Galicia mobillízase pola redución da xornada laboral
A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron concentracións hoxe nas que centos de persoas clamaron pola redución da xornada laboral ás 37,5 horas
Fecha: 08 Sep 2025

Galicia mobilizouse hoxe pola redución da xornada laboral ás 37,5 horas
Centos de persoas mobilizáronse na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo pola redución da xornada laboral ás 37,5 horas, coincidindo co debate e votación desta medida no congreso de Deputados.
Porque consideramos que as persoas traballadoras temos dereito a gozar da nosa vida e porque é o momento de acadar este logro para a clase traballadora..
Unha lexislación que garanta a redución da xornada laboral , non só supón recoñecer o dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral e persoal, senón que vai supoñer impulsar un reparto máis xusto do tempo de traballo e dos beneficios xerados.
Ademais reforzarase o dereito á desconexión e garantirase a implantación dun rexistro horario eficaz e veraz da xornada laboral, combatendo dunha vez por todas as horas extraordinarias que non se pagan, non se cotizan e non se declaran.
As innovacións tecnolóxicas derivadas da dixitalización da economía e da vida social xera numerosos desafíos e oportunidades para o crecemento económico e mellora do benestar dos traballadores. En tal sentido, as experiencias de redución da xornada de traballo permiten mellorar o benestar, físico e mental, das persoas traballadoras, con ganancias de eficiencia.
A evidencia científica afirma que traballar menos de 40 horas reduce notablemente o risco de cardiopatía isquémica (un 40%) e de accidente cerebrovascular (un 19%). Ademais, existe unha relación positiva entre as xornadas menos prolongadas e a produtividade: a menor xornada media semanal maior produtividade. De aí a multiplicación das experiencias de redución da xornada laboral en varios países e con diferentes solucións. Polo xeral, a avaliación destas experiencias é moi positiva, en termos de mellora do benestar das persoas traballadoras e de ganancia de produtividade.
Por todo isto, sexa cal sexa a resolución de hoxe, UGT seguirá pelexando e traballando para que, finalmente, os e as traballadoras deste país gocen deste dereito.