Galicia recupera os datos de ocupación previos á crise de 2008
UGT-Galicia insiste na necesidade de aprobar con urxencia a lei de redución de tempo de traballo, nun contexto de máximos de emprego
Fecha: 24 Jul 2025

Galicia recupera os datos de ocupación previos á crise de 2008
UGT-Galicia insiste na necesidade de aprobar con urxencia a lei de redución de tempo de traballo, nun contexto de máximos de emprego
Santiago, 24 de xullo de 2025. Os datos da EPA do segundo trimestre de 2025 publicados hoxe rexistraron unha nova cifra récord: 1.165.500 persoas ocupadas na economía galega, tras un aumento do emprego de 15.400 persoas neste trimestre, o mellor dato de ocupación nesta Comunidade dende o primeiro trimestre de 2009, recuperando así os valores previos á crise de 2008.
Estes resultados débense, en parte, ao impulso estacional da actividade neste período previo á tempada estival, posto que os segundos trimestres adoitan ser sempre os mellores do ano en materia de emprego. Doutra banda, o número de persoas desempregadas rexistrou un descenso de 4.900 persoas, ata situarse nun total de 106.100. Desta forma, a taxa de paro sitúase no 8,3% neste trimestre, a mellor dende o segundo trimestre de 2008.
Como tamén adoita suceder neste período, a taxa de temporalidade incrementouse en 4 décimas, ata chegar ao 14,1%. Trátase da máis baixa nun segundo trimestre na serie histórica, grazas ao positivo cambio estrutural na contratación que supuxo a reforma laboral de 2021.
Con respecto a hai un ano, o emprego creceu un 2,6%, o que se traduce en 29.900 persoas máis ocupadas, mentres que as persoas desempregadas reducíronse en 13.700, un 11,4% menos. Estes resultados, como tamén sucede no resto do Estado, mostran unha fortaleza do mercado laboral que mesmo supón unha nova aceleración, o maior das grandes economías europeas e o dobre da media da zona euro, a pesar da incerteza do contexto económico internacional. A nova política arancelaria dos Estados Unidos ou os conflitos provocados en Oriente Medio polos ataques de Israel a Irán e Siria tiveron un efecto económico global aínda contido que, no caso de España, non repercutiu na evolución do seu mercado de traballo.
Radiografía da EPA en Galicia
Os datos amosan que hai en Galicia 29.900 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 2,6%) e, en relación ó primeiro trimestre de 2025, hai 15.400 ocupados máis, o que supón unha subida do 1,3%.
Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,3%, fronte ó 59% do resto do Estado.
Interanualmente, o paro baixou en 13.700 persoas, o que supón o 11,4%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego tamén baixou, un 4,4%, en 4.900 persoas.
Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 106.100 persoas desempregadas, no 8,3%. No caso dos homes esta taxa é do 8,7% e do 8% no caso das mulleres. Entre os menores de 30 anos esta sube ata o 17,4%.
Por sectores, interanualmente, o emprego mellora, na industria, cunha suba da ocupación dun 9,5% (16.900 ocupados máis), e no sector servizos, cun incremento do 2,8% (22.300 ocupados máis). Pola contra, baixa no primario, nun 7,1% (5.100 ocupados menos), e na construción, nun 4,9% (4.100 ocupados menos).
Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube en todos, excepto na construción, no que baixa nun 0,3%, en 200 persoas. Pola contra, sube no primario, nun 1,8%, en 1.200 persoas; na industria, nun 0,4%, en 800 persoas; e no sector servizos, nun 1,7%, en 13.500 persoas.
Hai en Galicia un total de 959.300 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 19.200 (2%) e ó ano soben en 36.300 (3,9%).
A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 14,1%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 5,2%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 12.600, o que supón un 1,6%.
O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 13,7%, sendo o 42,6% da mesma de carácter involuntario.
Difícil situación para moitos fogares e 33.900 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible
Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.
Hai en Galicia un total de 37.000 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 25.900 fogares que non perciben ingresos.
Das 106.100 persoas que están no desemprego, 33.900 levan máis dun ano nesta situación.
Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.