UGT-Galicia saúda a aprobación do Ingreso Mínimo Vital, un paso cara adiante a completar

O panorama que se debuxa en Galicia cunha taxa de risco de pobreza ou exclusión social do 19%, con preto de 100.000 persoas que viven con carencias materiais severas, con máis de 57.000 fogares con todos os activos no paro e con máis de 32.000 fogares sen ingresos urxía xa a aprobación deste ingreso, sobre todo, nunha conxuntura como a actual na que de seguro estas cifras iranse agravando

UGT-Galicia saúda a aprobación do Ingreso Mínimo Vital, un paso cara adiante a completar

O Sindicato xa viña reclamando este ingreso dende hai catro anos, coa posta en marcha dunha ILP, e agora xa non se podía demorar máis porque é responsabilidade de todos rescatar ás familias. Non obstante, UGT segue apostando por unha Lei integral, pola que se continuará traballando para implementar a ILP sindical de Prestación de Ingresos Mínimos

Santiago, 29 de maio de 2020.- UGT-Galicia saúda o Ingreso Mínimo Vital aprobado hoxe polo Goberno, xa que se trata da primeira vez que se crea un ingreso mínimo garantido, universal, igual en todo o Estado, e permanente en España. Unha demanda que UGT viña facendo xa dende hai catro anos cando puxo en marcha a campaña para promover unha ILP por un ingreso mínimo que se levou ao Congreso co respaldo de 700.000 sinaturas. Unha demanda histórica que, se cabe, na actual conxuntura de emerxencia sanitaria, económica, laboral e social faise máis necesaria que nunca. A pesar disto, UGT vai seguir traballando para acadar unha Lei integral que solucione neste país as situacións de pobreza.

Dende UGT-Galicia tamén se quere destacar que se trata dun fito social e un elemento de peche de enorme importancia do estado de benestar, tanto dende o punto de vista das prestacións dinerarias como de loita contra a pobreza.

Comunidades autónomas e concellos deben colaborar intensamente para chegar a todos os grupos, incluídos os que se atopan en maior grado de exclusión

UGT fai fincapé en que o proceso de despliegue e alcance de todo o seu potencial de beneficiarios conlevará un certo período de tempo no que o papel das comunidade autónomas e concellos vai resultar fundamental para chegar a todos os grupos, incluídos os que se atopan en maior grado de exclusión. Por iso, o Sindicato insta a todas as administracións a que colaboren coa máxima intensidade.

UGT advirte que, aínda que se trate dun dereito subxectivo igual en todo o Estado, non se pode furtar o papel que constitucionalmente lles corresponde ás comunidades autónomas en dous eidos esenciais, a xestión material da prestación e a posibilidade de complementala con achegas reguladas e financiadas en cada comunidade autónoma. Neste senso, lembrar que en Galicia, froito do diálogo social, xa está recoñecida a RISGA da que son beneficiarias na actualidade preto de 10.000 persoas.

Prestacións compatibles

Nesta liña, UGT-Galicia insta á Xunta, xa que este ingreso en certa medida podería chegar a liberar á Administración galega dunha cota de gasto da RISGA, a que traslade ao eido dos servizos sociais o aforro que poida rexistrar.

En relación ao subsidio de desemprego, que en Galicia perciben 46.000 persoas, UGT demanda que non se incompatibilice co Ingreso Mínimo Vital, senón que chegado o caso sexan complementarias para acadar o IMV aprobado hoxe.

Galicia perdeu máis de 27.000 cotizantes nun mes

Un Ingreso Mínimo Vital que na actual conxuntura, cunha perda de máis de 27.000 cotizantes na Seguridade Social entre marzo e abril nesta Comunidade, faise máis necesario pero que o Sindicato xa viña demandando porque o panorama xa debuxaba altos índices de pobreza e necesidades das familias. En Galicia xa estaban cobrando a RISGA máis de 10.000 persoas; 46.000 dependen do subsidio de desemprego e máis de 6.000 dunha renda activa de inserción.

Isto denota altos índices de pobreza que se achegan nesta Comunidade ao 18,9% (índice de risco de pobreza e exclusión social), por suposto, antes da crise do COVID-19, polo que agora estas porcentaxes de seguro que serán moito máis elevados.

As frías estatísticas, que esconden detrás serias dificultades para moitas familias galega, reflicten tamén que xa antes desta crise 90.680 persoas en Galicia sufrían carencias materiais severas.

E, segundo os últimos datos da EPA, 57.200 fogares teñen a todos os seus activos no paro e 32.100 non teñen ingresos.

Por todo o exposto, este Ingreso Mínimo xa era necesario antes pero moito máis agora para asegurar a supervivencia dos máis desprotexidos pola crise. Cada día máis sen esta renda sería un día no que as familias non terían recursos para vivir.

Esta nova renda pode ser un elemento determinante para unha saída da crise máis rápida e sen que a nosa sociedade pague ningunha factura en termos de pobreza. Como xa fixo na crise anterior coa política de austeridade e recortes do PP que levou a España a ser un dos países da UE con menor investimento en gasto social.