Hai marxe para seguir creando emprego de calidade e recuperar poder adquisitivo
UGT-Galicia alerta sobre a situación das mulleres, que sofren xa case o 60% do desemprego nesta Comunidade, e dos máis mozos, entre os que o paro medrou nun 19,5%
Fecha: 02 Oct 2025

UGT-Galicia alerta sobre a situación das mulleres, que sofren xa case o 60% do desemprego nesta Comunidade, e dos máis mozos, entre os que o paro medrou nun 19,5%
Hai marxe para seguir creando emprego de calidade e recuperar poder adquisitivo
O mercado laboral segue mantendo un rumbo firme e estable no relativo á creación de emprego, a pesar do complexo e inestable contexto internacional. Non obstante, hai que advertir que Galicia neste mes rexistra un peor comportamento, en relación ao resto do Estado
Santiago, 2 de outubro de 2025.- Os datos de emprego publicados hoxe confirman que o mercado laboral segue a manter un bo ritmo. Non obstante, hai que salientar que os datos de Galicia difiren, nalgúns dos indicadores, das medias estatais. Así, mentres que en setembro o Estado rexistrou 31.500 afiliados máis á Seguridade Social e 4.900 parados menos, en Galicia o número de afiliados baixou en 7.206 e as persoas en situación de desemprego medraron nun 3,09%. Aínda así, alcánzanse os 1,1 millóns de ocupados, un máximo no mes de setembro na serie histórica.
Hai que subliñar que setembro é un mes fortemente determinado pola estacionalidade, coa volta á actividade de moitas empresas que pechan en vacacións e o fin da tempada alta de verán, polo que o número de persoas rexistradas como paradas nos servizos públicos de emprego adoita aumentar.
Ademais, a temporalidade da afiliación reduciuse en relación ao 2021, antes da reforma laboral, ao pasar en Galicia do 29,3% ao 15% actual. Aínda que no Estado segue a ser bastante máis baixa, do 12,6%. Isto demostra como a nova normativa laboral segue sendo plenamente efectiva para corrixir un dos principais problemas endémicos do noso mercado de traballo.
Se deixamos á marxe os dous exercicios excepcionais da pandemia da covid-19, atopámonos ante os mellores resultados de toda a serie histórica, o que demostra unha vez máis que os dereitos laborais impulsan a economía.
Estes datos confirman que a subida dos salarios e, de maneira especial, o importante incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) non só non destrúe emprego, senón que fortalece e mellora substancialmente o comportamento do mercado de traballo.
Por iso, desde UGT reclamamos que a negociación do SMI de 2026 abórdese con determinación: debe subir con suficiencia e con rotundidade e facelo ademais con efectos netos a nivel fiscal, excluíndo pluses e complementos, para garantir a súa auténtica función protectora.
Con todo, a pesar dos bos resultados, persisten retos estruturais graves. España segue rexistrando unha das taxas de paro máis altas da Unión Europea, con especial incidencia no paro de longa duración, que afecta a unha porcentaxe inaceptable de traballadores e traballadoras.
Por iso, UGT-Galicia reclama:
• Políticas públicas activas de emprego máis eficaces, centradas na empregabilidade e na reinserción das persoas desempregadas de longa duración.
• Reforzar a protección do contrato de traballo, adecuando a lexislación española aos compromisos internacionais derivados da Carta Social Europea, que obrigan a garantir a estabilidade no emprego.
• Continuar coa senda de mellora salarial e redución da xornada laboral, como elementos indispensables para avanzar cara a un mercado laboral xusto, inclusivo e sostible.
En definitiva, os datos de setembro mostran que se progresa cando se aposta por dereitos, salarios dignos e estabilidade. Agora toca consolidar ese avance e afrontar con valentía os problemas pendentes do noso mercado de traballo.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 3.394 persoas con respecto ao mes anterior (3,09%), fronte á baixada rexistrada no Estado, un 0,20%, 4.846 persoas menos no desemprego. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 7.907 persoas, un 6,54% menos. A mesma tendencia mantense no resto do Estado, cun descenso do 5,97%, 153.620 persoas menos no paro que hai un ano. Así, o número total de desempregados sitúase en 113.085 persoas, mínimo histórico en Galicia nun mes de setembro dende 1996.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, aínda que máis acusada, así, subiu no mes nun 19,45%. En relación a setembro de 2024, pola contra, o desemprego baixou nun 1,70%. É dicir, en Galicia rexístrase un peor comportamento do desemprego entre os máis mozos
Por sexos, no mes o desemprego sube en ambos, un 3,74% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,66%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 7,27% entre os homes e o 6,03% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,45% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 67.224 mulleres, fronte a 45.861 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes sube en todos. Na agricultura e gandería, nun 2,14%; na industria, nun 1,30%; nun 0,88% na construción; en servizos, nun 3,14%; e o 6,42% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 11,26% no primario; o 9,25% na industria; o 11,75% na construción; o 5,34% no sector servizos; e o 7,74% entre o colectivo de sen emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego tamén sube en todas as provincias. O 2,88% na Coruña; 3,93% en Lugo; 4,17% en Ourense; e un 2,77% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 6,20% na Coruña; 6,37% en Lugo; 5,38% en Ourense; e o 7,29% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 30,24%. Realizáronse en agosto un total de 76.770 contratos en Galicia. No mes de setembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 8,71%. 21,53 puntos por enriba do que sucedía hai catro anos, antes de que entrase en vigor a Reforma Laboral.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 64,9%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 30,2%; 29,5% no primario; e na industria, do 22,2%.
En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 67,02%, moi por debaixo do 82,5% do Estado, con 66.803 persoas beneficiarias. Deste total, 25.329 perciben subsidios e 657 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 40.817. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.104.002 de media mensual, baixando o 0,65% no mes e aumentando un 1,67% no ano.