Fronte ás violencias contra as mulleres, un paso adiante por contornas laborais libres de violencias machistas
Co gallo deste 25N, UGT-Galicia reclama delegadas de igualdade nos centros de traballo
Fecha: 24 Nov 2025
Co gallo deste 25N, UGT-Galicia reclama delegadas de igualdade nos centros de traballo
Fronte ás violencias contra as mulleres, un paso adiante por contornas laborais libres de violencias machistas
Santiago, 24 de novembro de 2025.- UGT-Galicia, ante o 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, reitera o seu compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e fai un chamamento ás traballadoras e traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatela ata a súa total eliminación, tanto dos centros de traballo como da sociedade no seu conxunto. Neste contexto o Sindicato fai unha firme condena aos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres sobreviventes.
En Galicia, dende o 2003, 74 mulleres asasinadas e 3 menores
As cifras seguen a ser escandalosas. Dende o 2003, 1.331 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou exparella, 36 delas no que vai de 2025 (a 5 de novembro); 65 menores foron vítimas mortais e 485 menores quedaron en situación de orfandade como consecuencia de asasinatos machistas. En Galicia, con datos a 10 de novembro, 74 mulleres foron asasinadas dende 2003 e 2 no que vai de 2025. Un total de 3 menores foron asasinados dende 2003 e 23 menores quedaron en situación de orfandade, dous deles este ano.
21 denuncias diarias en Galicia e un máximo de condenados no 2024, 162
O número de denuncias por violencia na parella ou exparellas foi de 199.093 no 2024, máis de 545 denuncias diarias. En Galicia o número total foi de 7.602, 119 máis que no 2023, o que supón 21 denuncias diarias.
En canto aos condenados por delitos sexuais, nesta Comunidade, no 2024 acádase un máximo, con 162 condenados.
Tendo en conta os datos do Ministerio do Intereior, no 2024 denunciáronse 14 violacións diarias e 43 agresións sexuais (sen penetración) ao día, dúas cada hora. En Galicia no 2024 houbo 180 violacións e 612 agresións sexuais. E os ciberdelitos medran nesta Comunidade un 19,8%, no 2024 con respecto ao 23, máis que no Estado, onde o crecemento foi do 15,4%.
No 2024, un total de 1.794 vítimas de redes de trata e de explotación sexual ou laboral, 32 menores, foron liberadas en España no 2024. En Galicia hai identificadas 573 persoas en situación de risco por trata de seres humanos e explotación sexual.
As violencias machistas tamén se dan na contorna laboral, especialmente o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, unha realidade moitas veces invisivilizada. UGT traballa para establecer protocolos para formalizar con garantías os procedementos de investigación dos casos, atención ás mulleres e sanción dos acosadores, sendo un obxectivo sindical fundamental erradicar estas prácticas e conseguir espazos laborais libres de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Para isto, cóntase con instrumentos como os protocolos fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo que se implantaron nos centro de traballo a través da negociación colectiva dos convenios e plans de igualdade. UGT vai seguir reivindicándoos alí onde aínda non existen. Non obstante, o Sindicato considera que hai que incrementar os recursos e propón a creación da figura dun/dunha delegado/a sindical de igualdade nas empresas, entre cuxas funcións estaría o asesoramento en violencias machistas.
Máis de 700.000 mulleres ao ano vítimas de acoso no traballo
Aínda que non existen datos oficiais sobre a dimensión deste problema, máis que os aproximados por enquisas, sábese que está moi estendido. Segundo a enquisa europea de violencia de xénero, en España afecta a máis de 700.000 mulleres ao ano. Moitos casos non se denuncian e acaban en baixas médicas ou mesmo coas mulleres abandoando os seus postos de traballo. Unha realidade intolerable que urxe combater.
Por todo isto, UGT-Galicia esixe tolerancia cero fronte ás violencias contra as mulleres; ínstase ás administracións a que dediquen os recursos necesarios para loitar contra esta lacra; demanda que se executen as medidas aprobadas no novo Pacto de Estado contra as violencias de xénero, cun orzamento suficiente e cunha rede pública de atención integral de calidade as 24 horas do día os 365 días do ano; sublíñase a importancia do eido laboral para garantir a autonomía das mulleres e, por iso, reclámase o reforzo e revisión das políticas activas de emprego para as mulleres vítimas; mellora dos instrumentos estatísticos para dar conta das violencias machistas no eido laboral para darlles visibilidade; reclámase a aplicación do Convenio 190 da OIT sobre violencia e acoso; e tamán se demandan medidas para poñer freo a plataformas e medios dixitais que sexan instrumentos para a violencia machista e a explotación da prostitución.
As sedes de UGT en Galicia son puntos violeta
Pola súa banda, UGT-Galicia comprométese a formar e sensibilizar a todo o seu activo sindical fronte ás violencias machistas para que exerzan como barreira; negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo; negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva; e colaborar coas administracións e asociacións de mulleres na loita pola erradicación desta lacra, neste senso, as sedes de UGT en Galicia estanse a converter en puntos violeta, xa asumiron esta situación as sedes de Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e mañá, aproveitando os actos do 25N, farase a presentación da sede de UGT-Galicia como punto violeta.