Cun incremento da sinistralidade de máis do 18% en Galicia no último ano e unha suba do 26% nos dous primeiros meses de 2022, urxe un Plan de choque

Fecha: 27 Abr 2022

Este 28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo, UGT reclama un Plan de choque, a redución dos riscos psicosociais, a creación do delegado/a de prevención sectorial/territorial, dotar á Inspección e Fiscalía de máis recursos e medidas específicas para a COVID persistente

Cun incremento da sinistralidade de máis do 18% en Galicia no último ano e unha suba do 26% nos dous primeiros meses de 2022, urxe un Plan de choque

Nos dous primeiros meses do ano Galicia é a Comunidade que máis persoas falecidas rexistra e con maior índice de incidencia

Santiago, 27 de abril de 2022.- Un ano máis, UGT-Galicia lamenta que o 28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo, teña que celebrarse denunciando a lacra da sinistralidade laboral que continúa presente no mercado laboral galego. E este ano arrancou, neste senso, con cifras moi negativas, situando a Galicia á cabeza da sinistralidade mortal e costa moito dixerir como ano tras ano continúan producíndose mortes por causas facilmente prevenibles e evitables.

As cifras están aí e demostran que a sinistralidade laboral segue a ser a gran lacra do mercado de traballo. No ano 2021 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 26.402 accidentes laborais, o que supón un incremento dun 18,3 por cento en relación ó ano anterior, cando se contabilizaban 22.318 accidentes.

Deste total, 25.939 foron accidentes de carácter leve, 415 graves e 48 mortais. A isto hai que sumarlle os accidentes “in itinere”, un total de 2.589 no 2021, un 17,2% máis que no 2020. Destes, 2.544 foron leves, 40 graves e 5 mortais.

Por sectores (excluíndo os “in itinere” que non son desagregados polo ISSGA), o servizos é o que máis sinistros rexistrou, 13.430; seguido da industria, 6.689; construción, 4.205; agricultura, 1.337; e pesca, 741. En todos eles deuse un aumento en relación ó ano anterior, excepto na pesca.

Territorialmente, é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 11.733 (máis 1.069 “in itinere”) e con 22 mortais (máis dous “in itinere”). Pontevedra rexistrou 8.941 (máis 1.043 “in itinere”), con 15 mortais (máis 2 “in itinere”); Lugo, 2.965 (máis 228 “in itinere”), con 5 falecidos (máis 1 “in itinere”); e Ourense, 2.763 (máis 249 “in itinere”), con 6 persoas mortas durante a súa xornada laboral.

Infartos e outras patoloxías non traumáticas son as causas que ocasionan máis accidentes mortais. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais

Dentro dos accidentes laborais mortais en xornada, 48 (excluíndo os “in itinere” porque o ISSGA tampouco fai esta desagregación), 25 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas. Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais.

A segunda causa de morte, con 9 persoas falecidas, foron as caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles. 6 mortes foron ben por amputacións ou atrapamentos. 5 por choques ou golpes contra obxectos en movemento. Unha por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas. E outra por afogamentos ou sepultamentos. A todo isto hai que engadirlle as 5 persoas falecidas “in itinere”, no traslado do fogar ó traballo ou á inversa.

En canto ó índice de incidencia, accidentes por cada 100.000 traballadores, en Galicia este foi no 2021 de 2.630,95, un 16,36% máis elevado que o ano anterior. Este índice, no caso dos sinistros mortais, situouse no 4,78.

Tampouco se poden esquecer os accidentes de traballo rexistrados, segundo o ISSGA, nos que non foi necesaria a baixa, 14.627 no ano 2021 en Galicia.

En canto ás actividades económicas, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, no 2021 nesta Comunidade, a industria manufactureira é a que máis sinistros rexistrou, 6.169. Seguida esta da construción, 4.217; comercio ó por maior e menor, reparación de vehículos e motor, con 3.357; 2.510 nas actividades administrativas e servizos auxiliares; 2.072 no transporte e almacenamento; ou 2.054 na agricultura, gandería, silvicultura e pesca. Despois, descenden dos 2.000 no caso das actividades sanitarias e de servizos sociais, con 1.844, ou administración pública e defensa e Seguridade Social, con 1.020, ou a hostalería, con 1.407.

Incluír a COVID-19 no listado de enfermidades profesionais e atender no eido laboral á COVID persistente

O Ministerio tamén achega datos dos accidentes con baixa por COVID-19. En Galicia no 2021 rexístranse 355 casos. Neste senso, UGT-Galicia insiste en que neste país a COVID-19 segue sen estar incluída no listado de enfermidades profesionais, o que provoca que moitas persoas traballadoras queden desamparadas e sen a prestación que merecen. E, por outra banda, está a COVID persistente, con consecuencias laborais para quenes a sofren e que esixe de políticas de prevención e de Seguridade Social específicas que aínda están sen desenvolver.

UGT denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais, sobre todo, nos cancros de orixe laboral con só unha comunicación. Tan só 755 casos rexistrados en Galicia con baixa e 541 sen baixa

Mención aparte merecen as enfermidades profesionais, con tan só 755 casos rexistrados en Galicia no 2021, o que evidencia a súa infradeclaración. Deste total, 598 corresponden ó denominado grupo II (enfermidades causadas por axentes físicos). Estas son as que ocasionan baixa. E, sen baixa, 541, das que 468 tamén son do grupo II. Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito. Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración é no caso dos cancros de orixe laboral. No 2021 só se comunicou un caso dentro do grupo VI (enfermidade profesional causada por axentes carcinóxenos).

Amianto

Neste apartado, merece unha mención aparte o amianto, un carcinóxeno que leva 20 anos prohibido pero que continúa causando enfermidade e morte e España carece dunha estratexia estatal para a súa erradicación. UGT-Galicia urxe á aprobación do fondo de compensación das vítimas do amianto dando cobertura ás exposicións laborais, familiares e ambientais, librándoas do calvario administrativo e xudicial ó que actualmente están sometidos os doentes para ver os seus danos indemnizados.

Galicia á cabeza da sinistralidade mortal do Estado nos dous primeiros meses de 2022

Nos dous primeiros meses de 2022, segundo os datos do Ministerio, xa que a Xunta non facilita estas estatísticas, Galicia rexistrou un total de 4.338 sinistros (incluídos os “in itinere”), o que supón un incremento dun 26% en relación a hai un ano. Destes, 4.255 foron leves; 58 graves; e 31 resultaron mortais, un 675% máis que nos dous primeiros meses de 2021. De feito, Galicia foi a Comunidade con máis falecidos, cun índice de incidencia, o máis alto do Estado, de 1,446 puntos, moi por enriba dos 0,311 da media estatal e afastada da segunda Comunidade que rexistra o índice máis elevado, do 0,697, Castela-A Mancha.

Por provincias, A Coruña rexistrou 1.906 sinistros; Pontevedra, 1.444; 513 Lugo; e 475 Ourense.

Por todo isto, e ante este 28 de abril, UGT-Galicia demanda situar a prevención no centro da recuperación e facer da saúde laboral un dereito fundamental. Nesta liña de traballo, o Sindicato demanda abrir mesas de diálogo social para poñer o foco na prevención de riscos laborais e nas condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo. Hai que repensar o modelo de xestión preventiva nas empresas e fortalecer os organismos con competencias en materia de seguridade e saúde no traballo.

Son necesarios cambios lexislativos para interiorizar a prevención no seno das empresas, co fin de xestionar a prevención de xeito eficaz, así como reverter as normas que permitiron asumir a prevención ó empresario nas empresas de ata 25 traballadores, mellorar a calidade das actividades preventivas, incorporar a perspectiva de xénero na prevención a abordar os riscos derivados das novas formas de organización do traballo (dixitalización, intelixencia artificial, teletraballo ou traballo en plataformas), especialmente, o seu impacto nos riscos psicosociais, así como nos riscos derivados dos efectos que o cambio climático ten para a saúde das persoas traballadoras.

Parello a isto, precísanse ampliar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo, do Instituto Nacional da Seguridade e Saúde no Traballo, que a Fiscalía aborde con máis intensidade a súa acción nos delitos de risco e dano á saúde dos traballadores; tampouco pode faltar a creación do delegado/a de prevención territorial e/ou sectorial para todas aquelas empresas que non dispoñen de representación sindical.

MANIFESTO 28A

 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia