UGT-Galicia advirte da importancia da redución da xornada laboral tras os datos da EPA
O sindicato valora como os datos que ofrece a EPA dan claves sobre as medidas necesarias en materia laboral que deben encabezar a negociación colectiva para mellorar as condicións das persoas traballadoras
Fecha: 28 Abr 2026
UGT-Galicia advirte da importancia da redución da xornada laboral tras os datos da EPA
O sindicato valora como os datos que ofrece a EPA dan claves sobre as medidas necesarias en materia laboral que deben encabezar a negociación colectiva para mellorar as condicións das persoas traballadoras
Santiago, 28 de abril de 2026.- Os datos do primeiro trimestre da EPA en 2026, publicados hoxe, rexistran un descenso da ocupación de 8.800 persoas e un aumento do desemprego de 9.000 persoas. Este comportamento estacional é habitual no primeiro trimestre do ano, o peor sempre para o emprego.
En primeiro lugar, a ocupación descende en termos trimestrais en 8.800 persoas (un -0,7%). Con todo, en termos interanuais o emprego aumenta en 28.000 de persoas, o que equivale a un incremento do 2,4%. Esta taxa de variación é similar á rexistrada en trimestres anteriores, polo que o inicio do ano prolonga a tendencia de creación de emprego observada desde o final da pandemia. En total, hai 1.178.100 persoas ocupadas en Galicia, a mellor cifra para un primeiro trimestre dende 2009. Cabe destacar que este resultado prodúcese nun contexto novamente complexo e incerto, dado que, desde finais de febreiro, a economía está exposta a un shock externo derivado da guerra ilegal provocada por Estados Unidos e Israel contra Irán.
Pola súa banda, o número de persoas desempregadas aumentou este trimestre en 9.000, situando o total en 115.900 persoas. En consecuencia, a taxa de paro sitúase no 9%. En termos interanuais, o número de persoas paradas tamén aumenta en 4.900, un 4,4% máis. Contrariamente ao que sucede no resto do Estado, onde se rexistra un descenso do 2,9%. Isto indica que resulta necesario seguir reforzando a capacidade de redución do desemprego en Galicia para absorber as máis de 115.000 persoas en paro, con especial atención ao desemprego de longa duración, que neste trimestre afecta 40.300 persoas.
Para rematar, a taxa de temporalidade situouse no 11,6, cunha menor diminución do emprego indefinido que do temporal. Trátase do mellor dato xamais rexistrado en toda a serie histórica e é o resultado directo da aplicación da reforma laboral de 2021. Este indicador sitúase 13,7 puntos por baixo do rexistrado en 2021 (25,3%), antes da entrada en vigor da devandita reforma.
Reducir a xornada ás 37,5 horas e combater a parcialidade
Na véspera do 1º de maio, data sinalada para a clase traballadora, resulta fundamental continuar impulsando as transformacións necesarias no mercado de traballo, dando continuidade ás reformas emprendidas desde 2018. Neste sentido, é prioritario reducir a xornada laboral máxima ata as 37,5 horas, co obxectivo de mellorar a conciliación e o tempo de vida, tal e como recolle o manifesto que publicamos. Así mesmo, a parcialidade continúa sendo elevada, en moitos casos como consecuencia dun uso fraudulento desta modalidade contractual, o que esixe unha reforma normativa que impida estas prácticas prexudiciais para as persoas traballadoras.
Regulación do despedimento
Doutra banda, a regulación do despedimento segue sendo unha cuestión pendente en España, especialmente tras a reforma laboral de 2012, que debilitou a protección fronte ao despedimento inxusto e ilegal mediante a redución sistemática das indemnizacións e a eliminación dos salarios de tramitación. Por iso, UGT reclama unha reforma que restableza a equidade nesta materia e garanta a reparación íntegra ás persoas traballadoras afectadas, en liña coa Carta Social Europea e cos pronunciamientos do Comité Europeo de Dereitos Sociais, que sinalou que o sistema español non ofrece unha protección adecuada fronte ao despedimento improcedente.
Novo AENC por mellores salarios e distribución equitativa da riqueza
Así mesmo, é necesario impulsar un novo Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva que permita continuar elevando os salarios e asegurar unha distribución máis equitativa dos incrementos de marxes e beneficios empresariais.
Traballar para rematar cos altos índices de desemprego de longa duración, do 35% en Galicia
Do mesmo xeito, o elevado peso do desemprego de longa duración, que afectaba ao 34,7% das persoas desempregadas no primeiro trimestre do ano, pon de manifesto as limitacións das actuais políticas activas de emprego. En consecuencia, resulta imprescindible reforzar os servizos públicos de emprego, dotándoos de recursos suficientes para ofrecer unha orientación personalizada e unha intermediación eficaz que facilite a reincorporación laboral das persoas en situación de maior vulnerabilidade.
En resumo, pese ao impacto de factores estacionais, os datos axustados evidencian unha evolución favorable do mercado laboral, con creación sostida do emprego e unha paulatina redución do desemprego. No entanto, persisten desafíos estruturais, como a elevada temporalidade residual, a parcialidade non desexada, as deficiencias na protección fronte ao despedimento e o peso do paro de longa duración, que requiren un impulso reformador adicional para consolidar a calidade do emprego e garantir unha mellora equitativa das condicións laborais.
Datos de interese
Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2026 publicada polo INE houbo un descenso da ocupación respecto ao trimestre anterior, 8.800 persoas ocupadas menos, co que se alcanza un total de 1.178.100 persoas empregadas. Este dato é un 2,4% superior ao do primeiro trimestre de 2025, resultando en 28.000 persoas empregadas máis respecto a hai un ano. Por sectores económicos, o emprego diminúe neste trimestre en todos eles excepto no primario. Así, baixa en 2.000 persoas na industria, en 2.500 na construción e 4.600 no sector servizos. Pola contra, sube en 200 no sector primario. Obsérvase que é o sector servizos o que máis sofre a baixada da ocupación neste trimestre.
O número de persoas desempregadas aumentou en 9.000 respecto ao trimestre anterior. Como consecuencia, hai un total de 115.900 persoas paradas, o segundo mellor dato nun primeiro trimestre desde 2008. No que respecta á taxa de paro, esta sitúase nun 9%. Pola súa banda, a porcentaxe de parados de longa duración, é dicir, as persoas que levan á busca de emprego máis dun ano, situouse no 34,7%. En total, contabilízanse 40.300 de persoas desempregadas nestas circunstancias.