Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo

Galicia ten que apostar polo emprego seguro e de calidade, pola industria competitiva, pola vivenda accesible, por mellores servizos públicos e infraestruturas e por atraer e fixar poboación

Fecha: 24 Jul 2026

25X26

Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo

Galicia ten que apostar polo emprego seguro e de calidade, pola industria competitiva, pola vivenda accesible, por mellores servizos públicos e infraestruturas e por atraer e fixar poboación

 

Santiago, 24 de xullo de 2026.- Co gallo da celebración, mañá, do Día de Galicia, a Comisión Executiva de UGT-Galicia transmítelle, en primeiro lugar, a toda a cidadanía galega os parabéns pola celebración da súa data máis sinalada. Data que se vai celebrar, un ano máis, nun contexto cheo de incertezas polo panorama a nivel internacional, con conflitos bélicos que parecen non ter fin, o que xera inestabilidade, e a nivel nacional, o país está inmerso nun contexto enrarecido no eido político, situación que ten consecuencias e trasládase ao conxunto da sociedade.

Nesta conxuntura, UGT-Galicia fai un chamamento á cordura, a poñer fin ao ruído, á liorta estéril, e demanda de todos os axentes implicados, sociais, políticos e económicos, altura de miras para xestionar un futuro para Galicia que garanta o benestar de todos os galegos e galegas.

A vivenda converteuse nun acelerador de pobreza

Para o Sindicato, son moitas as prioridades pero a vivenda é unha das máis perentorias, xa que se está a falar xa dunha emerxencia social. UGT alerta de que a vivenda converteuse nun acelerador de pobreza e está a ser un dos principais factores que impide que a recuperación chegue aos fogares. O coste medio mensual do aluguer está a medrar de xeito sostido, da mesma forma que os prezos de compra, e esta presión está a ser especialmente intensa entre as persoas que están en situación de pobreza, con salarios medios e baixos e entre os máis mozos. Resulta insostible ter que destinar máis da metade dos ingresos  á vivenda, como lles está a suceder a moitas familias. Isto está a conducir a moitas persoas a situacións de vulnerabilidade, aínda tendo emprego. Unha nómina non permite saír da pobreza se queda absorbida polo aluguer, a hipoteca, as subministracións e os gastos básicos do fogar. Así, a vivenda deixou de ser só un problema de acceso para determinados colectivos para converterse nun problema central de redistribución da riqueza e de perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras. 

En Galicia, Xunta e concellos deben adoptar as medidas estruturais necesarias para ampliar o parque público de vivendas, intervir en zonas tensionadas e limitar a especulación. Non basta con medidas parciais ou conxunturais. Hai que converter a vivenda nun verdadeiro piar do Estado do benestar.

E empresarios e sindicatos debemos asumir o reto de incorporar o impacto do custo da vivenda á negociación colectiva. 

Hai que aproveitar o contexto de fortaleza do emprego para mellorar as condicións das persoas traballadoras

No eido laboral, o actual contexto de fortaleza, cunha creación importante de emprego, esixe reorientar a mirada cara a mellora das condicións das persoas traballadoras e seguir incidindo nas eivas que aínda perduran, paro de longa duración; adaptación do réxime de despedimento aos estándares da Carta Social Europea para garantir indemnizacións reparadoras con efecto disuasorio no caso de despedimentos improcedentes; mellores salarios; reducir as taxas de parcialidade involuntaria que afectan, sobre todo, ás mulleres; ou acabar coa lacra da sinistralidade laboral. Hai que lembrar que xa van 19 persoas falecidas no que vai de ano en Galicia, polo que urxe por parte dos gobernos, central e Xunta, e empresarios unha aposta clara e decidida pola prevención de riscos e pola adaptación da lexislación actual ás novas realidades. 

Industria competitiva e modelo enerxético sostible

Galicia tamén debe seguir traballando por unha industria competitiva, reforzando e mellorando o tecido industrial xa existente, e apostando por novos proxectos de alto valor engadido acompañados de emprego de calidade. Isto debe ir da man dun modelo enerxético sostible, competitivo, que aproveite as potencialidades da nosa terra, pero sempre preservando o medio e a contorna.

 

Un sector primario moderno que fixe poboación

Todo isto sen deixar de lado o sector primario que en Galicia amosa moitas potencialidades pero que precisa dunha aposta clara por parte das administracións. Hai que incidir na súa modernización, sustentabilidade e convertelo nun xacemento de emprego de calidade que permita fixar poboación no rural galego.

Servizos públicos e infraestruturas

Pero, para isto, Galicia debe apostar por servizos e infraestruturas de calidade no rural pero no resto do país tamén porque só uns servizos públicos de calidade garanten a cohesión social e territorial e a igualdade de oportunidades. Así, hai que fortalecer o sistema sanitario, a atención á dependencia, a educación e o conxunto das políticas sociais. As infraestruturas deben ter a suficiente calidade para artellar o territorio en tempos competitivos e garantir unha boa comunicación tamén co resto do Estado e cos países da contorna.

Atraer e fixar poboación

Atraer e fixar poboación é outro dos retos para garantir que o actual pulo de crecemento continúe. Galicia ten cada ano que pasa menos mozos e mozas. Hai dende o ano 2011 unha perda de 48.000 persoas de entre 16 e 29 anos, o que supón unha perda do 12,4%, fronte ao conxunto de idades, onde a perda foi do 0,5%. O que sitúa a esta comunidade nunha conxuntura de emerxencia poboacional e cun importante reto por diante, o desafío demográfico. A Xunta debe artellar todos os medios necesarios para loitar contra o envellecemento poboacional, incentivando políticas de natalidade; adoptando medidas para reter e atraer talento mozo; e traballar tamén por atraer poboación estranxeira que nos vindeiros anos vai resultar indispensable para soster o sistema laboral e económico. Neste senso, dende UGT-Galicia reitérase a defensa de políticas migratorias baseadas nos dereitos humanos, na inclusión e na igualdade. 

Unha data para a lembranza das vítimas do sinistro de Angrois que hai 13 anos sacudiu á sociedade galega

Para UGT, esta data ten que converterse nunha xornada de celebración para todos e todas as galegas pero tamén nunha xornada reivindicativa e de lembranza. Lembranza das vítimas do sinistro ferroviario de Angrois que hai 13 anos sacudiu á sociedade galega na xornada previa ao 25 de xullo.

 

 

Fuente: UGT-Galicia