UGT xa advertiu no 2018 da nefasta xestión de Sargadelos se continuaba en mans da actual Dirección

Ningún empresario pode estar por enriba da Lei e poñer en risco a saúde e seguridade dos seus traballadores e traballadoras

Fecha: 02 Abr 2025

sargadelos

UGT xa advertiu no 2018 da nefasta xestión de Sargadelos se continuaba en mans da actual Dirección

Ningún empresario pode estar por enriba da Lei e poñer en risco a saúde e seguridade dos seus traballadores e traballadoras



 

Santiago, 2 de abril de 2025.- Por desgraza, hoxe asistimos ao anuncio por parte do administrador único de Sargadelos, Segismundo García, do seu peche. UGT observa isto sen sorpresa algunha, xa que no 2018 advertiu da nefasta xestión se continuaba ao fronte da fábrica da Mariña a actual dirección e se continuaba coa súa “particular” toma de decisións e xeito de facelas cousas. A UGT-Galicia preocupáballe, sobre todo, naquel momento a xestión dos recursos humanos e as dificultades por parte dos traballadores e traballadoras para facer valer os seus dereitos.


Hai que lembrar que no 2018 UGT viuse obrigada a poñer en marcha unha campaña contra a persecución sindical en Sargadelos, campaña que culminou cunha gran manifestación o 23 de novembro de 2018 que percorreu as rúas de Cervo ata a fábrica. Xa naquel entón denunciábase ante os medios de comunicación que “Hoxe Sargadelos está en mans dun empresario que impón dubidosas prácticas laborais e actúa baixo criterios e con actitudes afastadas de calquera principio laboral dunha sociedade democrática”.

 

Hoxe a realidade dános a razón, o administrador anuncia o peche amparándose en que a Inspección imponlle unha multa e requírelle a corrección dunha serie de eivas que rexistra a factoría. UGT lémbralle que a Lei está aí para cumprila e que resulta desprezable antepoñer supostos intereses empresariais por enriba dos dereitos laborais e da propia saúde e seguridade dos 200 traballadores e traballadoras cos que conta a factoría. 



Tamén é este o momento de recordar como por aquel entón a delegada de UGT Rogelia Mariña foi vítima destas políticas empresariais. E, finalmente, a Xustiza deulle a razón cunha sentenza na que se recoñecía que Mariña estaba a ser vítima de persecución sindical e vulneración dos seus dereitos fundamentais. Cando a compañeira o único que fixo foi adicar a súa vida sindical á defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras de Sargadelos.

 

A UGT preocúpalle que isto remate coa perda dunha empresa emblemática para toda Galicia e a perda duns 200 empregos nunha comarca que xa leva anos castigada en materia de emprego e tecido industrial. 

 

Por outra banda, UGT insta á Xunta a que, como Administración que ten as competencias en política industrial, se implique nesta situación porque o peche de Sargadelos pode significar a perda de moitos postos de traballo, tanto directos como indirectos, un duro golpe para A Mariña e tamén pode supoñer a perda dunha das empresas máis emblemáticas de Galicia cunha vertente cultural tamén moi importante, arroupada no seu momento pola figura do propio Isaac Díaz Pardo. 

 

Finalmente, UGT-Galicia agarda que este anuncio sexa só unha bravuconada máis do administrador, ás que, desgraciadamente, xa nos ten acostumados, como á propia xudicatura, que xa se viu obrigada a emitir sentenzas en contra, e que agora lle toca padecer á Inspección de Traballo tan só por cumprir coas súas obrigas e o seu fin, a protección dos dereitos e da saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras. 

Fuente: UGT-Galicia