A Fundación Luis Tilve entrega os seus premios 2016

Este xoves, 29 de xuño, tivo lugar en Santiago a entrega dos premios Luis Tilve correspondentes ao ano 2016. Nesta edición, o Xurado dos Premios Luís Tilve 2016, que preside Fernando González Laxe e composto por: José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Mª Xosé Rodriguez Galdo e Roxelio Pérez Poza, considerou premiar a Escola Viva, á Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, á Asociación Galega do Patrimonio Industrial e ao historiador Luís Lamela García.

Premio "Traballo digno"

O premio Traballo Digno desta edición é outorgado ó Movemento de Renovación Pedagóxica Escola Viva, pola súa contribución á formación do profesorado e á mellora do sistema educativo.

A asociación crease en 1984, como continuadora das Escolas de Verán para o profesorado, coa fin de proseguir e afianzar a renovación pedagóxica e progresista que estaba tendo lugar no marco educativo dun país en proceso de cambio. Dende entón, lévanse feito infinidade de cursos, publicacións, mesas redondas, conferencias, entrega de Premios, etc., actividades, todas elas, encamiñadas a mellorar a educación en campos como a convivencia, a atención a diversidade, a educación ambiental, a innovación didáctica, o aprendizaxe participativo, as tecnoloxías da información, a colaboración entre a familia e a escola, etc.

Escola Viva cubre ademais o baleiro deixado pola administración na formación do profesorado, cuxa continuidade e regularidade e fundamental para mellorar o nivel educativo, tanto dos alumnos como dos profesores, sendo unha demanda de primeira necesidade.    

Premio "Acción solidadria"

O premio Acción Solidaria outórgase á Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, que leva loitando dende o 2014 para que as persoas enfermas deste virus poidan recibir un tratamento que cure a súa doenza, fronte a un Goberno que se negaba a incorporalo ó sistema de saúde. Como noutras tantas ocasións, a sociedade civil organizábase para defender os seus dereitos.

As súas accións de mobilización para denunciar o desamparo en que se atopaban, pese a padecer unha enfermidade moi grave, lograron chamar a atención de toda a sociedade, especialmente cando foron expulsados do Parlamento Galego tralo rexeitamento do Grupo Popular da Proposición presentada pola asociación para que se tratara ós doentes máis urxentes. Esta actividade levou ó Ministerio de Sanidade a aprobar un Plan Estratéxico para abordar a enfermidade dende a sanidade pública, o que supuxo un logro social.

Sen embargo, a asociación continua velando polo cumprimento do Plan, pola atención dos afectados, ós que moitas veces se lles denegou o tratamento  (incluídos os afectados nos centros penitenciarios), denunciando a morte de pacientes non tratados en tempo e forma e pedindo responsabilidades penais, asesorando na xestión da enfermidade ou participando directamente no Plan Estratéxico.

Premio "Defensa do medio ambiente e dos bens comúns"

O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu na Asociación Galega do Patrimonio Industrial, BUXA, polo seu traballo de investigación, defensa e divulgación do patrimonio industrial galego.

A asociación leva dende o 2008 realizando unha traballo de recollida, inventariado e difusión deste patrimonio para favorecer a súa conservación. Estas actividades se complementan con conferencias e charlas, percorridos e visitas guiadas, investigacións da historia industrial, publicacións, a defensa e promoción deste patrimonio, etc.

Buxa traballa tamén pola recuperación, rehabilitación e a reconstrución material do patrimonio industrial de Galicia, coa intención de por en valor o noso acervo a través deste capital social que deixou e aínda deixa, a súa pegada na nosa historia e cultura (ferramentas, maquinaria, edificios, camiños, pontes…) e que deben servir para deleite de toda a comunidade, tanto para usos didácticos ou de lecer, como turísticos ou sociais.

Premio "Investigación e divulgación histórica"

O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou no historiador Luis Lamela García, pola súa extensa traxectoria, dende 1987, na investigación e recuperación da memoria histórica en Galicia, fronte o esquecemento e o silencio. Achegando ás novas xeracións un coñecemento necesario para saber do noso pasado, comprender o noso presente e evitar cometer os mesmos erros no futuro.

Luis Lamela García é autor dunha extensa bibliografía ("Inmolados gallegos", "A Coruña 1936. Memoria convulsa de una represión", "1936. la Cruzada en Compostela. La Guerra Civil y la represión franquista", "A represión da masonería viguesa"…), ademais de colaborar en xornais (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego), revistas especializadas (Unión Libre, Anuario Brigantino), asesorar o Proxecto Inter-universitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", ou participar en congresos, seminarios e charlas sobre a Guerra Civil e a represión franquista.

O historiador foi un pioneiro do estudo daqueles duros anos de contenda fratricida e posterior represión, sendo o primeiro investigador que accedeu á documentación militar referente a represión franquista en Galicia, ou o primeiro que publicou a documentación dun Consello de Guerra.