É necesario persistir na senda de mellora cara uns empregos mellor remunerados e cun tempo de traballo razoable
Este mes os datos de emprego e paro non son bos, como sucede en todos os meses de xaneiro, pero a tendencia de melloría do emprego no noso país, tanto cuantitativa como cualitativamente, é indubidable
Fecha: 04 Feb 2025

É necesario persistir na senda de mellora cara uns empregos mellor remunerados e cun tempo de traballo razoable
Este mes os datos de emprego e paro non son bos, como sucede en todos os meses de xaneiro, pero a tendencia de melloría do emprego no noso país, tanto cuantitativa como cualitativamente, é indubidable
Santiago, 4 de febreiro de 2025.- Hoxe publicáronse os datos de afiliación á Seguridade Social e de paro rexistrado do mes de xaneiro. Como sempre sucede neste período, rexistrouse unha diminución do número de afiliados e un aumento do desemprego como consecuencia do final da tempada do Nadal.
Nesta ocasión o paro rexistrado incrementouse en 2.482 persoas con respecto ao mes anterior. Ningún aumento do desemprego é positivo, con todo, hai que destacar que é o menor dato de desemprego nun mes de xaneiro en Galicia na serie histórica. Con iso, alcanzouse un total de 121.320 persoas paradas, sendo o dato máis baixo para un mes de xaneiro desde 1996. Con respecto ao mesmo mes do ano anterior o paro reduciuse en 9.781 persoas. No que respecta á afiliación, o descenso mensual cífrase en 12.483 persoas, co que o total de persoas afiliadas á Seguridade Social sitúase en 1.067.089. Se o comparamos con xaneiro de 2024 hai 16.559 persoas máis afiliadas, un 1,58% máis.
Pola súa banda, o mercado laboral segue tendendo á estabilidade que impulsou a reforma laboral de 2021, de maneira que a taxa de temporalidade da afiliación á Seguridade Social en xaneiro foi do 13,87%. Esta taxa é 14 puntos menor que a que se rexistraba en xaneiro de 2021.
No que respecta á contratación asináronse un total de 51.072 contratos, 1.731 menos que en xaneiro de 2024. Deles, 17.786 son indefinidos, o que implica que o 34,83% da contratación é indefinida, mentres que antes da reforma este valor roldaba o 10% dos contratos.
Todas estas cifras son indicativas da maior estabilidade do emprego introducidas pola última reforma laboral, debido a que se rexistran menos contratos, pero estes son máis estables e de maior calidade ao reducirse os temporais e favorecer a figura do contrato indefinido.
A calidade do emprego, con todo, non se deriva só das condicións da contratación, senón que require de salarios xustos e suficientes. Neste sentido, España segue sendo un país de baixos salarios, aínda que a notable revalorización do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos últimos anos mellorou esta situación. Para este 2025, UGT e CCOO alcanzaron un preacordo co Goberno para subir o SMI un 4,4%, 50 euros máis ao mes, de maneira que se fixará en 1.184 euros mensuais (con 14 pagas), que se aplicará con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro. Agora, este aumento debe trasladarse de maneira plena ás empresas, sen que sexa absorbido pola eliminación de complementos salariais dos convenios. Con este incremento, desde 2018 o SMI aumentaría un 60%, cun importante efecto positivo sobre a redución da pobreza e a desigualdade.
Doutra banda, os empregos deben ser produtivos e desempeñarse nunha xornada razoable. Neste ámbito, a pesar de que a produtividade laboral descendeu permanentemente, a xornada laboral máxima mantívose invariable por máis de 40 anos. Neste 2025 é fundamental que se produza unha redución da xornada ata as 37,5 horas, como primeiro paso para lograr as 32 horas semanais. Ademais, para garantir o seu cumprimento é crucial implementar un rexistro horario que limite a realización de horas extraordinarias, así como garantir o seu pago cun 25% máis, tal e como UGT reclamou ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais.
En resumo, neste mes os datos de emprego e paro non son bos, como sucede en todos os meses de xaneiro, pero a tendencia de melloría do emprego no noso país, tanto cuantitativa como cualitativamente, é indubidable. Quedan, con todo, moitas melloras estruturais que realizar, para o que hai que persistir na senda de mellora cara uns empregos mellor remunerados e cun tempo de traballo razoable, que permita compatibilizar a actividade laboral cos coidados e o lecer, así como abordar o reforzamento das políticas activas de emprego para lograr reducir o desemprego de longa duración e mellorar a empregabilidade das persoas máis vulnerables.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego medrou en 2.482 persoas con respecto ao mes anterior (2,1%), e no Estado esta cifra tamén subiu, un 1,51%, aínda que dun xeito menos acusado que en Galicia. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 9.781 persoas, un 7,5% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 121.320 persoas, mínimo histórico nun mes de decembro en Galicia dende 1996.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego tamén subiu, nun 2,67%, e no ano a diminución foi dun 3,98%.
Por sexos, no mes o desemprego sube en ambos, un 1,1% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,82%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 7,08% entre os homes e o 7,74% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 57,8% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 70.083 mulleres, fronte a 51.237 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes de xaneiro presenta diferentes comportamentos. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 0,03%, e na construción, nun 0,40%. Pola contra, sube na industria, un 0,16%, no sector servizos, nun 2,87%, e entre o colectivo de sen emprego anterior, nun 0,56%. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 12,80% no primario; o 10,53% na industria; o 12,47% na construción; o 6,91% no sector servizos; e o 2,52% entre o colectivo de sen emprego anterior.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 34,83%. Realizáronse en xaneiro un total de 51.072 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de xaneiro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 10,3%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 73%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 33,2%; na industria, do 22,3%; e no primario, do 49,1%.
En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 74,76%, con 80.670 persoas beneficiarias. Deste total, 35.015 perciben subsidios e 3.372 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 42.283. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.067.089 de media mensual, descendendo un 1,16% no mes e aumentando un 1,58% no ano.