A sede de UGT en Santiago xa é un punto violeta

No acto de presentación deste novo punto violeta do Sindicato, que se suma aos que xa existen nas sedes de Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, participaron o subdelegado do Goberno na Coruña, o secretario xeral e secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, e a secretaria xeral de UGT-Compostela-Barbanza

Fecha: 25 Nov 2025

ptovio

UGT-Galicia conmemorou este 25N con diversos actos

A sede de UGT en Santiago xa é un punto violeta

No acto de presentación deste novo punto violeta do Sindicato, que se suma aos que xa existen nas sedes de Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, participaron o subdelegado do Goberno na Coruña e o secretario xeral e secretaria de Igualdade de UGT-Galicia

Santiago, 25 de novembro de 2025.- Neste 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, UGT-Galicia reiterou o seu compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e fixo un chamamento ás traballadoras e traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatela ata a súa total eliminación, tanto dos centros de traballo como da sociedade no seu conxunto. Neste contexto, en todos os actos que UGT celebrou en Galicia, o Sindicato fixo unha firme condena aos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres sobreviventes.

Concretamente, en Santiago, ademais da concentración que tivo lugar fronte á sede dos sindicatos, UGT-Galicia organizou un acto no que se presentou a sede do Sindicato como punto violeta.

Lembrar que xa o pasado mes de setembro a Delegación do Goberno e UGT-Galicia acordaron un protocolo de colaboración co fin de que as sedes de UGT en Galicia pasasen a ser puntos violeta, é dicir, lugares seguros para a muller. Lugares nos que se preste apoio a posibles vítimas de violencia de xénero e nos que se atendan as demandas de información sobre como actuar e acceder aos recursos públicos dispoñibles. A raíz deste protocolo, xa pasaron a ser puntos violeta as sedes da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e hoxe incorpórase tamén a de Santiago.

UGT-Galicia considera que se trata dunha importante iniciativa para impulsar a loita contra a violencia contra as mulleres e que poñer a disposición deste fin as súas sedes é crear unha importante rede xeográfica de apoio.

O Punto Violeta é un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno de España e supón un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela.

No acto de presentación, o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, explicou que coa instauración dos puntos violeta cúmprese co mandato do 14 congreso de UGT-Galicia, recollido no programa de acción. Engadiu que UGT leva décadas defendendo os dereitos das mulleres traballadoras e combatendo todas as formas de discriminación e violencia pero o Sindicato é consciente de que non abonda con denunciar: hai que poñer ferramentas concretas ao alcance das persoas que o precisan e os puntos violeta son unha achega neste senso.

Pola súa banda, a secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, Trinidad Campos, fixo fincapé en que a violencia machista non é un problema individual, nin doméstico, nin privado. É un grave problema social, que se manifesta tanto dentro dos fogares como nos centros de traballo, nas rúas, nas redes, na vida cotiá de miles de mulleres. E, por iso, como sociedade e como sindicato, temos a responsabilidade de actuar, puntualizou.

Campos destacou que o ámbito laboral é clave porque a moitas das mulleres que sofren violencia se lles complica conservar o emprego, pedir permisos, cambiar quendas ou mesmo contarlle á súa delegada sindical o que lle pasa. Co Punto Violeta, refórzase o papel do Sindicato de apoio e protección, para que o traballo sexa realmente un espazo seguro.

Tamén insistiu na necesidade de potenciar a alianza institucional e social. Trátase de unir esforzos para que os recursos cheguen, para que a lei se cumpra, para que os agresores non gocen de impunidade.

Concluíu avogando porque este espazo sirva para salvar vidas, para recuperar autoestima, para abrir portas e para facer que máis voces se escoiten.

Finalmente, o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, agradeceu a contribución do sindicato para chegar “a todos os recunchos do territorio” e reafirmou a disposición do Goberno de seguir traballando con todos os actores sociais galegos para reforzar a rede de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista.



 

Fuente: UGT-Galicia
25N