O Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse hoxe

O Comité Nacional de UGT-Galicia avoga por máis protección social, negociación colectiva para garantir o poder de compra, políticas industriais e enerxéticas sólidas e un correcto aproveitamento dos fondos europeos

O Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse hoxe

Santiago, 25 de xaneiro de 2023.- Hoxe reuniuse no Hotel Congreso (Teo) o 3º Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, no que a Comisión Executiva de UGT-Galicia e representantes das tres federacións de nacionalidade e das unións comarcais debateron sobre a situación laboral, económica e social actual e sobre as propostas de traballo para os vindeiros meses.

No eido internacional o Comité condenou os retrocesos democráticos a nivel global e alertou sobre as previsións dunha guerra longa e cruenta en Ucraína.

O Comité chama á participación na manifestación do 12 de SOS Sanidade Pública

Xa no eido económico, fíxose fincapé nas elevadas taxas de inflación que se rexistran, cunha presión na eurozona que acadou en decembro os 9,2 puntos, en España esta quedou no 5,7%. Esta moderación é grazas ao comportamento do prezo dos produtos enerxéticos ou as medidas de axuda ás persoas consumidoras que deben ser postas en valor. Precisamente, neste contexto UGT reivindica o papel dun Estado forte garante dos dereitos da cidadanía. Que é, precisamente, o que demanda a sociedade, sendo unha boa mostra disto as mobilizacións en defensa da sanidade pública que se están a suceder por toda a xeografía nacional. Neste senso, o Comité Nacional chama á participación na mobilización do 12 de febreiro de SOS Sanidade Pública en Santiago en defensa da atención primaria en Galicia.

O Comité insistiu en que é necesario apostar por máis protección social e máis intervención pública. Son liñas políticas imprescindibles, como xa se apuntou, a redución dos efectos da inflación e manter un sostido incremento da presión impositiva sobre as empresas e persoas con maior capacidade.

Tamén hai que seguir insistindo nas reformas normativas axeitadas que si teñen efectos, como así o demostrou a Reforma Laboral, que permitiu un descenso do desemprego e a mellora da súa calidade, aínda así, hai que seguir traballando nesta liña, xa que en Galicia aínda hai 142.222 persoas en situación de desemprego e case 50.000 destas están en situación de paro de longa duración.

Urxe un AENC que de estabilidade para garantir mellores condicións salariais e de emprego. Os salarios soben un 2,6%, os prezos un 6% e as marxes de beneficios son dun 42,3%

O Comité puxo en valor o papel da negociación colectiva como elemento esencial de redistribución da riqueza das economías. Nesta liña, o Sindicato denuncia o bloqueo da negociación colectiva imposto pola postura da patronal e demanda a volta á senda da negociación para acadar un AENC que de estabilidade e seguridade ás empresas e aos traballadores e traballadoras para avanzar en mellores condicións salariais e de emprego. Non se pode esquecer que en España os salarios subiron en 2022 unha media dun 2,6%, fronte a uns prezos que medraron case o 6% e que somos o cuarto país onde menos soben os salarios. Isto sorprende cando as marxes de beneficios son dun 42,3%.

Dende o Comité tamén se demandou unha reactivación do diálogo social, que foi clave para dar unha resposta social á crise, para dar resposta aos problemas sen resolver. Urxe un pacto de Estado pola enerxía, máis aló do ciclo político, que dote de estabilidade ao sector e garanta a competitividade industrial; así como un pacto de Estado pola industria e unha Lei de industria para que esta supoña, polo menos, o 20% do PIB.

En canto ao SMI, demándase a recuperación no 2023 do seu valor real como instrumento básico de capacidade adquisitiva de acordo cos obxectivos da Carta Social Europea.

En canto á conxuntura de Galicia, o Comité saúda os bos datos de crecemento da actividade económica, o que se traslada a unha mellora da ocupación, aínda que hai que salientar que esta Comunidade mantense entre as que teñen menores taxas de actividade, tan só Asturias presenta unha situación peor. Ademais hai que apuntar que a reactivación da ocupación non é homoxénea, a mellora concéntrase no sector servizos, pesca e construción, fronte aos descensos en industria manufactureira e agricultura. Tamén mellora a calidade do emprego, os temporais representan o 18,3%, cando o nivel prepandemia era do 27%. O que si continúa é a elevada desigualdade entre homes e mulleres, mais das tres cuartas partes do emprego parcial corresponde ás mulleres.

