UGT e CCOO convocan mañá 5 minutos de paro, de 12.00 a 12.05, e concentracións ás portas dos centros de traballo en apoio a Ucraína

Fecha: 08 Mar 2022

´

UGT e CCOO convocan mañá 5 minutos de paro, de 12.00 a 12.05, e concentracións ás portas dos centros de traballo en apoio a Ucraína

 

Santiago, 8 de marzo de 2022.- CCOO e UGT reiteran a súa máis enérxica condena á invasión rusa de Ucraína. Este covarde e ilexítimo acto bélico e a consecuente guerra deben parar de inmediato. Ademais, ambos sindicatos expresan a súa solidariedade coas xentes de Ucraína e coa súa clase traballadora, coas vítimas no país e coas e cos traballadores ucraínos que residen en España e que viven con dor o drama da guerra na distancia.

Por elo, UGT e CCOO fan un chamamento ás traballadoras e traballadores galegos, como vai suceder no resto do Estado, para que mañá, 9 de marzo, se manifesten de xeito silencioso na entrada dos seus centros de traballo de 12.00 a 12.05 horas, solidarizándose así co pobo ucraíno, pedindo o alto ó fogo e a inmediata retirada das tropas rusas do país. Concretamente, a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, estará na concentración da sede de CCOO en Vigo e o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, estará na da sede de UGT en Ourense.

No terreo humanitario, ambos sindicatos instan ós gobernos da Xunta, de España e da UE a que estean á altura que require este situación, brindando todo o apoio necesario ás persoas afectadas pola guerra, na rexión ou onde estas se despracen, elaborando plans de acollida e recolocación dentro da UE.

Tamén deberán facilitarse oportunidades laborais. Hoxe máis que nunca é imprescindible manter presentes os principios fundadores de Europa: paz, democracia e solidariedade.


 


 

Fuente: UGT-Galicia