UGT-Galicia reclama a plena integración da saúde laboral na saúde pública

28 de Abril 2020, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo. A seguridade e a saúde, un dereito fundamental no traballo

UGT-Galicia reclama a plena integración da saúde laboral na saúde pública

No 2020, un total de 24.511 traballadores galegos foron vítimas dun sinistro laboral, 59 con resultado de morte. O sector servizos, co comercio, o transporte e a sanidade e servizos sociais á cabeza, foron os que máis sinistros rexistraron

Santiago, 27 de abril de 2021.-Como cada ano, UGT-Galicia lembra o 28 de abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, aos traballadores e traballadoras que sufriron as consecuencias dos accidentes e enfermidades laborais e seguirá denunciando as precarias condicións de traballo que están na orixe desta secuela social.

Neste ano de pandemia de COVID-19 púxose de manifesto de maneira dramática a contradición entre a saúde e a vida e as presións para manter a actividade económica moito máis alá do que aconsellaban os expertos en saúde pública.

Foron os traballadores dos sectores xa coñecidos como esenciais quen sufriu os estragos do virus de maneira máis directa e en moitas ocasións sen o debido recoñecemento por parte das autoridades. Recentemente asimilouse a COVID-19 a enfermidade profesional no caso dos traballadores sanitarios e sociosanitarios, en lugar dun accidente laboral, como se viña facendo ata o momento. Para UGT, esta medida é insuficiente, e esiximos que a COVID-19 inclúase na listaxe española de enfermidades profesionais, estendendo esta cobertura a un maior número de profesións expostas ao risco e sen limitación temporal.

2021 debe ser tamén o ano que marque o inicio do fin do problema do cancro de orixe laboral. A falta de recoñecemento dos cancros de orixe laboral está a privar ás persoas afectadas das prestacións derivadas da continxencia profesional. UGT seguirá presionando para que as modificacións da Directiva Europea sobre protección fronte á exposición a canceríxenos e mutáxenos sexan traspostas en tempo e garantindo a máxima protección da saúde dos traballadores. De feito, neste senso, resulta pouco crible que, segundo os datos facilitados polo ISSGA, no ano 2020, en Galicia tan só se declaran 4 casos de enfermidade profesional do grupo VI (por axentes canceríxenos). UGT-Galicia considera que detrás, destas cifras, como xa se ven denunciando reiteradamente, existe unha clara infradeclaración.

Así mesmo, debería ser o ano da derrogación da reforma laboral, porque a precariedade mata. A precariedade laboral e a mercantilización da prevención fan que esta secuela siga presente.

UGT-Galicia reclama a plena integración da saúde laboral na saúde pública, con maior convencemento desde a experiencia da pandemia, o que esixe unha maior coordinación entre os departamentos de sanidade e de traballo tanto na Administración Xeral do Estado, como na Xunta. E insiste na necesidade de dotar de maiores recursos tanto á Inspección de Traballo e Seguridade Social como ao Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e o ISSGA.

Porque o traballo debe ser decente, digno e de calidade, libre de risco. Ninguén debería ter que elixir entre traballo e saúde.

CASE 3.500 SINISTROS NOS DOUS PRIMEIROS MESES DE 2021 E XA 4 MORTOS EN GALICIA

Este xa é o segundo ano que o 28 de abril vai ser diferente, marcado pola COVID-19 pero non se pode esquecer que a sinistralidade laboral, a pesar da baixada da actividade laboral, segue presionando ó mercado laboral galego. 24.511 accidentes en Galicia no 2020 e 3.444 nos dous primeiros meses de 2021, que supoñen o 5% do total dos sinistros rexistrados en todo o Estado, ben sexa porque son vítimas dos accidentes no traballo, ben porque padecen doenzas derivadas deste ou, no peor dos casos, porque faleceron no seu posto de traballo (59 falecidos nesta Comunidade no 2020 e xa 4 mortos nos dous primeiros meses de 2021). Por iso, UGT-Galicia non se vai cansar de denunciar as condicións de traballo que están na orixe desta eiva, sobre todo nun mercado laboral como o noso marcado pola precariedade, e realizar propostas de cambio na normativa e nas políticas para mellorar a saúde e a seguridade.

