A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia apoia a xornada de loita contra as reválidas, o 26 de outubro

Fecha: 11 Oct 2016

A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia anunciou hoxe o seu apoio á xornada de loita contra as reválidas, que se celebrará o 26 de outubro en todo o estado español. A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia -configurada polas organizacións CCOO, UGT, CONFAPA, SE, IESGA e Escola Viva- celebrou hoxe unha rolda de prensa para explicar a súa postura e anunciar as mobilizacións previstas para o 26 de outubro nas sete cidades galegas. Na comparecencia ante os medios de comunicación participaron Gerardo Morano, en representación de Escola Viva; José Fuentes, de Ensino CCOO; Rafa Domínguez, de FeSP-UGT Ensino; Lois Taboada, voceiro de CONFAPA;  e Diego Serantes, do Sindicato de Estudantes.

Os representantes da Plataforma insistiron en que o rexeitamento non é só as reválidas –“a medida máis agresiva do LOMCE, segundo explicou Lois Taboada”– senón que esixen “a derrogación da LOMCE e a reversión dos recortes sufridos nos últimos anos na ensinanza pública”.

Gerardo Morano explicou que a Plataforma apoia a xornada de folga educativa convocada polo sector do alumnado, así coma a proposta da CONFAPA, que promove un baleirado das aulas na nosa comunidade, e animou a toda a comunidade educativa a participar nas mobilizacións.

Lois Taboada destacou que esta xornada de mobilizacións e unha máis no longo camiño que comezou hai xa cinco anos  e recordou que a comunidade educativa xa manifestou o seu rexeitamento as reválidas o pasado curso cando se realizou a de 6º de Primaria, “na que houbo un absentismo do 70%”. A CONFAPA (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos) tamén manifestou o seu apoio á xornada de folga do alumnado porque “hai motivos dabondo e non os imos deixar sós, porque son os nosos fillos e imos estar con eles”.

José Fuentes, de CCOO, referiuse ao Real Decreto 310/2016 de 29 de xullo, que regula as reválidas, “que foi aprobado por un goberno en funcións o cal o deslexitima”. Fuentes tamén insistiu en que o obxectivo desta proba é “impedir o acceso á ensinanza superior a un número importante do alumnado”.

Neste mesmo sentido expresouse o voceiro de FeSP-UGT Ensino, Rafa Domínguez, ao sinalar que “mentres que nós apostamos por unha formación integral e integradora, estas medidas son segregadoras e van en contra de todos os criterios pedagóxicos”. Ademais Domínguez non entende que  o futuro do alumnado, despois de 6 anos de formación, dependa dunha proba que se realiza en 5 intensos días.

Finalizou o representante do sindicato de estudantes, Diego Serantes, animando a toda a comunidade educativa a participar de forma activa nas mobilizacións do día 26 de outubro e destacou que “non é máis que unha nova protesta de todas as que estamos a facer contra a LOMCE”.

Fuente: FeSP-UGT Galicia