Seguir mellorando as condicións de traballo, un dos retos deste 2025
É necesario seguir aumentando a calidade do emprego, reformar as políticas activas de emprego, subir o SMI e, especialmente relevante, lograr a redución de xornada laboral ata as 37,5 horas semanais
Fecha: 03 Ene 2025

Seguir mellorando as condicións de traballo, un dos retos deste 2025
É necesario seguir aumentando a calidade do emprego, reformar as políticas activas de emprego, subir o SMI e, especialmente relevante, lograr a redución de xornada laboral ata as 37,5 horas semanais
Santiago, 3 de xaneiro de 2025.- Os datos de paro rexistrado e de afiliación á Seguridade Social do mes de decembro, publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE), rexistran unha evolución positiva do mercado de traballo en consonancia co que adoita ocorrer na tempada do Nadal.
Así mesmo, neste mes, o paro rexistrado reduciuse en 2.904 persoas con respecto ao mes anterior, de forma que o ano termina cun total de 118.838 persoas en situación de desemprego, o dato máis baixo para un mes de decembro desde 1996. Á súa vez, a afiliación acumula un total de 1.079.573 persoas. Ademais, o ano acaba con 10.666 persoas menos en desemprego e 17.290 máis na afiliación, un signo inequívoco de que o mercado de traballo está dentro dunha moi favorable dinámica de crecemento tanto en cantidade como en calidade.
Este decembro cúmprense tres anos desde a aprobación da reforma laboral de 2021 e, polo que se pode apreciar, o avance en materia de calidade e estabilidade do emprego é notable e sostido no tempo, segundo os datos publicados. A taxa de temporalidade da afiliación é boa proba diso. De feito, tres anos despois atópase no 14,72%.
En materia de contratación, o SEPE continúa rexistrando un volume de contratación similar ao do ano pasado, sendo moi importante ademais que unha boa parte dos mesmos sexan indefinidos. Así, neste decembro asináronse 52.163 contratos, 3.420 máis que o mesmo mes do ano anterior. Do total que se asinaron este mes, 14.061 son indefinidos, o que supón o 26,96% da contratación. En definitiva, tras a reforma laboral rexístranse menos contratos que antes, pero estes son máis estables e de maior calidade, reducindo os contratos temporais e permitindo que a figura do contrato indefinido sexa máis representativa.
Pero tamén hai que atender outros problemas instalados no mercado laboral, como sucede co subemprego, que afecta en Galicia a unhas 80.000 persoas. Estas persoas traballan a tempo parcial por non poder atopar un traballo a tempo completo, o que resulta xeralmente en peores condicións de traballo, menores ingresos e, polo tanto, en maior probabilidade de pobreza laboral.
Por iso, en opinión de UGT, en 2025 debe continuarse a senda de mellora nas condicións de traballo instaurada tras a reforma laboral para alcanzar un mercado de traballo máis eficiente e xusto. Como se contrastou, aumentar a calidade do emprego ten beneficios para as persoas traballadoras, pero tamén para a economía en xeral, polo que é especialmente relevante lograr a redución de xornada laboral ata as 37,5 horas semanais e unha importante subida do Salario Mínimo Interprofesional, entre outras medidas. Ambas están moi relacionadas coa pobreza laboral, debido a que incrementan o salario de quen menos gañan e xeran unha repartición do tempo de traballo que aumentará o emprego a tempo completo. Outro aspecto que hai que reformar neste ano son as políticas activas de emprego, posto que as persoas desempregadas, especialmente aquelas que o son de longa duración, requiren dunha orientación profesional personalizada e do mellor conxunto de servizos posible en cada situación, para que así mellore a súa empregabilidade e poidan atopar traballo. Para poder ofrecer este servizo, non só deben reformarse as políticas activas de emprego, senón que se debe dotar dos recursos necesarios para iso ao Servizo Público de Emprego.
En definitiva, a economía española debe continuar a súa transformación para ser máis forte, eficiente e sostible, aproveitando os cambios que deben chegar, sobre todo no mercado laboral, para desenvolverse cunha visión socialmente xusta.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 2.904 persoas con respecto ao mes anterior (2,39%), e no Estado esta cifra tamén baixou, un 0,98%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 10.666 persoas, un 8,24% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 118.838 persoas, mínimo histórico nun mes de decembro en Galicia dende 1996.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixou tamén, nun 8,14%, e no ano a diminución foi dun 9,52%.
Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 0,79% entre os homes e no caso das mulleres baixa nun 3,54%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 7,37% entre os homes e o 8,87% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 57,36% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 68.160 mulleres, fronte a 50.678 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes de decembro baixou en todos, salvo na construción, como ben sendo recorrente neste sector a final do ano. Así, baixa un 1,15% na industria; un 4,98% no colectivo sen emprego anterior; un 2,64% nos servizos; e un 1,41% no sector primario. Pola contra, sobe o 2,03% na construción. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 14,07% no primario; o 11,83% na industria; o 12,63% na construción; o 7,53% no sector servizos; e o 4,09% entre o colectivo de sen emprego anterior.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 27%. Realizáronse en decembro un total de 52.163 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de decembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 9,46%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 66,5%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 26%; na industria, do 21,6%; e no primario, do 53,8%.
En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 72,94%, con 80.401 persoas beneficiarias. Deste total, 36.822 perciben subsidios e 3.802 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 39.777. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.079.573 de media mensual, descendendo un 0,14% no mes e aumentando un 1,63% no ano.