UGT inaugura na Coruña a exposición "130 anos de loita e conquistas" para conmemorar os 130 anos da fundación do Sindicato

Este martes, día 2 de xullo, os secretarios xerais de UGT-Galicia e UGT-Coruña-Cee, José Antonio Gómez e José Carrillo, respectivamente; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inauguraron no Centro sociocultural Ágora, a exposición itinerante "130 anos de loita e conquistas" para conmemorar os 130 anos da fundación do Sindicato.

Esta exposición está a percorrer toda a xeografía española, incluídas varias cidades e vilas galegas. Na Coruña permanecerá aberta ao público ata o día 30 de xullo no mesmo horario de apertura do Ágora.

A mostra conta con 14 paneis históricos e 6 temáticos que recollen os períodos máis significativos da longa traxectoria de UGT, repasando acontecementos de loita obreira e as reivindicacións por un mundo máis xusto que o Sindicato sempre defendeu. Inclúese finais do século XIX, a ditadura de Primo de Rivera, a II República, a Guerra Civil, a clandestinidade e o exilio pola ditadura franquista, a chegada da democracia, a legalización do Sindicato, os anos 80 e alcánzanse os anos de desavenencias de principios dos 90. A exposición finaliza coa etapa máis moderna, cos novos retos sociais, as alternativas para saír da crise e a recuperación de dereitos laborais.