Galicia rexistra o menor número de persoas en paro nun mes de agosto desde 1996

UGT-Galicia alerta sobre a situación das mulleres que sofren xa case o 60% do desemprego nesta Comunidade

Fecha: 02 Sep 2025

paroago25

UGT-Galicia alerta sobre a situación das mulleres que sofren xa case o 60% do desemprego nesta Comunidade

Galicia rexistra o menor número de persoas en paro nun mes de agosto desde 1996

Pese á boa marcha do mercado laboral é necesario investir en políticas activas de emprego para combater o paro de longa duración

Santiago, 2 de setembro de 2025.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social do mes de agosto, publicados hoxe, rexistran un descenso das persoas afiliadas e un aumento das persoas paradas respecto a xullo. Estes resultados reflicten unha tendencia estacional propia deste período.

A evolución do mercado de traballo vese moi influenciada polo momento do ano e as fluctuacións estacionais da actividade. Aínda así, o dato deste mes é o mínimo nun mes de agosto da serie histórica e a terceira menor cifra, tras o dato de xuño e xullo.

A pesar disto, o número de persoas desempregadas segue sendo elevado e debe seguir reducíndose. É necesario reformar e investir en políticas activas de emprego eficientes, que estean ben dotadas de recursos humanos e técnicos para poder desenvolver adecuadamente a orientación e intermediación laboral, incrementando así a empregabilidade das persoas desempregadas. Estes cambios son especialmente relevantes para quen se atopa en paro de longa duración, é dicir, máis dun ano buscando emprego.

No que respecta a a afiliación, constátase o mesmo comportamento estacional desta época. Así, o descenso mensual en 2.279 persoas explícase pola habitual redución da actividade dos meses de agosto. Con iso, o número medio de persoas afiliadas neste mes sitúase en 1.111.207, a maior nun mes de agosto de toda a serie histórica.

En termos anuais, hai 18.321 persoas máis afiliadas á Seguridade Social, o que supón un ritmo de creación de emprego do 1,68%. Este dato é o que mellor reflicte a situación do emprego que continúa crecendo e que supón unha evolución sostida e sostible, consecuencia dun crecemento robusto da actividade económica.

Trátase, ademais, dun emprego de maior calidade que o creado antes da reforma laboral de 2021, un punto de inflexión que introduciu un cambio no tratamento contractual. Isto permitiu que, segundo a información publicada hoxe, haxa unha taxa de temporalidade do emprego afiliado do 16,11%, 14,41 puntos menos que antes de dita reforma.

A mellora da calidade do emprego, que pon de manifesto estes datos de contratación, debe completarse coa mellora da lexislación dos despedimentos. Neste sentido, UGT considera que a Recomendación do Consello de Europa debe incorporar medidas máis eficaces para garantir o cumprimento da Carta Social Europea no que respecta a este ámbito, posto que o Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou unha Recomendación na que se instaba ao Goberno español a garantir que o custo das indemnizacións por despedimento inxustificado sexa realmente disuasorio para o empregador. Esta medida tamén contribuiría a que a seguridade laboral aumentase para as persoas traballadoras e gozasen dunha maior estabilidade no seu emprego, o que repercutiría positivamente sobre a produtividade.

En resumo, os datos de paro rexistrado e Seguridade Social reflicten a situación estacional propia de agosto, pero tamén recollen o bo estado do mercado de traballo español, que mantén un ritmo de crecemento do emprego cada vez máis estable. Con todo, aínda existen desafíos como o elevado desemprego e, concretamente, o paro de longa duración. É fundamental aplicar novas políticas activas de emprego máis eficaces, así como protexer ás persoas traballadoras para evitar que poidan ser despedidas sen unha indemnización xusta e disuasoria.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 1.833 persoas con respecto ao mes anterior (1,70%) e no Estado esta cifra tamén medrou, un 0,91%. Pola contra, no ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 8.987 persoas, un 7,57% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 109.691 persoas, mínimo histórico en Galicia nun mes de agosto dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, subiu no mes nun 6,43%, e no ano a diminución foi dun 7,25%.

Por sexos, no mes o desemprego sube en ambos, un 1,21% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,03%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 8,51% entre os homes e o 6,93% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,7% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 65.485 mulleres, fronte a 44.206 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes sube en todos, excepto no primario. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 0,51%. Pero sube na industria, nun 2,66%; nun 0,65% na construción; en servizos, nun 1,85%; e o 0,92% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 11,3% no primario; o 9,43% na industria; o 12,47% na construción; o 6,6% no sector servizos; e o 8,41% entre o colectivo de sen emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego tamén sube en todas as provincias. O 2% na Coruña, 1,94% en Lugo, 1,95% en Ourense e un 1,25% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 7,48% na Coruña, 6,69% en Lugo, 6,6% en Ourense e o 8,19% en Pontevedra.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 26,01%. Realizáronse en agosto un total de 59.106 contratos en Galicia. No mes de agosto de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 7,65%.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 65,4%, e no sector primario, do 53,9%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 24,6%, e na industria, do 19,7%.

En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 67,61%, moi por debaixo do 82,39% do Estado, con 66.213 persoas beneficiarias. Deste total, 25.938 perciben subsidios e 958 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 39.317. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.111.207 de media mensual, crecendo o 0,20% no mes e aumentando un 1,68% no ano.

Fuente: UGT-Galicia