Pero, este ano, no actual contexto de crise sanitaria e económica, motivada polo COVID-19, con ducias de miles de vidas sesgadas, o recordo de UGT é tamén para estas vítimas, pero tamén para todas aquelas persoas que dende os seus postos de traballo convertéronse no principal valuarte de defensa fronte á enfermidade, poñendo en risco a súa propia saúde e, en demasiadas ocasións, a súa propia vida. Persoas da clase traballadora que hoxe demostran que son a clave para manter os servizos máis básicos da sociedade.

OS RECORTES EN MATERIA PREVENTIVA DESTES ÚLTIMOS ANOS, DENDE A CRISE DE 2008, TAMÉN SE PAGAN HOXE NESTA CRISE

Logo da gran recesión de 2008 e a imposición de políticas de austeridade como única vía posible de saída da crise, vimos como os recortes decimaban servizos públicos que agora se revelan imprescindibles, como a sanidade pública. Paralelamente, produciuse unha redución de investimentos en prevención de riscos laborais nas empresas e de financiamento de políticas públicas activas en materia preventiva. Na última década asistimos a un rebrote dos accidentes de traballo, á ocultación e subrexistro das enfermidades profesionais e afixémonos a que o lema «a precariedade laboral mata» se fixera recorrente nas campañas sindicais de denuncia.

Por outra banda, o sistema preventivo español xa se encontraba nunha situación de debilidade debido a demasiadas inercias derivadas das opcións que se foron tomando durante estes 25 anos desde a aprobación da Lei de prevención de risco laborais: configuración da prevención como un negocio e non como un dereito, externalización da súa xestión, imposibilidade de articulación sindical nun universo de pemes e micropemes e un medio institucional de actuación pública que apenas regula minimamente o «mercado da prevención». Pero a chegada da pandemia da COVID-19 acabou por arrasar a prevención en España.

Os servizos de prevención, actores indispensables para a organización e integración das actividades preventivas nas empresas, mostraron en moitos casos tremendas limitacións á hora de facer fronte ao reto de avaliar e establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, convertendo en papel mollado as instrucións das autoridades sanitarias. E se estas limitacións se puideron apreciar en servizos de prevención propios, no caso dos servizos de prevención alleos alcanzaron cotas escandalosas. A maioría dos servizos de prevención alleos non foron desenvolvendo tempo antes unha verdadeira prevención nas empresas, senón que se limitan a tramitar a documentación requirida co fin de cumprir, para os efectos meramente formais, coa normativa e, como moito, ofertan avaliacións de risco tipo e uns recoñecementos médicos non específicos.

Neste contexto de emerxencia sanitaria, os servizos de prevención alleos desaparecen da escena, pero aínda que quixesen ter outro papel, non sería posible: os seus criterios mercantilistas de xestión e a feroz competencia entre eles deron como resultado unhas ratios inasumibles de empresas por cada un dos seus técnicos, ata máis de duascentas nalgúns casos, o que lles imposibilita a estes profesionais desenvolver unha actividade de calidade e os somete a unhas cargas de traballo e de responsabilidade incompatibles coa súa propia saúde.

A PESAR DE TODO, UGT CONTINÚA TRABALLANDO DEFENDENDO Á CLASE TRABALLADORA, DENUNCIANDO ONDE SEXA PRECISO E ESIXINDO O CUMPRIMENTO DA NORMATIVA

Malia todo, UGT continúa traballando para afrontar esta crise sanitaria facendo o que mellor sabemos: defender á clase traballadora, denunciando onde sexa preciso e esixindo o cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, normativa que, recordamos,debe cumprirse incluso durante o estado de alarma.

OS DATOS MÁIS POLO MIÚDO

Como xa se dicía en parágrafos precedentes, en Galicia, no 2020 foron 22.302 persoas vítimas dun accidente laboral (21.873 leves, 377 graves e 52 mortes) aos que lles hai que sumar 2.209 accidentes que se produciron “in itinere” (7 deles mortais).

Por provincias, A Coruña rexistra 10.178 accidentes laborais con baixa (máis 921 “In itinere”); Lugo, 2.545 (máis 196 “in itinere”); Ourense, 2.558 (máis 228 “in itinere”); e Pontevedra, un total de 7.021 (máis 864 “in itinere”).

NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA A SINISTRALIDADE MORTAL SUBIU NO ÚLTIMO ANO UN 26,32% E NO CASO DOS “IN ITINERE” UN 66,67%

Hai que alertar sobre o caso de Pontevedra, provincia na que os accidentes mortais pasaron de 19 no 2019 a 24 no 2020, o que supón un incremento do 26,32%. De 3 a 5 no caso dos “in itinere”, cun aumento aínda superior, do 66,67%.

