UGT celebra o 175 aniversario do nacemento de Pablo Iglesias en Ferrol coa recuperación da placa no seu honor
Fecha: 21 Oct 2025

UGT celebra o 175 aniversario do nacemento de Pablo Iglesias en Ferrol coa recuperación da placa no seu honor
O pasado día 17 tivo lugar en Ferrol o acto de recuperación da placa conmemorativa en honor a Pablo Iglesias, fundador da UGT e do PSOE, no 175 aniversario do seu nacemento. No ano 1927 o Concello de Ferrol dedicoulle a Pablo Iglesias unha placa que desapareceu durante a ditadura e que agora neste acto, organizado por UGT, PSOE e as fundacións Pablo Iglesias e Largo Caballero, foi restituída.
No acto interviñeron, entre outros, o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, que lembrou que hai 175 anos en Ferrol naceu un home que cambiou a historia, que puxo en pé unha idea que aínda hoxe en día “nos guía, que a clase traballadora unida é invencible”.
Arremeteu contra os bulos e mentiras da ultradereita, que poñen en dúbida todo o conquistado, os dereitos, os avances en materia de igualdade, e alertou sobre o perigo de que estes bulos cheguen antes que a verdade.
Engadiu que a xente máis moza debe ser coñecedora de que o sindicalismo representa dereitos e igualdade e isto pasa por mellorar salarios, reducir a precariedade, reforzar a negociación colectiva, loitar contra a desigualdade. Isto faise dende o sindicato, así como abanderar novas loitas, como a redución da xornada ou a mellora das indemnizacións por despedimento. Aquí tamén hai que recordarlle á sociedade en xeral e aos máis mozos en particular quenes son os que votaron en contra desta redución de xornada, en contra da conciliación, en contra da mellora da vida da xente traballadora, foi a dereita deste país, esta é a verdade e o contrario son bulos e mentiras cos que algúns intentan tapar as súas miserias.
Medeiros considerou que este foi un día para falar de memoria pero tamén de futuro. Neste 175 aniversario foi o momento de lembrar de onde vimos e cara onde queremos ir. Porque Pablo Iglesias non fundou só un sindicato, fundou un xeito de ver o mundo. Neste senso, hai que lembrar que Pablo Iglesias foi fillo da pobreza e a inxustiza pero tamén da esperanza, esperanza que hai que levar a cada empresa a cada centro de traballo.
Nesta mensaxe coincidiu o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, que pediu un maior e mellor recoñecemento para a figura de Pablo Iglesias. Neste senso, esixiulle ao Concello de Ferrol que lle de a dignidade que se merece.
Pediu memoria, hai que lembrar que persoas como Pablo Iglesias emigraron a Madrid, sen nada, en busca dunha vida máis digna. Do mesmo xeito que o fan hoxe os inmigrantes que chegan ás nosas terras en busca dun futuro mellor.
Álvarez tamén dirixiu unha mensaxe moi clara neste acto homenaxe, os dereitos deste país teñen o selo das organizacións que fundou Pablo Iglesias e iso é algo que os traballadores e traballadoras deben lembrar.
Aínda así, o que queda por facer é moito e baixo o paraugas das ideas de Pablo Iglesias pódese facer, debemos abanderar o freo ao fascismo en Europa, temos demostrado que crecer como país é compatible co reparto da riqueza, como se fixo coa subida do SMI.
En definitiva, hai que seguir a senda “do noso fundador” e seguir na mellora dos dereitos da clase traballadora.