A Unión comarcal de UGT-Ourense-Valdeorras-Verín celebra o seu Congreso e elixe a Cristóbal Medeiros como secretario xeral

Fecha: 11 Mar 2021

A Unión comarcal de UGT-Ourense-Valdeorras-Verín celebra o seu Congreso e elixe a Cristóbal Medeiros como secretario xeral


 

Ourense, 11 de marzo de 2021.- A Unión comarcal de UGT-Ourense-Valdeorras-Verín ven de celebrar o seu Congreso, baixo o lema “Construíndo en igualdade” no que saíu elixido como secretario xeral Cristóbal Medeiros que toma o rumbo desta Unión de cara ó vindeiro mandato.

Nesta tarefa de xestión da Unión de Ourense, Valdeorras e Verín Cristóbal Medeiros estará acompañado por Juan Manuel Gómez, como secretario de Organización; Noemí Álvarez, estará ó fronte da Secretaría de Acción sindical; todo o relativo a Política Institucional correrá a cargo de Antonio Blanco; a secretaria de Política social e Igualdade será María Teresa Rodríguez.

Sacar a provincia de Ourense adiante

No acto de clausura, que se celebrou onte na cidade das Burgas, o recentemente elixido secretario xera, despois de agradecer a confianza depositada na súa candidatura, amosou o seu compromiso para, de cara ós vindeiros catro anos, traballar arreo co fin de “colaborar na tarefa de sacar á provincia de Ourense adiante”.

Recoñeceu que esta nova Comisión Executiva bota a andar nunha difícil conxuntura pero fixo fincapé na firmeza, tanto del, como do resto dos compañeiros que o acompañan na Executiva de traballar “cóbado con cóbado e con firmeza” para saír adiante e procurar en todo momento tomar as decisións máis acertadas para o conxunto dos traballadores e traballadores da comarca. Porque traballar para e pola clase traballadora é a única esencia da nosa organización, que xa conta con máis de 130 anos de vida.

Máis e mellor emprego, máis e mellores servizos públicos, máis e mellor protección social, desenvolvemento industrial, dixitalización, fortalecer o sector agroalimentario e o forestal e resolver os déficits en materia de infraestruturas

Neste senso, insistiu no seu compromiso para traballar os vindeiros catro anos entre todos os que conforman a Unión de Ourense, Verín e Valdeorras para conseguir para a provincia de Ourense máis e mellor emprego, máis e mellores servizos públicos e máis e mellor protección social para todos e todas.

Referiuse a que coa vacina comeza a verse unha luz ó final do túnel e amosou a súa esperanza de que isto sirva para garantir a recuperación sanitaria. Pero non hai que esquecer que, detrás desta, hai que traballar pola recuperación social e laboral, sobre todo, nunha provincia como a de Ourense que está á cola de moitos dos indicadores en Galicia.

Toca traballar por un plan de emprego, de dinamización, de desenvolvemento industrial pensando en todos e todas pero, sobre todo, nos máis mozos para evitar que continúen emigrando. Hai que fortalecer o sector agroalimentario e o forestal, todo un potencial desaproveitado na provincia de Ourense.

Nestes catro anos UGT-Ourense-Valdeorras-Verín tamén vai traballar para demandar que se resolvan os grandes déficits en materia de infraestruturas, dixitalización ou servizos públicos en todos os eidos pero, sobre todo, no rural, onde toca resolver a fonda débeda histórica que se ten coa provincia.

Consecuencia de todo isto, denunciou o envellecemento paulatino e, polo tanto, despoboamento, ó que lle hai que poñer freo e instou ás administracións a traballar nesta liña, para o que terán ó seu carón a esta nova Executiva.

Apelou a que os fondos comunitarios que nestes momentos se están a poñer en marcha sexan unha oportunidade para avanzar en todas estas medidas.

En definitiva, insistiu en que resulta evidente que na conxuntura actual a saúde ten que ser o primeiro porque se esta non hai recuperación económica pero, unha vez superada a crise sanitaria, ábrese unha oportunidade que hai que aproveitar para sentar as bases dunha recuperación sólida na que non quede ninguén atrás.

Pola súa banda, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, na súa intervención no acto de clausura tivo unha verbas de recoñecemento para os sanitarios e para todos aqueles que estiveron en primeira liña nesta crise sanitaria coidándonos, protexéndonos e alimentándonos, pero insistiu en que temos que saír desta pandemia recoñecendo a labor do resto dos sectores grazas aos que se puido soster ao conxunto da sociedade.

Hai que retomar as demandas e a folla de ruta que quedou paralizada polo comezo da pandemia. Non pode quedar ninguén atrás

Gómez afirmou que “a pandemia serviu para acercar aínda máis o Sindicato aos traballadores e traballadoras. O sindicato estivo á altura, o obxectivo principal era o de protexer a saúde, pero tamén protexer os emprego e as empresas”. Afirmou que iso levou a deixar aparcada a folla de ruta de reivindicacións que tíñamos marcada a principio de 2020 co obxectivo de recuperar dereitos perdidos durante a crise. Pero “ollo que non intenten de novo cargar ás costas dos traballadores o custo de esta crise sanitaria”, alertou, facendo fincapé en que chegou a hora, precisamente para evitar isto, de retomar estas demandas.

José Antonio Gómez tamén afirmou que “imos ter que mobilizarnos para negociar e esixir e lembrarlle ao Goberno que «agora si toca» cumprir co prometido no seu programa, en concreto derrogar a reforma laboral, derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional (SMI) ata situalo no 60% do salario medio ao remate da lexislatura. E tamén nos mobilizaremos para seguir esixindo o reforzo dos servizos públicos e dos sectores produtivos estratéxicos.


 


 

COMISIÓN EXECUTIVA UGT UNIÓN DE OURENSE-VALDEORRAS-VERÍN


 

SECRETARÍA XERAL: CRISTOBAL MEDEIROS FERNANDEZ

SECRETARÍA ORGANIZACIÓN: JUAN MANUEL GOMEZ DACAL

SECRETARÍA ACCIÓN SINDICAL: NOEMI ALVAREZ ESTEVEZ

SECRETARÍA POLÍTICA INSTITUCIONAL: ANTONIO BLANCO RODRÍGUEZ

SECETARÍA POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE: Mª TERESA RODRIGUEZ BLANCO


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia