Este 2025 debe servir para solucionar os problemas estruturais que persisten no mercado de traballo
UGT aposta por mellorar as políticas activas de emprego, configurar as bases dun tempo de traballo máis xusto e aumentar a protección no emprego da persoa traballadora, entre outras cuestións
Fecha: 28 Ene 2025

Este 2025 debe servir para solucionar os problemas estruturais que persisten no mercado de traballo
UGT aposta por mellorar as políticas activas de emprego, configurar as bases dun tempo de traballo máis xusto e aumentar a protección no emprego da persoa traballadora, entre outras cuestións
Santiago, 28 de xaneiro de 2025. O INE publicou hoxe os datos da EPA correspondentes ao cuarto trimestre de 2024, que rexistra un crecemento anual da ocupación de 17.400 persoas, un 1,5% máis, mentres que en termos trimestrais o número de ocupados baixou en 6.100, unha tendencia contraria ao que sucede no resto do Estado, onde se incrementou en 34.800.
Tamén se reduciu o paro en 3.100 persoas neste trimestre, de forma que actualmente hai un total de 109.400 persoas paradas. No que respecta á calidade do emprego, no cuarto trimestre do ano a taxa de temporalidade descendeu ata o 15,9%, 1,4 puntos menos que no trimestre anterior.
En conxunto, no ano 2024 o mercado laboral mantivo o seu dinamismo na creación de emprego, sobre todo de calidade, cun aumento anual medio do emprego do 1,5%, reducíndose o desemprego en 4.800 persoas, o que sitúa a taxa de paro no 8,7%, 4 décimas menos que no cuarto trimestre do 2023. Con todo, un dos datos máis destacables do sucedido é a cantidade de emprego indefinido que se creou, 28.600 persoas máis nesta modalidade de contratación, que é a máis estable.
Con todo, aínda que os datos conviden o optimismo sobre o que sucederá en 2025, debido a que se espera que continúe o crecemento económico e do emprego, a EPA recolle información sobre algúns problemas moi presentes para as persoas traballadoras que deben ser as prioridades neste ano.
O primeiro deles, a elevada parcialidade involuntaria que sofren as persoas que traballan con esta xornada, que afecta ao 40,5% delas. A incapacidade para atopar empregos a tempo completo é unha das causas principais de pobreza laboral, e contrasta cos case 7 millóns de horas extraordinarias que se realizan de media semanalmente en España. Isto pon no punto de mira a ineficiente repartición de horas que se realiza e esixe de xeito evidente un cambio que, en opinión de UGT, pasa por implementar un rexistro horario eficaz, que limite a realización de horas extraordinarias e garanta o seu abono cun 25% máis, tal e como reclamou o sindicato ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais. O cumprimento destas disposicións, xunto coa redución da xornada laboral nos termos acordados co Goberno, asegurando que en 2025 baixe ás 37,5 horas como primeiro paso cara ás 32 horas semanais, mellorará significativamente a situación das persoas afectadas por unha parcialidade non desexada.
Desemprego, duración da xornada ou custo do despedimento, cuestións crave
Outro grave problema que atravesa o mercado de traballo é o seu elevado paro de longa duración, é dicir, persoas que levan máis dun ano buscando emprego. Neste cuarto trimestre rexistráronse 38.800 persoas paradas nesta situación, un 35,4% do total, e é un problema estrutural que se suma ao elevado desemprego, a pesar de que os valores actuais sexan os máis baixos para un cuarto trimestre desde hai 15 anos. Esta problemática debe resolverse cunha reforma das políticas activas de emprego que poña no foco principal ás persoas desempregadas de longa duración, desenvolvendo plenamente as ferramentas dispoñibles para aumentar a súa empregabilidade, e partindo dunha orientación personalizada que se adapte ás súas particularidades. É crucial tamén implicar ás Comunidades Autónomas na procura activa de emprego para este colectivo, fomentando unha verdadeira política de emprego.
Por último, para lograr un emprego estable é necesario que o custo do despedimento protexa eficazmente á persoa traballadora e que sexa disuasorio. Unha indemnización ten que servir para desalentar o despedimento sen causa e, no caso de que se produza, resarcir á persoa traballadora de forma adecuada. Neste sentido, é hora de protexer o contrato de traballo cumprindo coas nosas obrigacións internacionais e aplicando, por ser de obrigado cumprimento tal e como advertiu o Consello de Estado antes da ratificación da Carta Social Europea, a resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais que deu a razón á reclamación de UGT. Unha reforma legal neste sentido lograría desincentivar a extinción improcedente e proporcionaría maior seguridade laboral á persoa traballadora.
En resumo, os bos datos de emprego que se rexistraron en 2024 seguen a traxectoria do ano 2023 e apuntan a que neste 2025 o mercado laboral tamén terá un bo desempeño. Con todo, este novo ano debe servir para avanzar na solución dos problemas estruturais do mercado de traballo que persisten, mellorando as políticas activas de emprego para axudar ás persoas desempregadas, e en especial ás que teñen maiores dificultades de inserción, fortalecendo os servizos públicos de emprego, configurando as bases dun tempo de traballo máis xusto e perfeccionando a protección no emprego da persoa traballadora.
Radiografía da EPA en Galicia
Os datos amosan que hai en Galicia 17.400 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 1,5%) e, en relación ó terceiro trimestre de 2024, hai 6.100 ocupados menos, o que supón unha baixada do 0,5%.
Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,1%, fronte ó 58,5% do resto do Estado.
Interanualmente, o paro baixou en 5.500 persoas, o que supón o 4,8%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego tamén diminuíu, un 2,8%, en 3.100 persoas.
Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 109.400 persoas desempregadas, no 8,7%. No caso dos homes esta taxa é do 7,6% e do 9,8% no caso das mulleres. Entre os menores de 30 anos esta sube ata o 18,1%.
Por sectores, interanualmente, o emprego mellora, na industria, cunha suba da ocupación dun 9,1% (15.800 ocupados máis), na construción, cun incremento do 6,7% (5.200 ocupados máis) e no sector servizos, cun incremento do 0,2%, con 1.300 persoas ocupadas máis. Pola contra, a ocupación baixa na agricultura e pesca, nun 6,7% (5.000 ocupados menos).
Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación só sube no sector servizos, e moi levemente, nun 0,1%, o que se traduce en 900 ocupados máis. Pola contra, baixa no resto, o 7% no primario (5.200 ocupados menos); 0,6% na industria (1.100 ocupados menos) e 1% na construción (800 ocupados menos).
Hai en Galicia un total de 948.200 asalariados, baixando con respecto ó trimestre anterior en 600 (0,1%), e ó ano soben en 27.900 (3%).
A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 15,9%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 3,7%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 13.200, o que supón un 1,7%.
O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 14,3%, sendo o 40,5% da mesma de carácter involuntario.
Difícil situación para moitos fogares e 38.800 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible
Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.
Hai en Galicia un total de 41.000 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 26.700 fogares que non perciben ingresos.
Das 109.400 persoas que están no desemprego, 38.800 levan máis dun ano nesta situación.
Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.