Cambiar as regras
Fecha: 05 Oct 2018
Un ano máis, o 7 de outubro celébrase a Xornada Mundial polo Traballo Decente. Nesta 11.ª edición será baixo o lema “Cambiar as regras” para garantir salarios dignos para todas e todos, emprego estable e con dereitos, igualdade e cláusulas sociais na contratación pública.
O Sindicato Nacional de CCOO e UGT-Galicia consideran que xa chegou o momento de que o traballo decente sexa unha realidade. As regras impostas polo neoliberalismo ao sistema económico mundial teñen que cambiar: son profundamente inxustas, xeran maiores e novas desigualdades, incluso, atacando a democracia e atentando contra os dereitos laborais en gran parte do mundo.
Cambiar as regras para facer realidade o traballo decente supón garantir emprego de calidade para todos e todas. Os gobernos están na obriga de buscar o obxectivo do pleno emprego mediante políticas de investimento público. Neste senso, existe un sector da poboación especialmente golpeado, os mozos e mozas, ao que lles hai garantir xa emprego digno.
Facer o traballo decente significa tamén garantir salarios dignos que permitan unha vida digna. Para que a recuperación económica chega tamén aos traballadores e traballadoras, os salarios deben recuperar os valores previos á crise. Para isto, hai que reforzar e estender a negociación colectiva e insistir en que ningún salario debe estar por debaixo dos 1.000 euros mensuais.
Neste xornada, UGT e CCOO tamén reclaman condicións xustas de traballo, porque a competitividade empresarial non pode ser unha escusa para deteriorar as condicións laborais. Neste senso, ambos sindicatos demandan a derrogación xa das reformas laborais impostas porque están condenando á precariedade e inseguridade a milleiros de traballadores.
As administracións públicas deben dar exemplo na loita contra a precariedade. Para isto, CCOO e UGT esixen que ningún contrato público sexa asinado sen cláusulas sociais que garantan os dereitos laborais e salariais dos traballadores e traballadoras.
Cambiar as regras supón tamén garantir pensións dignas presentes e para o futuro. Cambiar as regras significa, acabar xa coas fendas de xénero e eliminar calquera tipo de discriminación laboral.
Este 11.ª edición da Xornada Mundial polo Traballo Decente tamén debe servir para reclamar un pacto mundial de migracións, promovido por Nacións Unidas, co fin de garantir unha migración xusta, regular e segura que respecto os dereitos das persoas. Tamén é o momento de que os gobernos orienten as súas políticas á promoción dun crecemento sostido e inclusivo.
En Galicia, UGT e CCOO inciden, co gallo da celebración desta data nas altas taxas de precariedade rexistradas, máis do 90% dos contratos son temporais; deles, máis do 30% non chega á semana de duración. A parcialidade involuntaria tamén cobra cada vez máis peso. 110.600 traballadores e traballadoras nesta comunidade perciben a tempo completo menos de 14.000 euros ao ano. A precariedade cébase especialmente coas mulleres e os máis mozos.
E a Administración galega non fai máis que contribuír, nos seus procesos de contratación, a esta precaria realidade. Non se pode esquecer que o 18% da economía galega no eido privado xérano empresas que traballan para o sector público.
Por iso, o S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia instan a Xunta a que deixe de ser un simple observador das precarias tendencias do mercado laboral e se converta nun axente activo, implicándose. Para isto, ambos sindicatos consideran que urxe abrir un proceso de negociación para incorporar cláusulas sociais na redacción, adxudicación e execución dos contratos no ámbito galego que garantan unha loita efectiva contra a precariedade.
As cláusulas sociais son un instrumento para impulsar un modelo de Administración pública, de mercado produtivo e de sociedade que asuma melloras sociais, medioambientais e laborais con fundamento no interese público que remate coa precariedade na contratación de obras públicas e servizos.