UGT-Galicia saúda as medidas extraordinarias de conciliación pero lamenta que non sexan máis ambiciosas

Un froito máis do diálogo social, polo que UGT aposta para abordar a desescalada e a volta á “nova normalidade”

UGT-Galicia saúda as medidas extraordinarias de conciliación pero lamenta que non sexan máis ambiciosas

No eido do fomento da corresponsabilidade, UGT-Galicia demandaba que cando son ambas persoas proxenitoras as que modifican as súas condicións laborais para afrontar a conciliación se incrementasen as axudas e que no caso do coidado dos menores a idade límite debería ser 14 anos, como fan outras comunidades autónomas, e non os 12 que fixa a Xunta


 

Santiago, 12 de xuño de 2020.- UGT-Galicia saúda as medidas extraordinarias de conciliación ante a situación xerada pola COVID-19, aprobadas hoxe pola Xunta, pero lamenta que non sexan máis ambiciosas e que non recollan algunhas das propostas realizadas no seu momento polo Sindicato no proceso de diálogo social aberto para este fin.

De novo, o diálogo social, polo que o Sindicato apostou en todo momento para abordar este proceso de desescalada e volta á “nova normalidade” e para facelo a través dun proceso de responsabilidade compartidas, deu os seus froitos. Na actual actual conxuntura todos os esforzos son poucos para non deixar a ninguén no camiño e para evitar que as persoas traballadoras e as súas familias sexan as que paguen esta crise, como si o foron na anterior crise económica do 2008.

Por todo, isto, UGT-Galicia vai seguir traballando arreo en todos os contextos que sexa necesario, baixo a premisa de responsabilidades compartidas para dar resposta á profunda crise social, económica e laboral que xerou a COVID-19.

Concretando as medidas, estas pasan por axudas ás familias con nenas e nenos de ata 12 anos para a contratación ou ampliación de servizos ou dunha persoa empregada do fogar para a atención destes rapaces, así como para compensar a perda salarial motivada por unha excedencia ou redución de xornada (ou a súa modificación ou adaptación) para a atención dos menores. A contía da axuda pode acadar o 100% do custo da contratación cun límite máximo global de 500 euros ao mes por unidade familiar e a duración será do 16 de marzo ata que se levante a suspensión das actividades como medida preventiva de saúde pública nas escolas infantís 0-3 e nos centros de ensino non universitarios, non podendo estenderse, en ningún caso, máis alá do exercicio orzamentario vixente.

Neste senso, UGT-Galicia propuxo que o límite, como xa se fixo en varias comunidades autónomas, quedase establecido nos 14 anos.

O Sindicato tamén bota en falla que non se atendese que, na liña de fomentar a corresponsabilidade, se ambas persoas proxenitoras sofren perdas salariais ao mesmo tempo pola adopción de medidas laborais, como reducións de xornada ou cambios contractuais para coidar a menores na actual conxuntura, se incrementasen as axudas.

Outra liña de axudas, tamén dentro do ámbito de facilitar a conciliación na actual conxuntura, son as relativas aos gastos derivados da contratación dun servizo de axuda no fogar ou para a contratación ou ampliación de xornada das persoas coidadoras e para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva para atender no domicilio ás persoas usuarias de centros de día de persoas maiores e de centros de día específicos de alzheimer e centros ocupacionais para persoas con discapacidade. Do mesmo xeito que cos menores, prevense axudas para compensar a perda salarial no caso de que se decida recorrer a reducións de xornada ou excedencias para a realización destes coidados.

Neste caso, a duración das axudas será durante o tempo de suspensión da actividade do centro de día ou ocupacional ao que viña acudindo a persoa usuaria como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19.

 

PODES ACCEDER DIRECTAMENTE AO DIARIO OFICIAL DE GALICIA (DOG) CLICANDO NAS SEGUINTES LIGAZÓNS:
ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás familias con nenas e nenos de ata doce anos de idade para a conciliación na situación xerada pola COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario (código de procedemento BS900C).

EXTRACTO da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás familias con nenas e nenos de ata doce anos de idade para a conciliación na situación xerada pola COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario (código de procedemento BS900C).

ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia do COVID-19, a través do Bono coidado extraordinario á dependencia (código de procedemento BS900B).

EXTRACTO da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia do COVID-19, a través do Bono coidado extraordinario á dependencia (código de procedemento BS900B).

Fuente: UGT-Galicia