UGT-Galicia recoñece o esforzo inversor propio da Deputación da Coruña en materia de emprego e demanda a mesma liña de traballo para outras administracións

Fecha: 19 Oct 2021

Os secretarios xerais de UGT-Galicia e UGT-Coruña-Cee reuníronse hoxe co presidente da Deputación que presentoulles o Plan de Emprego deste organismo

UGT-Galicia recoñece o esforzo inversor propio da Deputación da Coruña en materia de emprego e demanda a mesma liña de traballo para outras administracións

Santiago, 19 de outubro de 2021.- Os secretarios xerais de UGT-Galicia e UGT-Coruña-Cee reuníronse hoxe co presidente da Deputación da Coruña nun acto no que este último presentoulles o Plan de emprego local da institución provincial. Ó respecto, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, recoñeceu o esforzo inversor propio e directo realizado pola Deputación da Coruña en materia de emprego, a pesar de non ter competencias propias nesta materia. Un esforzo que superará os 30 millóns de euros. E, ademais, fixo fincapé na importancia deste tipo de investimentos ás portas dun proceso de recuperación no que garantir a creación e consolidación de emprego de calidade deben ser unha prioridade.

Neste senso, Gómez demandou ó resto das administracións esforzos similares en materia de emprego e apuntou ós Orzamentos anunciados pola Xunta para a Comunidade galega que, sen coñecelos en profundidade e aínda recoñecendo que si terán un carácter expansivo, segundo os primeiros datos que se foron achegando os fondos da Consellería de Emprego amosan un incremento que, para UGT, na conxuntura actual de recuperación amósase cativo. A Xunta debería ter realizado un maior esforzo con fondos propios, á marxe dos que poidan vir do Goberno central ou de Europa, destinados a emprego. Xa que o emprego será unha das claves da recuperación, sen dúbida.

Despois da xuntanza, Gómez tamén insistiu na necesidade de manter e continuar co paradigma aberto en materia de investimento público porque só así se vai garantir unha saída xusta desta crise para todos e todas e non volver a caer nos erros cometidos na anterior crise económica onde se escolleu a vía totalmente contraria, a dos recortes, o que levou a moitos cidadáns á precariedade e afondouse nas desigualdades. Hai que traballar en políticas públicas para garantir a cohesión social e o desenvolvemento industrial.