O mercado laboral, pese á suba do desemprego no mes por un claro efecto estacional, segue a amosar as súas fortalezas con bos datos de afiliación e contratación indefinida

A UGT-Galicia preocúpalle que este bo contexto do mercado laboral véxase embazado polo aumento do coste da vida, polo que urxe a abrir a negociación do VI AENC para garantir as subas salariais e revisar a suba do SMI co fin de garantir o poder adquisitivo das persoas traballadoras

Fecha: 02 Sep 2026

paroset26

A UGT-Galicia preocúpalle que este bo contexto do mercado laboral véxase embazado polo aumento do coste da vida, polo que urxe a abrir a negociación do VI AENC para garantir as subas salariais e revisar a suba do SMI co fin de garantir o poder adquisitivo das persoas traballadoras  

O mercado laboral, pese á suba do desemprego no mes por un claro efecto estacional, segue a amosar as súas fortalezas con bos datos de afiliación e contratación indefinida

Aínda así, persiste a brecha por razón de xénero e entre os máis mozos

Santiago, 2 de setembro de 2026.-  Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de agosto, publicados hoxe, rexistran, como sucede sempre neste mes, un descenso das persoas afiliadas e un aumento das persoas paradas respecto a xullo. Estes resultados reflicten unha tendencia estacional propia deste período e responden ao peche de moitas empresas por motivos vacacionais ou á redución neste mes da actividade dalgúns sectores como a educación. Non obstante, pódese afirmar que persiste a tendencia positiva do emprego no noso pero, probablemente, a regulación de persoas estranxeiras influíu nos bos datos de afiliación e no peor resultado do paro rexistrado. O proceso extraordinario de regularización de persoas estranxeiras está a ter, neste sentido, un efecto moi positivo, ao incorporar por centos de miles de traballadores e traballadoras á economía formal con plenos dereitos laborais e de protección social, o que explica en boa medida o bo dato de afiliación deste mes e, en paralelo, o repunte do paro rexistrado.

Non obstante, o Sindicato apunta a sinais de moderación no ritmo de creación de emprego respecto aos exercicios posteriores á pandemia, nun contexto de maior incerteza económica internacional. A iso súmase a aceleración da inflación, que en agosto alcanzou o 4,3%, o que sitúa de novo os salarios no centro do debate económico e social: en ausencia de mecanismos eficaces de actualización salarial, unha parte importante das persoas traballadoras corre o risco de volver perder poder adquisitivo.

A mellora da calidade do emprego que poñen de manifesto os datos de contratación debe completarse coa culminación das reformas pendentes para seguir avanzando cara un mercado de traballo máis xusto e con maiores niveis de protección para as persoas traballadoras. Neste sentido, é fundamental avanzar cara un modelo produtivo baseado no emprego de calidade, mellores salarios e unha maior produtividade. Por iso, é preciso reforzar a protección das persoas traballadoras, para o que resulta prioritario abordar a regulación do despedimento de xeito que garanta unha protección efectiva fronte ao despedimento improcedente, adecuando a normativa española aos estándares da Carta Social Europea, que esixen unha reparación adecuada para as persoas afectadas.

Xunto co reforzo dos dereitos laborais, resulta prioritario un incremento dos salarios que permita ás persoas traballadoras recuperar poder de compra. A fortaleza que mostran o emprego e a actividade económica debe trasladarse de forma clara ás nóminas e, para iso, é urxente abrir a negociación do VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), que debe garantir subidas salariais que consoliden a recuperación do poder adquisitivo e reduzan as brechas retributivas entre sectores.

Para iso, UGT defende que o acordo incorpore unha referencia mínima de incremento salarial do 4% anual para o período 2026-2028, complementada con aumentos adicionais do 1%, 2% ou 3% nos convenios cuxos salarios medios sitúense por baixo do salario medio do conxunto da economía. Ademais, débese limitar o recurso ás cláusulas de absorción e compensación e estender as cláusulas de garantía salarial.

Para rematar, o aumento da inflación por encima da previsión utilizada para fixar a subida do 3,1% do Salario Mínimo Interprofesional para 2026 obriga a revisar a súa contía, conforme o artigo 27 do Estatuto dos Traballadores, polo que UGT reclama a convocatoria inmediata da mesa de diálogo social.

En resumo, os datos de paro rexistrado e Seguridade Social reflicten o comportamento marcadamente estacional de agosto, pero mostran igualmente o bo estado estrutural do mercado de traballo, que mantén un ritmo de crecemento do emprego moi notable, e que debe ser o punto de partida para impulsar as reformas pendentes e avanzar na mellora dos salarios, a produtividade, a protección fronte ao despedimento e as políticas activas de emprego.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 2.369 persoas con respecto ao mes anterior (2,21%) e no Estado esta cifra tamén subiu, pero menos, un 1,92%. Sen embargo, o desemprego nesta Comunidade mantense nas mesmas cifras que hai un ano, aínda que no resto do Estado este baixa nun 2,91%. Así, o número total de desempregados sitúase nesta Comunidade en 109.691 persoas, entre as seis menores cifras da serie histórica, representando o 4,7% do desemprego de todo o Estado.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego tamén medrou, nun 7,65% no mes e nun 16,17% no ano.

Por sexos, no mes o desemprego sube en ambos, un 1,25% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,87%. No ano sube o desemprego entre os homes, nun 0,17% pero baixa nun 0,11% nas mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,63% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 65.410 mulleres, fronte a 44.281 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes sube en todos, salvo no primario. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 1,90%, pero sube no 0,68% na industria;  no 1,77% no sector da construción; o 2,36% no sector servizos; e medra o 3,81% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos, excepto no grupo de sen emprego anterior. Así, diminúe un 7,76% no primario; o 4,47% na industria; o 6,14 na construción; o 1,21% nos servizos; e sube o 20,90% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego sube no mes en todas as provincias, nun 2,89% na Coruña, 2,89% en Lugo, 0,32% en Ourense e un 1,93% en Pontevedra. No ano subiu na Coruña nun 0,73%; o 4,32% en Lugo; o 0,10% en Ourense; e baixou o 1,88% en Pontevedra.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 25,61%, aínda que distante do 38,46% estatal. Realizáronse en agosto un total de 64.195 contratos en Galicia, un 24,79% menos que no mes anterior, por un claro efecto estacional, vai rematando o groso das contratacións de verán. Con respecto a hai un ano subiu nun 8,6%. No mes de agosto de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 7,65%. É dicir, estase 17,96 puntos por enriba.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 65,4%, e no sector primario, do 38,1%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 23,8%, e na industria, do 20,9%.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.134.483 de media mensual, baixando o 0,13% no mes e aumentando un 2,09% no ano. Rexistrándose así máximos históricos de afiliación á Seguridade Social, a segunda cifra tras a rexistrada no mes de xullo.

Por outra banda, a temporalidade da afiliación da Seguridade Social sitúase no 16,14% en Galicia, fronte ao dato estatal do 13,35%. En agosto de 2021 esta porcentaxe era do 30,52%, o que ratifica os bos resultados da reforma laboral. 

Finalmente, a cobertura de protección por desemprego foi en Galicia no mes de xuño do 84,05%, con 42.337 prestacións contributivas; 38.030 subsidios; e 27 rendas activas de inserción. Tan só o 52,7% son prestacións contributivas, o que fai alertar das dificultades que poden ter moitos fogares para chegar a fin de mes pola baixa contía das prestacións non contributivas.

Fuente: UGT-Galicia