UGT-Galicia aposta por un Goberno de progreso cun programa para recuperar dereitos e repartir riqueza que resolva xa os problemas da cidadanía

Ao longo da mañá de hoxe o VI Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse no Hotel Congreso, en Teo, para analizar a situación actual, poñer enriba da mesa unha serie de propostas e traballar tamén en varios temas do eido interno do Sindicato, como foi a convocatoria do XIII Congreso de UGT-Galicia que se celebrará os días 29 e 30 de setembro de 2020 en Santiago.

Un dos primeiros temas de análise deste Comité, que reuniu á Comisión Executiva de UGT-Galicia xunto con delegados e cadros do Sindicato en representación de todas as súas estruturas, foi o resultado das eleccións xerais do pasado 10 de novembro. A primeiro conclusión foi que urxe un xiro social, para o cal o Comité aposta por un Goberno progresista cun programa que atenda as necesidades da maioría da cidadanía que non pode agardar máis. Urxe un programa de progreso que permita repartir a riqueza, recuperar dereitos e que garanta máis diálogo.

As familias non poden agardar máis porque tanto a desaceleración económica en Europa como a parálise política dende hai máis de medio ano neste país están a producir un freo no crecemento que as familias traballadores ven reflectido nos seus petos. Porque a precariedade laboral non deixa de medrar e os salarios non soben o suficiente, tras caer drasticamente dende o ano 2009.

Neste contexto, UGT esixirá ao novo Goberno que se configure tras as eleccións o desenvolvemento inaprazable da axenda social, que o Sindicato xa ten trasladado en reiteradas ocasións ás formacións políticas. Nesta senda figura a aprobación da ILP para unha nova prestación de ingresos mínimos, cuxa tramitación estivo paralizada en reiteradas ocasións; a creación de emprego decente e seguro; ampliar o nivel de cobertura das persoas desempregadas e a protección aos colectivos máis vulnerables; a derrogación das reformas laborais; unha reforma das políticas activas de emprego; a suba das pensións vinculadas ao IPC real e a derrogación da reforma de 2013; a consecución da igualdade de trato e de oportunidades e non discriminación das persoas; e un reparto máis equitativo da carga fiscal e que os impostos non diminúan porque hai que dar benestar á cidadanía e servizos públicos de calidade.

Para tal fin, UGT vai propoñer ao novo Goberno abrir mesas de diálogo social que aborden cuestións como a necesidade dun pacto pola industria; aumentar os recursos da España baleirada; sar solución ao problema do prezo da enerxía; afrontar as consecuencias do quecemento global a través dunha transición enerxética xusta; fomentar a vivenda de iniciativa pública e un parque social de vivendas de aluguer; e facer fronte a un cambio lexislativo que permita exercer de xeito pleno os dereitos e as liberdades.

O Comité de UGT-Galicia tamén fixo unha análise sociolaboral da situación actual de Galicia, denunciando a involución do crecemento da economía que medra nun 2% no segundo trimestre deste ano pero con menos intensidade que en anos precedentes. Hai 164.307 persoas en Galicia que continúan sen ter emprego. Dende o comezo da crise perdéronse preto de 110.700 empregos, o 9%, case a décima parte da ocupación. Hai actualmente 1.105.700 empregos, séguese evidenciando un retroceso en relación ao 2008.

A precariedade dos fogares galegos é manifesta, 50.100 con todos os seus activos no desemprego. Todo isto acompañado dunha drástica caída da taxa de cobertura por desemprego que, tras valores do 70% no 2011, están agora en tan só o 57,1%. E, ademais, esta é de carácter maioritariamente asistencial, o que conduce a moi baixos ingresos. A isto hai que engadirlle as 75.134 persoas en desemprego que en Galicia non cobran ningún tipo de prestación e os 27.400 fogares nos que non entran ingresos. Todo isto leva consigo pobreza e altas taxas de risco de exclusión social.

En Galicia, o Comité denunciou a situación que está a atravesar o sector industrial que tamén amosa síntomas de desaceleración. Anuncios continuos de peches, falta de carga de traballo e ameazas motivadas polos altos prezos da enerxía ou o proceso de transición enerxética.

Inaprazable a posta en marcha dun plan industrial para Galicia que aborde o problema enerxético

Por iso, UGT-Galicia considera que resulta inaprazable a posta en marcha dun plan industrial para esta Comunidade no que se aposte por actividades de alto valor engadido e no que se aborde o problema enerxético. Outro reto é o da transición enerxética no que UGT sempre apostou por unha transición xusta cos territorios, o emprego e a cidadanía, un proceso no que ninguén quede atrás.

Para todo isto, o Goberno da Xunta conta cunha ferramenta básica, os Orzamentos, que amosan, os de 2020, unha freada nas previsión de emprego e crecemento económico. No proxecto de Orzamentos recóllese que o emprego medrará un 0,8% e a taxa se paro situarase nun 10,6% e en cifras absolutas o Goberno prevé crear entre 8.000 e 9.000 postos de traballo. Isto evidencia un mercado laboral en Galicia cada vez máis pequeno e menos dinámico.

Ante estas contas, o Comité Nacional demanda que na tramitación dos Orzamentos debería reconducirse a situación atendendo á xeración de emprego de calidade; a aposta polo tecido produtivo e a súa diversificación; e o reforzamento dos servizos públicos e a protección social.

No Comité Nacional de UGT-Galicia tamén se analizou a negociación colectiva e apostouse por continuar coas recomendacións do IV AENC en relación ao incremento salarial pactado, mellorando o poder de compra dos traballadores. Para iso, é preciso xeneralizar as cláusulas de garantía salarial e, para os salarios máis baixos, urxe acadar un salario mínimo de convenio de 14.000 euros anuais. Tamén hai que seguir traballando en materia de igualdade, defender a participación sindical e incluír cláusulas relacionadas coa protección da saúde e seguridade dos traballadores.

Resolucións de urxencia aprobadas hoxe polo Comité de UGT-Galicia

Finalmente, o VI Comité Nacional de UGT-Galicia aprobou varias resolucións de urxencia enmarcadas na conxuntura actual. A primeira, en apoio ás mobilizacións dos traballadores de Barreras e para demandar da Xunta unha intervención activa na procura dunha solución inmediata que permita recuperar a actividade na factoría viguesa. No eido dos servizos públicos, aprobáronse tres resolucións, en apoio ás mobilizacións que se están levando a cabo en defensa da dependencia como servizo esencial e para denunciar a precarización que están a vivir os traballadores que prestan este servizo; outra, para demandar soporte orzamentario en 2020 para o desenvolvemento do Acordo de concertación no emprego público en materia de salarios, emprego e dereitos; e unha terceira resolución de apoio ás mobilización e convocatoria de folga para o 12 de decembro para demandar a reversión gradual dos recortes no eido do ensino público en Galicia.

No contexto internacional, o Comité tamén aprobou unha resolución contra a represión do pobo chileno e en demanda de diálogo coa unidade social e contra o golpe de Estado en Bolivia e chamando a que as institucións democráticas do país andino retomen o control para resolver, nun marco de eleccións xustas e libres e non violencia, a situación.