola contra, baixa na industria, nun 0,6% (1.200 ocupados menos); e no sector servizos, 0,4% (3.400 ocupados menos).
Hai en Galicia un total de 975.300 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 14.900 (1,6%) e ó ano soben en 27.100 (2,9%).
A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 12,9%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 6,5%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 29.100, o que supón un 3,5%.
O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 13,8%.
42.200 persoas paradas con máis dun ano nesta situación
Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é o paro de longa duración. Situación que leva á vulnerabilidade de moitas familias.
Das 106.900 persoas que están no desemprego, 42.200 levan máis dun ano nesta situación.
Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.