As sedes de UGT en Galicia convértense en puntos violeta
A presenza de UGT nas catro provincias permite crear unha extensa rede da apoio ás vítimas
Fecha: 30 Sep 2025

O Sindicato ven de manter unha reunión de traballo coa Delegación do Goberno froito da cal converte as súas sedes en lugares seguros para prestar axuda a posibles vítimas de violencia machista
As sedes de UGT en Galicia convértense en puntos violeta
A presenza de UGT nas catro provincias permite crear unha extensa rede da apoio ás vítimas
Santiago, 30 de setembro de 2025.- O secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e a secretaria de Igualdade do Sindicato, Trinidad Campos, reuníronse co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para acordar un protocolo de colaboración co fin de que as sedes de UGT en Galicia pasen a ser puntos violeta. Nesta xuntanza tamén participaron a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación, María Debén, e a responsable da Subdelegación na Coruña, Manuela Vilaboy.
Trátase de que as sedes do Sindicato sexan lugares seguros para a muller. Lugares nos que se preste apoio a posibles vítimas de violencia de xénero e nos que se atendan as demandas de información sobre como actuar e acceder aos recursos públicos dispoñibles.
UGT-Galicia considera que se trata dunha importante iniciativa para impulsar a loita contra a violencia contra as mulleres e que poñer a disposición deste fin as súas sedes é crear unha importante rede xeográfica de apoio, xa que UGT vai habilitar como puntos violeta as súas sedes.
O Punto Violeta é un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno de España e supón un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela.
Nesta xuntanza, o secretario xeral de UGT-Galicia fixo fincapé en que a violencia machista segue atravesando as vidas das mulleres e supón unha gravísima vulneración dos dereitos humanos. Insistiu en que se trata dunha realidade terrible que é preciso visibilizar, denunciar, previr e erradicar e, sempre, escoitar, crer e protexer ás mulleres afectadas e, dende UGT, con esta iniciativa, buscamos contribuír a este fin.
Pola súa banda, o delegado do Goberno agradeceu a contribución do sindicato para chegar “a todos os recunchos do territorio” e reafirmou a disposición do Goberno de seguir traballando con todos os actores sociais galegos para reforzar a rede de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista.