Fronte ás violencias contra as mulleres: un paso adiante por contornas laborais libres de violencias machistas
Manifiesto de UGT no Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
Fecha: 14 Nov 2025
A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT), ante un novo 25N, reiteramos o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e os traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatela ata a súa total eliminación, tanto dos centros de traballo como da sociedade no seu conxunto.
Chamamos a combatela desde todos os ámbitos, atallando as súas causas, e aumentando os recursos e instrumentos públicos para a súa prevención e erradicación.
Chamamos tamén ao rexeitamento frontal e á condena aos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade, e revitimizan ás mulleres sobreviventes.
Reforzamos o noso compromiso con máis actuacións e propostas para facer das contornas laborais espazos libres de violencias machistas.
DENUNCIAMOS que, ante a desvergoña da ultradereita que leva o seu discurso negacionista ás institucións, mesmo ata o Congreso, e a cegueira de quen non queren ver, estas violencias non só persisten, senón que en moitos casos están crecendo, tal e como mostran reiteradamente numerosas estatísticas.
ALERTAMOS do aumento da explotación sexual das mulleres e menores, e en especial a través da utilización dos medios dixitais, redes sociais e plataformas, que están a contribuír de forma exponencial ao seu incremento, facendo máis rendible que nunca este deleznable negocio para os explotadores.
MANIFESTAMOS que a violencia contra as mulleres en todas as súas formas é un problema político e social de primeira orde que supón un déficit nos nosos sistemas democráticos que é preciso abordar desde todas as frontes e sen escatimar en recursos.
LEMBRAMOS que, en España, as cifras da violencia son escandalosas e intolerables, comezando polas mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas, os asasinatos de fillos e fillas vítimas de violencia vicaria, os feminicidios sexuais, familiares e sociais, que mostran a cara máis atroz e dolorosa da violencia machista. Resultan igualmente inasumibles as cifras en relación cos malos tratos, as violacións e outras agresións sexuais, o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, estes últimos con especial incidencia na contorna laboral, así como a trata de mulleres e menores con fins de explotación sexual e outros fins, así como o resto de formas de violencia contra as mulleres.
Desde o ano 2003, no que se unificaron os criterios para o reconto de asasinatos por violencia de xénero na parella ou exparella, 1.331 mulleres foron asasinadas, 36 delas no que vai de ano 2025 (a 5 novembro), e 65 menores vítimas mortais (3 no que vai de ano) e 485 menores en orfandade (ata setembro 2025) como consecuencia dos asasinatos machistas. En Galicia con datos a 10/11/2025 hai un total de 74 mulleres asasinadas dende 2013, 2 no que vai de ano 2025. 3 menores asasinados dende 2013 e 23 menores en orfandade (deles, 2 este ano)
Nos feminicidios fóra da parella ou exparella, en 2024, o 62,5% foron familiares, a maior porcentaxe foi perpetrado por fillos e netos (37,5%). En Galicia houbo este ano 2025 unha muller foi asasinada por feminicidio no ámbito familiar.
O número de denuncias por violencia na parella ou exparella mantense estable en 2024; 199.093 denuncias, respecto de 2023, no que se presentaron 199.166 denuncias; máis de 545 denuncias diarias. En Galicia no ano 2024 foron 7.602 denuncias, 119 máis que no ano anterior. Un total de 21 denuncias diarias.
Os condenados por delitos sexuais crecen novamente en 2024 e rexistran os valores máis altos desde 2017, con 3.936 persoas condenadas adultas por delitos sexuais. Os delitos sexuais que máis crecen en adultos son os de trata de seres humanos e, entre menores, os de prostitución e corrupción de menores. En Galicia acádase un máximo no ano 2024, con 162 condenados por delitos sexuais.
Tendo en conta os datos do Ministerio do Interior, en 2024 denunciáronse 14 violacións ao día; unha cada hora e 40 minutos, e 43 agresións sexuais ao día (sen penetración), dúas cada hora. Estas agresións seguen crecendo cada ano; en 2024 aumentaron un 6,7% e 5,4%, respectivamente, respecto de 2023. Os ciberdelitos creceron un 15,4%, entre os que se inclúen agresións sexuais, aínda que non aparecen desagregados. En Galicia no ano 2024 houbo un total de 180 violacións e 612 agresións sexuais. Medran máis que no Estado os ciberdelitos, un 19.8%. Cos últimos datos do 2023 houbo 1.804 ciberdelitos sexuais (103 en Galicia), situándose en máximos.
O número de condenados por delitos contra a liberdade sexual en 2024 volve subir e rexistra os seus valores máis altos desde 2017. Entre os adultos, un 37,3% máis que no ano anterior, mentres que entre os menores de 18 anos creceu un 29,7%. Nove de cada dez condenas foron por delitos cometidos por homes. Os ilícitos condenados que máis creceron respecto ao ano anterior foron os relacionados coa trata de seres humanos, cunha subida do 249%. En canto aos menores con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos, en relación cos delitos sexuais, estes incrementáronse nun 65% máis que no ano anterior. A clase de delitos con sentenza condenatoria que máis creceron foron os de prostitución e corrupción de menores, cun aumento do 616%. Este aumento das condenas en delitos contra a liberdade sexual é indicativo dunha maior concienciación e unha mellora na sanción penal, o que en si mesmo é positivo.
Un total de 1.794 vítimas de redes de trata e de explotación sexual ou laboral, entre elas 32 menores, foron liberadas polos corpos e forzas de seguridade en España en 2024. Entre elas, identificáronse a 632 vítimas de trata e explotación sexual (256 por trata e 376 por explotación), incluíndo a 15 nenas e 1 neno, sendo o 98% mulleres e de orixe latinoamericana no 79% dos casos. En Galicia no ano 2024 hai 573 persoas identificadas en situación de risco por trata de seres humanos e explotación sexual.
FACER FRONTE Á VIOLENCIA MACHISTA NA CONTORNA LABORAL: DELEGADAS DE IGUALDADE NOS CENTROS DE TRABALLO
As violencias machistas tamén se dan nos centros de traballo, especialmente o acoso sexual e acoso por razón de sexo, unha realidade invisibilizada e que miles de mulleres seguen sufrindo en empresas e centros de traballo. UGT loita e traballa sen descanso para previr que siga sucedendo e para establecer protocolos para formalizar con garantías os procedementos de investigación dos casos, atención ás mulleres e sanción dos acosadores, sendo un obxectivo sindical fundamental erradicar estas prácticas e conseguir espazos laborais libres de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Trátase dunha realidade que é preciso visibilizar, denunciar, previr e erradicar. Contamos con instrumentos como os protocolos fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo que se implantaron nos centros de traballo a través da negociación colectiva dos convenios colectivos e plans de igualdade, e que seguimos reivindicando alí onde non hai. Pero consideramos que é necesario incrementar os recursos e vías para eliminar esta lacra; propoñemos contar coa figura específica dun/dunha delegado/a sindical de igualdade nas empresas, entre cuxas funcións estaría o asesoramento en violencias machistas, que incrementaría a eficacia na loita nas contornas laborais contra a devandita violencia, polo que reivindicamos a instauración da mesma.
Aínda que non existen datos oficiais sobre a dimensión deste problema, máis que os aproximativos por enquisas, sabemos que está moi estendido e que as súas consecuencias son moi graves para as mulleres traballadoras que o padecen. Segundo a enquisa europea de violencia de xénero, en España afecta a máis de 700 mil mulleres ao ano. Moitos casos non se denuncian e acaban en baixas médicas ou mesmo coas mulleres abandonando os seus postos de traballo. Para UGT, esta realidade resulta intolerable e non pararemos ata lograr a súa eliminación.
CELEBRAMOS
- A aprobación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero aprobado en 2025, en cuxa elaboración participamos activamente dende UGT.
- A recente aprobación no Consello de Ministros do Anteproxecto de Lei da Violencia Vicaria
- A futura regulación prevista da profesionalización da figura de axentes para a igualdade nas empresas, unha das nosas reivindicacións históricas. Consideramos que dita regulación debe ser froito do diálogo social, resultando imprescindible que os sindicatos participemos neste proceso, dada a relevancia que o papel da representación das persoas traballadoras ten nesta materia, en cumprimento do mandato constitucional.
ESIXIMOS TOLERANCIA CERO fronte ás violencias contra as mulleres. Instamos ademais a reforzar a educación en igualdade co obxectivo de identificar e neutralizar estas violencias e desterrar estereotipos desde a temperá idade.
DENDE UGT INSTAMOS Ó GOBERNO central e os gobernos autonómicos e locais a que dediquen recursos e garantan servizos públicos de prevención e de atención integral ás vítimas de todas as violencias machistas. Que estes servizos públicos sexan considerados esenciais e dispoñan de equipos multidisciplinares especializados e en condicións laborais dignas e estables.
INSTAMOS ÁS FORZAS DEMOCRÁTICAS a executar as medidas aprobadas no novo Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a que o seu financiamento sexa suficiente e estable, garantindo a plurianualidade dos fondos do Pacto de Estado. Tamén reclamamos que se garanta unha rede pública de atención integral eficiente e de calidade a vítimas destas violencias machistas que lles asegure unha atención especializada e interdisciplinar 24 horas 365 días ao ano, sen interrupción, porque esta violencia tampouco descansa, e unha protección eficaz sen fisuras das vítimas de violencia.
SUBLIÑAMOS A IMPORTANCIA DO ÁMBITO LABORAL para garantir a autonomía das mulleres sobreviventes ás violencias machistas.
RECLAMAMOS O REFORZO E A REVISIÓN DAS POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO para estas mulleres, e a formación específica dos operadores que interveñen.
TAMÉN, LEMBRAMOS QUE EXISTEN VIOLENCIAS MACHISTAS NO ÁMBITO LABORAL, como o acoso sexual e por razón de sexo, que permanecen ocultas e invisibilizadas porque non se contan, e por iso esiximos a mellora dos instrumentos estatísticos.
RECLAMAMOS así mesmo, a aplicación na súa totalidade, mediante os axustes legais que sexan necesarios, do Convenio 190 da OIT sobre a violencia e o acoso, así como a transposición da Directiva 2024/1385 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica.
RECLAMAMOS a adopción de medidas para poñer freo a plataformas e medios dixitais que sexan instrumento para a violencia machista e a explotación da prostitución que cada vez en maior medida afecta a mulleres novas menores de idade e unha normativa dirixida á erradicación do sistema prostitucional e a garantir vías de autonomía e inserción laboral e social ás mulleres en contextos de prostitución, que baixo ningún concepto pode considerarse un traballo.
NO ÁMBITO DA NOSA COMPETENCIA SINDICAL, DENDE UGT COMPROMETÉMONOS A:
♀ Formar e sensibilizar ao noso activo sindical fronte ás violencias machistas.
♀ Formar e sensibilizar aos cadros de persoal nos centros de traballo.
♀ Que os nosos delegados e delegadas exerzan de barreira fronte a calquera manifestación de violencias contra as mulleres.
♀ Negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo previstos na lexislación.
♀ Negociar Plans de Igualdade e medidas de acción positiva na Negociación Colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, os estereotipos sexistas e as violencias machistas.
♀ Mellorar con medidas específicas, mediante a negociación colectiva, os dereitos económicos e sociolaborais das mulleres vítimas de violencia de xénero e violencia sexual.
♀ Colaborar permanentemente coas administracións públicas e as asociacións de mulleres no obxectivo común de erradicar estas violencias, as súas causas e as súas manifestacións, integrando no noso traballo sindical a mirada interseccional polos riscos maiores que enfrontan mulleres de grupos específicos.
♀ Asesorar a vítimas e mulleres sobreviventes.
Chamamos aos traballadores e traballadoras e ao conxunto da cidadanía a participar, xunto co movemento feminista,
nos actos reivindicativos do 25N, para sumarnos ao grito global contra las violencias machistas.
Fronte ás violencias contra as mulleres, un paso adiante, por contornas laborais libres de violencias machistas