Modernización políticas activas de emprego e máis atención á sinistralidade laboral, os accidentes mortais medraron en Galicia un 40,81%

As cifras ratifican que a calidade do emprego, grazas á Reforma Laboral, mellora pero hai que continuar nesta liña de traballo, para o que o Comité Nacional de UGT-Galicia aposta pola modernización das políticas activas de emprego. No mercado laboral tamén existe outra lacra á que hai que atender urxentemente porque os datos son alarmantes. Entre xaneiro e novembro de 2022 faleceron en Galicia 69 persoas en accidente laboral, un incremento do 40,81% en relación ao mesmo período de 2021, cando se rexistraron 49 falecidos. De feito, Galicia é a segunda comunidade co índice de incidencia de accidentes mortais máis elevado. As políticas preventivas non están a dar o resultado esperado e os datos tamén evidencian que en moitos casos estase a incumprir a normativa en materia de prevención por parte das empresas. Tamén chegou o momento de revisar a Lei de Prevención de Riscos Laborais para adaptala ás novas realidades e articular un plan de choque, así como reforzar a Inspección de Traballo.

A Xunta debe asumir as súas competencias en política industrial ante as ameazas ao sector

O Comité insta á Xunta a que asuma as súas competencias en política industrial, xa que é un sector con datos preocupantes que ten que facer fronte a ameazas e incertezas derivadas da falta de carga de traballo, elevado prezo da electricidade ou do gas, carencia de compoñentes ou proceso de transformación enerxética. Isto fai inaprazable a posta en marcha dunha política industrial que aposte por actividades de alto valor engadido e que aborde o problema enerxético.

UGT-Galicia tamén se compromete a estar vixiantes para garantir a efectividade dos fondos europeos que deben servir para paliar os continuos déficits en aspectos básicos como servizos públicos, tecido industrial, I+D+i, despoboamento do rural, brecha de xénero e dixital...

O Comité esixe a revisión dos contratos de obras e servizos asinados polas administracións para que, ante a suba dos prezos, se garantan a prestación dos mesmos e as condicións laborais dignas das persoas traballdoras que os executan

A escalada inflacionista tamén está a afectar aos contratos de obras e servizos asinados polas administracións, polo cal, UGT-Galicia demanda a súa revisión xa, primeiro, para garantir que as obras e servizos se poidan executar e prestar dentro dos parámetros establecidos, e, segundo, para garantir unhas condicións laborais dignas e a actualización dos salarios dos traballadores e traballadoras que están a cargo da execución destas obras ou a prestacións dos servizos.

Demandas en materia enerxética

En materia enerxética, o Comité demanda o cumprimento íntegro do “Acordo por unha transición enerxética xusta para as centrais térmicas en peche: o emprego, a industria e os territorios” que afecta en Galicia a Meirama e As Pontes. A posta en marcha do acordo debe converterse na ferramenta que posibilite a xeración de emprego e creación de actividade industrial nas áreas afectadas, garantindo con elo a xustiza social que estes territorios e os seus traballadores e traballadoras merecen.

O Comité tamén aposta porque Galicia se posicione como rexión estratéxica e pioneira cara a descarbonización do seu sistema económico, permitindo sinerxias de desenvolvemento industrial que faciliten novas rendas e postos de traballo sostibles, coa obriga de facelo respectando as demandas sociais que buscan unha axeitada protección do medioambiente e do rural.

Para o Sindicato, é tan disparatado pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica que se ten solicitado en Galicia, como o é unha prohibición total de novos desenvolvementos eólicos. Os novos parques que se autoricen deben ter valor engadido, integrando a enerxía que se produza co sistema productivo galego, tanto no sector primario como no industrial, na xeración de emprego e de contido local en todos os proxectos. Nesta liña, sería decisivo un consenso de país no que UGT xa se atopou co PSdeG e tamén no desenvolvemento da Alianza galega para a produción de hidróxeno verde nesta Comunidade.

Orzamentos Xunta 2023

Analizáronse tamén os Orzamentos da Xunta para o 2023 que recollen un incremento do 8% que pode chegar a resultar cativo tendo en conta a escalada de prezos. Tamén se observa unha aposta desigual por áreas. En promoción do emprego e institucións do mercado de traballo soben un 12,1%; en sanidade un 8,4%; pero noutras grandes áreas como educación tan só o fan nun 3,7%.