AGRICULTURA E PESCA, OS SECTORES NOS QUE MÁIS MEDRAN OS ACCIDENTES MORTAIS

Segundo o sector de actividade, a agricultura e a pesca son as que rexistran maiores incrementos da sinistralidade mortal, ó pasar de 4 a 7 falecidos no primeiro caso, e de 3 a 8 no segundo. Tamén é reseñable o caso da provincia de A Coruña na que na agricultura se pasa de 2 a 3 falecidos e de 6 a 7 no sector servizos. En Pontevedra, o número de falecidos no sector pesqueiro increméntase nun 600%, de 1 no 2019 a 7 no 2020, e na construción o aumento é dun 50%, ó pasar de 2 a 3.

En canto ós índices de incidencia, que marcan o número de accidentes en relación á poboación asalariada, destacan os incrementos, en relación a 2019, no sector da agricultura, dun 76,88% no caso dos mortais e dun 173,66% no caso tamén dos mortais no sector da pesca.

SÓ SE REXISTRAN CATRO CASOS DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS POR AXENTES CANCERÍXENOS, O QUE FAI PENSAR NUNHA INFRADECLARACIÓN. UGT SEGUIRÁ PRESIONANDO PARA QUE AS MODIFICACIÓNS DA DIRECTIVA EUROPEA SOBRE PROTECCIÓN FRONTE Á EXPOSICIÓN A CANCERÍXENOS E MUTÁXENOS SEXAN TRASPOSTAS EN TEMPO

O ISSGA tamén achega datos referidos ás enfermidades profesionais rexistradas, destacando, aquelas que conlevan baixa, as do grupo II (623), causadas por axentes físicos, e do grupo IV (103), motivadas por inhalación de substancias e axentes non comprendidos noutros grupos. Curiosamente, no grupo VI, axentes canceríxenos, só se rexistran catro casos en Galicia no ano 2020, o que fai pensar nunha infradeclaración.

Por sectores, tanto as enfermidades que causaron baixa como as que non, destacan no caso da industria un total de 532 declaradas do grupo II e 102 do IV. Na construción foron 84 do grupo II. E no sector servizos 414 tamén do grupo II.

SINISTRALIDADE NOS DOUS PRIMEIROS MESES DO ANO 2021

Segundo os datos que adianta o Ministerio de Traballo, nos dous primeiros meses de 2021 en Galicia xa se rexistraron 3.135 accidentes laborais en xornada, máis 309 “in itinere”. Destes, 3.083 tiveron un carácter leve, 48 graves e 4 persoas faleceron. No caso dos de “in itinere”, 305 foron leves e 4 graves.

Por provincias, sitúase A Coruña á cabeza con 1.604 (máis 156 “in itinere”) e unha persoas falecida; Lugo, con 396 (máis 32 “in itinere”); Ourense, con 373 (máis 33 “in itinere”) e 1 falecido; e Pontevedra, con 762 accidentes (máis 88 “in itinere”) e con dous persoas falecidas en accidente laboral.

O SECTOR SERVIZOS ACAPARA NO 2020 O 41,36% DA SINISTRALIDADE, ESTANDO Á CABEZA O COMERCIO, TRANSPORTE, SANIDADE E SERVIZOS SOCIAIS. TODOS ELES ESENCIAIS NESTA CRISE, OS MÁIS PREXUDICADOS

Fiando máis fino e achegando a análise ós subsectores, que ofrece o Ministerio nas súas estatísticas do ano 2020, a realidade é que servizos se leva a peor parte, o 41,36% da sinistralidade. E, concretamente, á cabeza está o comercio (13,89%), seguido do transporte (7,79%), sanidade e servizos sociais (7,44%), hostalería, a pesar da diminución da actividade neste último ano, (4,81%) e administracións públicas (4,06%).

Resulta evidente que aqueles traballadores e traballadoras que estiveron ó fronte nesta pandemia, que non cesaron a súa actividade, son os máis prexudicados pola sinistralidade laboral no ano 2020.

Despois do sector servizos, a industria lévase o 30,92% da sinistralidade, seguida da construción, co 15,04 e, finalmente, a agricultura e pesca, co 8,63%.


 

ACCIDENTES DE TRABALLO 2020 EN GALICIA