UGT presenta un estudo sobre a situación das persoas LGTBI no traballo

UGT presenta un estudo sobre a situación das persoas LGTBI no traballo

O 90% das persoas LGTBI (96% en Galicia) consideran un inconveniente esta condición á hora de encontrar traballo, o 86% (91% en Galicia) considera necesario ocultar a súa orientación sexual e catro de cada dez traballadores LGTBI (6 de cada 10 en Galicia) teñen vivido algunha agresión

Galicia, entre as tres comunidades onde a percepción da discriminación é máis alta

Santiago, 21 de outubro de 2021.- O responsable da área LGTBI de UGT, Toño Abad, e a secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, Trinidad Campos, veñen de presentar en Santiago o estudo “Cara centros de traballo inclusivos: a discriminación das persoas LGTBI no eido laboral en España”, que parte dunha enquisa na que se xestionaron 3.344 cuestionarios e que arroxa datos realmente preocupantes.

A discriminación cara as persoas LGTBI no eido laboral comeza dende o momento en que se pretende acceder a un posto de traballo. De feito, segundo esta enquisa, o 90% das persoas LTBI, o 96% en Galicia, considera un inconveniente ter esta condición á hora de atopar emprego. O 86%, 91% en Galicia, considera necesario ocultar a súa orientación sexual e tres de cada catro persoas tiveron medo á hora de revelar a súa orientación no traballo.

Pola súa banda, o 40% das persoas trans (48% en Galicia) afirman que foron rexeitadas en entrevistas por prexuízos. Catro de cada dez traballadores LGTBI (6 de cada 10 en Galicia) aseguran ter vivido algunha agresión cara si ou outras persoas LGTBI no posto de traballo, dende comentarios de carácter despectivo, xestos ou agresións físicas.

E é que o 69,31% dos enquisados heterosexuais senten a presenza habitual desta discriminación cara persoas LGTBI porque aseguran que non teñen as mesmas oportunidades.

Toño Abad destacou que esta é a primeira enquisa destas características que se fai a nivel do Estado e afirmou que “permanecer no armario supón renunciar a dereitos laborais e puxo como exemplo que, ás veces, por ocultar a súa condición non se piden permisos por matrimonio ou permisos por acompañamento das parellas a centros médicos”, é dicir, renúncianse a dereitos laborais básicos que o resto dos traballadores e traballadoras nin se cuestionan.

Este renuncia e o efecto perverso que sobre a vida destas persoas ten a súa condición sexual debería facer reflexionar. Non se pode permitir que as persoas LGTBI acudan ó seu posto de traballo con medo á discriminación ou agresións. Hai que garantir un entorno laboral inclusivo.

O 70% dos convenios non protexen ás persoas LGTBI

UGT, ante estes datos realmente preocupantes, decidiu facer unha aproximación á materia que se negociou nos convenios colectivos e a sorpresa é o baleiro que existe porque, aínda que os sindicatos levan moito tempo intentando introducir medidas, a voluntariedade só ven por esta parte, por iso, urxe unha lexislación que obrigue nesta materia e que non deixa á discrecionalidade a súa regulamentación. Só tres de cada 10 convenios, de 1.200 analizados, teñen cláusulas que se refiran ás persoas LGTBI. É dicir, o 70% dos convenios non protexen ás persoas LGTBI e cando hai cláusulas son moi xenéricas e practicamente sen aplicación.

UGT considera que estamos ante un momento histórico, coa negociación da Lei Trans e LGTBI, para cambiar e reverter esta situación. A Lei que pretende tramitar o Goberno ten moito que mellorar, a pesar de que regula unha materia laboral que afectará a este colectivo, non foi consultada cos sindicatos e, segundo, a materia laboral que quere regular a Lei é só dispositiva, con formulismos moi xeneralistas e cargados de voluntariedade que na práctica é imposible esixir.

As empresas de máis de 200 traballadores teñen que impulsar medidas para a igualdade LGTBI

Por isto, UGT esixe ó Goberno que convoque unha mesa de diálogo social para negociar o contido da Lei no eido laboral e que se introduzan nas empresas de máis de 200 traballadores a obriga de ter plans que se desenvolvan a través de regulamentos que establezan o contido e o alcance das medidas propostas. UGT insiste en que se está nun momento clave para lograr este avance ás portas da tramitación dunha lei histórica.