Concentracións en todos os concellos e centros de traballo
UGT, USO e CCOO chaman a clase traballadora a participar nun paro de dez minutos
Fecha: 07 Nov 2024
O S. N. de CCOO de Galicia, UGT Galicia e USO Galicia fan un chamamento ás traballadoras e traballadores da comunidade autónoma para sumarse a un xesto solidario coas vítimas da catástrofe ocasionada pola gota fría no levante español, fundamentalmente na provincia de Valencia. Neste sentido, convocan un paro de dez minutos mañá venres, día 8 de novembro, ás 12 horas, diante de todos os concellos e todos os centros de traballo.
Con esta acción, convocada en todo o Estado, quérese facilitar que os traballadores e traballadoras poidan expresar ás familias o seu pesar e condolencias polas persoas falecidas. Tamén amosar o apoio a quen perdeu o seu patrimonio, ve incerteza sobre o seu emprego ou a viabilidade dos negocios e empresas que se viron comprometidas.
En segundo lugar, quérese instar a mobilización dos recursos públicos necesarios para a protección dos empregos, a actividade económica, o coidado e o aloxamento das persoas afectadas. Neste sentido, valoran positivamente o primeiro paquete de medidas publicado o mércores no BOE, pero reclaman que se complete de maneira urxente con medidas adicionais que garantan a protección social das persoas traballadoras e contribúan a manter a actividade económica.
Por último, UGT, USO e CCOO sinalan que en momentos coma este é imprescindible actuar con unidade no propósito compartido de contribuír á reconstrución dos danos, a reparación das vítimas e o progreso da nosa sociedade baixo os principios democráticos do noso Estado de dereito.