O Comité Nacional de UGT-Galicia considera que urxen solucións para o problema da vivenda porque cos salarios medios galegos actuais faise difícil afrontar alugueiros
O 1º Comité Nacional de UGT-Galicia, reunido hoxe en Santiago, recoñece a mellora do emprego en Galicia pero alerta sobre varias eivas que persisten: baixa actividade, falta de relevo, o tempo parcial feminino, desemprego de longa duración, forte peso da muller no desemprego, fenda salarial e perda de poboación moza, máis de 80.000 en 15 anos
Fecha: 16 Dic 2025
O 1º Comité Nacional de UGT-Galicia, reunido hoxe en Santiago, recoñece a mellora do emprego en Galicia pero alerta sobre varias eivas que persisten: baixa actividade, falta de relevo, o tempo parcial feminino, desemprego de longa duración, forte peso da muller no desemprego, fenda salarial e perda de poboación moza, máis de 80.000 en 15 anos
O Comité Nacional de UGT-Galicia considera que urxen solucións para o problema da vivenda porque cos salarios medios galegos actuais faise difícil afrontar alugueiros
Os Orzamentos da Xunta para o 2026 adoecen dunha política fiscal progresiva, deberían prestar máis apoio aos servizos públicos, ao investimento produtivo e ao emprego de calidade para garantir a cohesión social e a igualdade
Santiago, 16 de decembro de2025.- O 1º Comité Nacional de UGT-Galicia, no que participan a Comisión Executiva do Sindicato e unha representación dos seus organismos, tanto das unións comarcais como das federacións, e que se constitúe como o máximo órgano de dirección entre congresos, reuniuse hoxe en Santiago. Este órgano debateu sobre a situación actual, analizou diversas cuestións de carácter interno e puxo enriba da mesa as propostas de UGT-Galicia de cara aos vindeiros meses, as pautas de traballo.
Na orde internacional advertiuse sobre as guerras en Palestina e Ucraína e pediuse o cese inmediato das agresións e o cumprimento estrito do dereito internacional en ambos casos. Tamén se alertou sobre a dereitización do Parlamento Europeo e sobre unha axenda que está a implementar recortes en materia de dereitos laborais, fiscalidade, estado de benestar e transición ecolóxica. Ante o cal, UGT esixe un pacto de investimento social europeo que aposte e poña no centro o emprego e a industria e que isto se faga cunha aposta clara por unha Europa social, laboral, feminista, ecolóxica e solidaria.
A situación de crispación que se vive en España é o caldo de cultivo ideal para que prolifere a precariedade
En España, o Comité Nacional de UGT-Galicia alertou sobre a conxuntura de crispación que se vive e como esta situación é o caldo de cultivo perfecto para que a precariedade se converta nunha constante no mercado laboral do país. Así o amosa recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a indemnización por despedimento improcedente, que constitúe un ataque histórico á clase traballadora, consolidando un despedimento barato e rompendo o equilibrio entre empresa e traballador. De feito, UGT está estudando levalo ao Tribunal Constitucional e abrir un calendario de mobilizacións.
Aposta polo diálogo social (Pacto de Estado polo Clima, nova Lei de Prevenicón, suba do SMI e redución de xornada)
De cara aos vindeiros meses, o Comité Nacional estableceu unha axenda de traballo. A aposta polo diálogo social e a negociación colectiva vai ser clara. Nestes contextos, haberá que afrontar os desafíos do cambio climático cun Pacto de Estado polo Clima; abordar unha nova Lei de Prevención de Riscos Laborais que atenda aos novos retos, saúde mental, IA e que impulse a figura dos delegados e delegadas de prevención; reivindicarase un SMI que chegue ao 1.273 euros en 14 pagas e que tribute; que a vivenda se converta nun dereito constitucional; e que as 37,5 horas semanais sexan un feito para camiñar cara as 32 porque reducir o tempo de traballo é mellorar en saúde, conciliación e igualdade.
Impulso VI AENC
UGT tamén vai traballar no impulso do VI AENC que prevea a redución da xornada, os salarios dignos e a mellora das condicións laborais. Paralelamente, tamén urxe o control efectivo da xornada laboral e a erradicación das horas non aboadas nin cotizadas.
Medra o PIB pero non na mesma porcentaxe o emprego en Galicia
En canto á situación sociolaboral de Galicia, o Comité Nacional do Sindicato recoñece que esta Comunidade consolida o seu crecemento, cun aumento do PIB do 2,6% pero coa persistencia de debilidades no modelo produtivo, especialmente na creación do emprego. A modo de exemplo, os postos de traballo equivalentes a tempo completo aumentaron un 0,9% en taxa interanual este trimestre, fronte ao mencionado aumento do PIB dun 2,6%. Mentres que no Estado si que hai este traslado do crecemento do PIB ao emprego, xa que este medra un 3.3%.
Tamén incídese en que o crecemento do PIB susténtase na demanda interna, 1,9 puntos, mentres que a demanda externa achega tan só 0,3 puntos. O consumo público rexistra un incremento do 3% pero o gasto dos fogares só evoluciona nun 1,2%.
Mercado laboral galego
O mercado laboral mellora cun aumento da ocupación e cunha mellora da calidade do emprego, grazas á reforma laboral. Con todo, persisten problemas como o baixo nivel de actividade en Galicia, a falta de relevo xeracional, o peso do emprego a tempo parcial entre as mulleres, 72%, ou a elevada taxa de paro entre as persoas con menor formación. Neste senso, tamén destacan o desemprego de longa duración, 34.000 persoas, das cales 19.000 leven máis de dous anos, e catro de cada dez parados galegos non cobran nada. Ademais, as mulleres seguen representando o 58,3% do desemprego, cunha fenda salarial de 16 puntos. E a todo isto súmaselle o segundo índice de envellecemento máis elevado do Estado e unha perda de poboación moza (entre 16 e 29 anos) de 80.500 dende o ano 2010 ao 2024.
Orzamentos Xunta
No relativo aos Orzamentos da Xunta para o 2026, UGT-Galicia considera que as previsións de ingresos son demasiado optimistas. Insístese nun modelo fiscal baseado en rebaixas tributarias selectivas e vantaxes regresivas que reducen a progresividade e limitan a capacidade recadatoria. Ademais, o forte incremento previsto dos ingresos fiscais non se corresponde cun escenario económico moderado, o que nos xera dúbidas sobre a súa viabilidade. E mantense a liña de anos anteriores dunha elevada dependencia dos impostos indirectos, o que fai o sistema menos xusto.
Os orzamentos non abordan de xeito decidido problemas como listas de espera, situación de primaria, empeoramento condicións educativas ou a situación de dependencia
No gasto público, increméntanse os custos de persoal e o gasto corrente pero redúcense os investimentos, algo preocupante para afrontar retos estruturais como o envellecemento, a transición enerxética ou a modernización produtiva. Os incrementos en sanidade e educación son considerados positivos pero insuficientes: non abordan de forma decidida problemas como listas de espera, falta de profesionais, saturación da Atención Primaria ou empeoramento das condicións educativas. Na dependencia tamén hai máis fondos pero o aumento é cativo fronte á crecente demanda, polo que podería dificultar a mellora da atención e das condicións laborais nun sector feminizado e esencial.
Recursos cativos para políticas activas de emprego, I+D+i ou vivenda
Outros ámbitos clave, como políticas activas de emprego, I+D+i e vivenda, tamén presentan recursos por baixo das necesidades dunha Galicia cun forte avellentamento e con retos produtivos e sociais importantes. A pesada carga financeira da débeda limita aínda máis a capacidade de actuación.
En conclusión, para UGT-Galicia, os orzamento deberían ter unha política fiscal máis progresiva, con maior capacidade redistributiva e máis apoio aos servizos públicos, ao investimento produtivo e ao emprego de calidade, para garantir cohesión social e igualdade de oportunidades.
Propostas UGT-Galicia
Fronte o todo isto, UGT-Galicia fai as súas propostas. Hai que apostar pola reindustrialización verde e dixital apoiada en grandes investimentos coas achegas dos Fondos Europeos. Para non ficar atrás, a Xunta de Galicia debe impulsar a Axenda Industrial e coordinar sectores, empresas e axentes sociais.
Tamén é preciso apostar polo naval, a automoción e a industria agroalimentaria: non podemos perder os nosos centros de excelencia. Esiximos carga de traballo e investimento en I+D. Cómpre unha política industrial que aposte por actividades de alto valor engadido e que aborde o reto enerxético, situando Galicia como rexión pioneira na descarbonización e na creación de emprego sostible, sempre respectando o medio ambiente e o rural.
É necesario o fortalecemento e desenvolvemento pleno dos servizos públicos, modernizar as Administracións, investir máis no noso Sistema Público de Saúde; maior proxección e financiamento do ensino público; mellora do funcionamento da Xustiza; e mellora da atención e protección das persoas.
E, finalmente, UGT-Galicia aposta por revalorizar e impulsar o rural, converter este espazo nunha alternativa real provista das ferramentas necesarias para que as persoas podan vivir dignamente.