Aínda así, en sanidade, ante a crítica situación que se vive en Galicia neste eido, de seguro, este aumento vai ser insuficiente e, ademais, persiste un dos graves problemas que soporta o sistema público de saúde e o sociosanitario, a carencia de profesionais, determinada en orixe por unha falla de planificación na formación universitaria e de formación profesional sanitaria. Limítase con “números clausus” o acceso a formación e posteriormente o acceso a formación especializada, así a oferta formativa non cubre a demanda, se colapsan os servizos e se dificulta o exercicio de dereitos básicos de descanso e permisos dos actuais profesionais por falta de persoal, o que de non corrixirse levará ao sistema público ao colapso. A situación é crítica pero empeorará de non modificarse ante a previsión de xubilacións, polo que urxe unha planificación dende a base da oferta formativa de grado e especializada e de formación profesional.

O Comité Nacional de UGT-Galicia considera que as contas públicas galegas deberían dar resposta ás profundas dificultades que atravesan as familias galegas, provocadas polas subas dos prezos. É o momento de corrixir as grandes desigualdades que está a ocasionar a espiral inflacionista. Corrixir o risco de pobreza e exclusión social. Baixo estas premisas, non parece moi axeitado que o Goberno galego decida diminuír o imposto de patrimonio que, claramente, beneficia a uns poucos.

O Orzamento baséase nunha previsión de incremento da imposición, tanto directa como indirecta, demasiado optimista, xa que esta vai estar moi condicionada pola capacidade de consumo e de investimento das empresas.

E, por outra banda, a previsión do cadro macroeconómico que, evidentemente, condiciona o orzamento, tamén resulta demasiado optimista. Faise unha previsión de incremento do PIB para o 2023 do 1,7%. No anterior orzamento esta previsión era do 6% para o 2022, que mudou ata o 3,6%.

A UGT-Galicia tamén lle preocupa a acumulación da débeda, que caracteriza de novo a estas contas, sobre todo, tendo en conta a debilidade que neste momento existe sobre os tipos de xuro. A débeda acumulada presenta un crecemento espectacular dende o ano 2008. De 3.954 millóns a 11.824 millóns de euros no segundo trimestre do ano 2022, o que supón triplicala. Así, de representar esta o 6,7% do PIB, pasa ao 17,7%.

UGT-Galicia vai levar ao CGRL unha declaración de condena pola disolución do servizo de mediación e arbitraxe en Castela e León e tamén demanda que as mulleres poidan abortar libremente en Castela e León

Por outra banda, o Comité anunciou que vai levar ao Consello Galego de Relacións Laborais unha declaración de condena e repulsa pola decisión do Goberno de Castela e León de disolver o servizo de mediación e arbitraxe desta Comunidade (SERLA), o que, para UGT, é un unha vergoña, suprimir un organismo que está funcionando, dando resultados moi positios para as empresas e persoas traballadoras, que se convertue nun dos piares fundamentais das relacións laborais de Castela e León, e que se cuestiona agora por razóns ideolóxicas. Non se pode esquecer que este servizo resolve recursos de xeito colectivo que non teñen que ir aos xulgados do social.

O Sindicato tamén denunciou a limitación ao dereito ao aborto que pretende establecer o Goberno de Castela e León e lembra que hai unha lexislación estatal que a Xunta de Castela e León ten que cumprir. Unha lexislación que permite ás mulleres, ante unha situación tan dramática como é a de interrumpir un embarazo, que o poidan facer libremente.

Denuncia persecución sindical en GRI Towers Galicia

O Comité tamén denunciou a situación que están a vivir cinco traballadores en GRI Towers Galicia, empresa emprazada en Uceira (Ourense), que, pola súa participación activa na folga do siderometal da provincia de Ourense, están a sufrir agora as consecuencias sendo vítimas dunha situación de persecución sindical que xa foi denunciada polas vías xudiciais correspondentes. Ao respecto, o Comité denuncia este tipo de represalias por parte das empresas, polo simple feito de defender as presoas traballadoras unhas condicións laborais dignas e exercer libremente o dereito a folga, e amósalle o seu respaldo aos afectados.


 


 

Fuente: UGT-Galicia