Os datos da EPA indican que, a pesar do crecemento do desemprego, tanto a ocupación como a actividade están en máximos, o que evidencia un mercado laboral máis dinámico

Agora toca mellorar os salarios e o acceso á vivenda

Fecha: 27 Oct 2026

epa

Os datos da EPA indican que, a pesar do crecemento do desemprego, tanto a ocupación como a actividade están en máximos, o que evidencia un mercado laboral máis dinámico 

 

Agora toca mellorar os salarios e o acceso á vivenda

 

Santiago, 27 de outubro de 2026.- Os datos da EPA, referidos ao terceiro trimestre de 2026, feitos públicos hoxe, evidencian un mercado laboral cada vez máis dinámico ao que ten contribuído o proceso de regularización de inmigrantes. Isto evidénciase en mellores taxas de ocupación e actividade, marcando máximos.

No outro lado da moeda está na suba do desemprego, propia dun trimestre no que as contratacións de verán caen, e tamén dun mercado laboral que se está readaptando ao incremento poboacional e de activos. Se hai un ano, no terceiro trimestre de 2025, había en Galicia 107.100 activos de orixe estranxeira, hoxe, neste trimestre, esta cifra ascende a 117.600. 

 

Ante este contexto, o reto é que o emprego sexa de calidade e que a riqueza que xera chegue a quenes a producen. 

 

A calidade da contratación tamén está a ser boa, con taxas de temporalidade que se manteñen moi por debaixo das rexistradas antes da reforma laboral, con porcentaxes importantes de contratación indefinida pero, aínda así, dende UGT-Galicia considérase que hai que seguir traballando nesta liña, co reforzo da Inspección de traballo e a aplicación dos convenios colectivos para que o emprego que aflora o faga con todos os dereitos. 

 

O sindicato tamén advirte que os datos de desemprego  non poden considerarse irrelevantes, polo que urxe traballar na mellora dos servizos públicos de emprego para que poidan ofrecer unha atención persolizada, especialmente para as persoas que están en situación de desemprego de longa duración, os máis mozos e as persoas recén regularizadas. 

 

Por outra banda, crear emprego non basta. Para que este sexa de calidade ten que estar ben pagado e os salarios deben medrar ao ritmo dunha economía que avanza e duns prezos que non deixan de subir. Neste contexto UGT aposta por unha subida do SMI do 7% e insta á patronal a impulsar o VI AENC con incrementos salariais que permitan gañar poder de compra. 

 

E todo isto vai ser imprescindible para abordar a grave crise da vivenda que golpea con especial dureza aos máis mozos.

 

En definitiva, cuns datos macroeconómicos que en liñas xerais son bos, é o momento de distribuír a riqueza xerada: máis emprego de calidade, subida de salarios e acceso a bens básicos como a vivenda. E estas son as reivindicacións que UGT vai levar á folga xeral do 11N.

 

 

Radiografía da EPA en Galicia. Máximos de ocupación e actividade nesta Comunidade

 

Os datos amosan que hai en Galicia 13.900 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 1,2%) e, en relación ó segundo trimestre de 2026, hai 21.400 ocupados máis, o que supón unha subida do 1,8%.

 

Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 54,56%, fronte ó 59,52% do resto do Estado.

 

Interanualmente, o paro subiu en 17.900 persoas, o que supón o 17,4%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego tamén subiu, un 19,2%, en 19.400 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 120.500 persoas desempregadas, no 9,2%. No caso dos homes esta taxa é do 9,11% e do 9,24% no caso das mulleres. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 25,7%.

 

Por sectores, con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube en todos, excepto na construción, no que baixa nun 7,8%, en 6.200 persoas. Pola contra, sube no primario, nun 6,8%, en 4.400 persoas; na industria, nun 2,1%, en 3.800 persoas; e nos servizo, nun 2,3%, en 19.300 persoas.

 

Hai en Galicia un total de 990.900 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 24.700 (2,6%) e ó ano soben en 30.500 (3,2%).

 

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 14,1%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 3,7%. 

 

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 11,2%, sendo o 43,7% da mesma de carácter involuntario, este último é un dato do Estado.

 

39.500 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

 

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación do paro de longa duración.

 

Das 120.500 persoas que están no desemprego, 39.500 levan máis dun ano nesta situación.

 

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.

Fuente: UGT-Galicia
EPA