É imprescindible seguir reforzando as políticas activas de emprego, elevar os salarios e aplicar dunha vez a redución da xornada
Ás portas deste 8M hai que lembrar que as mulleres seguen a representar o 58,1% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 67.426 mulleres, fronte a 48.632 homes
Fecha: 03 Mar 2026
Ás portas deste 8M hai que lembrar que as mulleres seguen a representar o 58,1% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 67.426 mulleres, fronte a 48.632 homes
É imprescindible seguir reforzando as políticas activas de emprego, elevar os salarios e aplicar dunha vez a redución da xornada
A subida do SMI a 1.221 euros en 14 pagas, unha medida clave para garantir que as persoas traballadoras con menores ingresos gocen dos froitos da expansión económica
Santiago, 3 de marzo de 2026.- Os datos do paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social do mes de febreiro rexistran un aumento do emprego e unha leve subida do desemprego, que, con todo, en termos desestacionalizados tradúcese na continuación da súa tendencia descendente. Son, por tanto, datos coherentes co comportamento habitual do mercado laboral neste mes, e que poden considerarse favorables.
A afiliación á Seguridade Social crece este mes en 4.405 persoas respecto a xaneiro, un 0,41%, alcanzando 1.088.231 persoas afiliadas totais, o mellor dato da serie histórica para un mes de febreiro. Con respecto a hai un ano, hai 16.284 persoas ocupadas máis, o que sitúa a taxa de creación de emprego no 1,52%, mantendo aínda un ritmo robusto, que evidencia a fortaleza da demanda de traballo e a capacidade para xerar emprego da nosa economía.
En canto ao desemprego, os datos de paro rexistrado recollen unha subida de 914 persoas, un 0,79% máis respecto ao mes anterior. En total hai 116.058 persoas en situación de desemprego. Trátase da cifra máis baixa para un mes de febreiro da serie histórica e un 4,07% menor que hai un ano, un ritmo de descenso do desemprego que segue sendo moi notable, a pesar da gran redución experimentada nos últimos anos.
Pola súa banda, durante este mes rexistráronse un total de 48.406 contratos, dos cales 16.333 son indefinidos, representando un 33,74% do total. Esta porcentaxe supón un incremento de 22,29 puntos respecto a febreiro de 2021, antes da entrada en vigor da reforma laboral.
Deste xeito, a sólida evolución da economía continúa favorecendo a xeración de emprego, máis aló do comportamento puntual do mes de febreiro. Ademais, o emprego presenta maior estabilidade e calidade grazas ás modificacións introducidas pola última reforma laboral.
Os datos de emprego de febreiro —coa afiliación en máximos, o paro no seu nivel máis baixo para este mes na serie histórica e case un 34% de contratación indefinida— só poden entenderse á luz das reformas laborais acordadas, en particular o RDL 32/2021, que contribuíu a reducir a temporalidade. Esta transformación estrutural, baseada en reforzar a estabilidade, recuperar a ultraactividade e devolver centralidade ao convenio sectorial, contrasta coas receitas caducadas que xa fracasaron en España coa reforma de 2012 de Rajoy—abaratamento do despedimento, enfraquecemento da negociación colectiva e desvalorización salarial— e que hoxe se replican en Arxentina baixo o discurso da “modernización” de Milei. Alí, como aquí en 2012, insístese en fragmentar a negociación, restrinxir a folga e abaratar o despedimento, á conta de dereitos básicos e sen xerar un tecido produtivo máis sólido. O emprego de calidade non nace da desregulación, senón do diálogo social e dun marco laboral que incentive a estabilidade e protexa o contrato de traballo. Os datos de mellora do mercado laboral sostidos desde 2021 son a mellor proba de que as políticas progresistas e pactadas funcionan, mentres que os experimentos regresivos só reproducen precariedade e deterioración social.
A pesar destes avances, persisten retos importantes no mercado de traballo
En primeiro lugar, persiste unha marxe importante para reducir o desemprego de longa duración, que afecta ás persoas que levan un ano ou máis en desemprego e que dificulta a súa reinserción ao mercado laboral. Por iso, débense fortalecer as políticas activas de emprego mediante servizos públicos con orientación personalizada, programas mellor deseñados e un sistema de avaliación claro. Dotar de recursos adecuados aos servizos públicos de emprego é clave para logralo.
Doutra banda, a redución da xornada laboral sen perda de salario segue sendo un reto urxente ante os cambios tecnolóxicos e sociais. UGT impulsará a implantación das 37,5 horas semanais para aumentar a produtividade e mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras.
Por último, os resultados positivos da economía e os beneficios empresariais deben traducirse igualmente en melloras para a poboación traballadora. Neste contexto, UGT-Galicia celebra a subida do Salario Mínimo Interprofesional a 1.221 euros en 14 pagas, unha medida clave para garantir que as persoas traballadoras con menores ingresos benefíciense dos froitos da expansión económica. Ademais, resulta imprescindible que se aprobe o máis axiña posible o Real Decreto de transposición da Directiva (UE) 2022/2041, relativa a uns salarios mínimos adecuados na Unión Europea, co fin de ordenar de maneira clara e definitiva as regras sobre compensación e absorción. Esta norma debe establecer, sen ambigüidades, a exclusión daqueles complementos salariais vinculados á propia natureza da actividade desenvolvida, ás condicións persoais do traballador ou traballadora, aos incentivos ligados ao seu desempeño, así como de todos aqueles previstos e regulados pola negociación colectiva.
Só deste xeito garantirase que as futuras subidas do SMI teñan un reflexo real e efectivo nas nóminas, evitando que poidan ser neutralizadas mediante a minoración de complementos salariais. Trátase, en definitiva, de asegurar que as persoas traballadoras con menores ingresos perciban integramente a mellora acordada e que o salario mínimo cumpra a súa función de auténtico chan de dignidade salarial
Máis aló da necesaria actualización do SMI, resulta igualmente prioritario promover incrementos salariais de carácter xeneralizado, con especial atención aos tramos medios, que levan anos mostrando un preocupante estancamento. Neste sentido, UGT expuxo, no marco do VI AENC, unha proposta de incrementos salariais do 4% anual para 2026, 2027 e 2028.
Así mesmo, proponse incorporar complementos adicionais para aqueles salarios situados por baixo da media estatal, con aumentos adicionais de entre o 1% e o 3%, en función de que os salarios medios dos convenios colectivos presenten unha brecha do 10%, 20% ou 30% respecto ao salario medio do país. Todo iso debe ir acompañado de cláusulas de revisión salarial que permitan axustar as retribucións ante eventuais desviacións do IPC, garantindo así o mantemento do poder adquisitivo das persoas traballadoras.
En definitiva, os avances na creación de emprego mostran que a economía española segue crecendo e xerando benestar para o conxunto da poboación. Con todo, é imprescindible seguir reforzando as políticas activas, elevar os salarios e aplicar dunha vez a redución da xornada, entre outras medidas, para seguir avanzando para configurar un mercado laboral máis produtivo, sostible e xusto.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 914 persoas con respecto ao mes anterior (0,79%) e no Estado esta cifra tamén subiu, aínda que menos, un 0,15%. Pola contra, no ano, o desemprego baixou, en 4.919 persoas, un 4,07% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 116.058 persoas.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades en canto ao mes pero non no ano, xa que, neste caso, o paro tamén subiu. Así, en relación ao mes anterior, o desemprego medrou entre os menores de 25 anos nun 4,95% e no ano este aumento foi do 6,85%.
Por sexos, no mes o desemprego sobe en ambos, un 0,65% entre os homes e no caso das mulleres nun 0,90%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 4,47% entre os homes e o 3,77% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,1% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 67.426 mulleres, fronte a 48.632 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos, excepto en servizos e entre os colectivo de sen emprego anterior. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 0,91%; no 0,10% na industria; e no 0,07% no sector da construción. Pola contra, sube nun 0,73% no sector servizos e nun 3,38% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 8,69% no primario; o 6,10% na industria; o 8,97 na construción; o 3,13% nos servizos; e o 4,40% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego tamén sobe no mes en todas as provincias. O 0,31% na Coruña, 1,03% en Lugo, 0,82% en Ourense e un 1,22% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 4,59% na Coruña, 1,84% en Lugo, 1,66% en Ourense e o 4,84% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 33,74%. Realizáronse en febreiro un total de 48.406 contratos en Galicia. No mes de febreiro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 11,46%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 62,6%, e no sector primario, do 65,4%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 32%, e na industria, do 27,1%.
En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 64,81%, moi por debaixo do 81,86% do Estado, con 67.890 persoas beneficiarias. Deste total, 23.289 perciben subsidios e 80 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 44.521. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.088.231 de media mensual, subindo o 0,41% no mes e aumentando un 1,52% no ano. Rexistrándose así un máximo nun mes de febreiro de afiliación á Seguridade Social.