UGT-Galicia advirte que a prevención de accidentes deixouse de lado nas empresas coa crise da COVID-19, igual que sucedeu na crise económica de 2008

Hai que acordar medidas urxentes contra a sinistralidade laboral

Galicia é a segunda comunidade que rexistra máis accidentes laborais graves e, a pesar da paralización da actividade, rexistra nos seis primeiros meses do ano máis de 11.000 sinistros e 28 falecidos, só un menos que hai un ano

Unha análise dos datos de sinistralidade laboral en Galicia dos seis primeiros meses do ano, último dato facilitado polo Ministerio de Traballo, amosa un panorama preocupante ante o cal urxe tomar medidas porque a sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade. UGT- Galicia incide en que non se pode permitir que, unha vez máis, ante as vicisitudes económicas, como sucedeu na crise de 2008, a prevención de riscos laborais se converta na ovella negra do mercado laboral á que as empresas deixan de lado.

Xa os anos de crise levaron a unha forte precarización do mercado laboral galego que trouxo consigo incrementos da sinistralidade laboral, situando ao traballador na parte máis débil da balanza, e, de novo, coa crise sanitaria da COVID-19, os traballadores volven ser os grandes  pagáns.

O Sindicato alerta que nos seis primeiros meses do ano, a pesar de coller dous meses e medio de estado de alarma, cunha forte paralización da actividade económica, e despois a desescalada, na que aínda non se está ao cen por cento, rexistráronse en Galicia un total de 10.520 accidentes laborais (máis 973 “in itinere”) e 28 persoas falecidas (sumados os datos de xornada e “in itinere”), só un menos que nos seis primeiros meses de 2019, a pesar do parón económico. Deste total, 207 tiveron o carácter de graves (189 se se exclúen os accidentes “in itinere”). En relación aos accidentes leves, estes foron 11.258 nos cinco primeiros meses do ano, dos cales 954 son “in itinere”.

Neste senso, UGT-Galicia fai fincapé no mal dato referido aos accidentes graves en Galicia, con 189 sinistros destas características (excluíndo os in itinere), esta é a segunda Comunidade que máis accidentes graves rexistra, só superada por Andalucía, unha comunidade que pola súa dimensión e actividade laboral supera con creces a Galicia.

Tamén resulta moi preocupante a análise da sinistralidade segundo os índices de incidencia, é dicir, tendo en conta a poboación asalariada (os índices de incidencia mensuais calcúlanse como  o cociente entre a media mensual de accidentes de traballo ocorridos durante o período de referencia, multiplicando por 100.000 e dividido entre a media mensual de traballadores afiliados á Seguridade Social coa continxencia de accidentes de traballo especificamente cuberta). Así, Galicia rexistra un índice de incidencia en media mensual de accidentes mortais de 0,463, moi superior á media estatal, do 0,270, e só superado este índice polas comunidades autónomas de Castela e León, Castela A Mancha, Cantabria e La Rioja.

Por provincias, é a da Coruña a que máis sinistros rexistra, un total de 4.990; seguida de Pontevedra, con 4.029 accidentes; despois Ourense, con 1.253; e, finalmente, Lugo, con 1.221. En canto ós falecidos, 10 foron na provincia da Coruña,  11 na de Pontevedra e os sete restantes na de Lugo.

Segundo a actividade económica, son tres as que rexistran un maior índice de accidentes, a industria manufactureira (3.075 accidentes); construción (1.614); e o comercio ao por maior e menor e reparación de vehículos (1.468).

UGT-Galicia considera prioritario poñer freo ao alarmante e incesante goteo de mortes no traballo que se están producindo durante os últimos meses no noso país. Os accidentes non cesaron nin en plena crise sanitaria, nin na fase actual de desescalada, pese ao descenso da actividade. De maneira que, é evidente que nestes momentos está a deixarse de lado a prevención de riscos laborais nas empresas, o que está a provocar que os accidentes continúen.

 

Infradeclaración dos accidentes mortais pola COVID-19 entre o persoal sanitario e sociosanitario

Por outra banda, as estatísticas oficiais só rexistraron en todo o Estado 13 accidentes mortais entre o persoal sanitario e sociosanitario causados pola COVID-19, pero faleceron 63 ata o 5  de xuño, segundo os propios datos do Ministerio de Sanidade, co cal demóstrase que  persiste  a infradeclaración dos mesmos. O contaxio por COVID-19 entre o persoal sanitario e sociosanitario é recoñecido como accidente de traballo para todos os efectos, segundo as últimas disposicións aprobadas polo Goberno. Desde UGT seguimos reivindicando que sexa  cualificado  como enfermidade profesional, en lugar de como accidente de traballo e non só para o persoal sanitario e sociosanitario, senón para persoas que se ocupan da prevención, asistencia médica e actividades nas que se probou un risco de infección, incluídas no ANEXO I, Grupo 3, do Real Decreto 1299/2006, do 10 de novembro.

UGT-Galicia denuncia falta de vontade por parte das administracións e dos empresarios para poñer fin á lacra da sinistralidade laboral

UGT-Galicia xa leva tempo advertindo da gran lacra que supón para o mercado laboral galego os índices que presenta de sinistralidade. Unha barreira que, ano tras ano, parece non poder salvarse. Pero dende o Sindicato insiste en que si é unha barreira salvable e, cando menos, a curto prazo, mellorable. Hai lexislación e hai medios que se poden implementar. O que falta é vontade por parte dos empresarios e das administración para poñerlle fin a esta lacra.

O mercado laboral precarizouse significativamente, as condicións de traballo empeoraron ata o punto de poñer en serio risco a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores do noso país. Por iso, UGT-Galicia esixe que se derrogue a reforma laboral que deteriorou as condicións de traballo e debilitou a negociación colectiva e insta ás administracións a que inclúan a seguridade e saúde dos traballadores como unha prioridade nas súas políticas e establezan investimentos eficaces nos campos que verdadeiramente axuden á redución da sinistralidade  laboral.

Para UGT-Galicia, a prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde no traballo son aspectos de extrema importancia na sociedade e unha mala xestión trae da man consecuencias moi graves, ás veces irreparables, para os afectados, as súas familias e a sociedade en xeral.

 

Abrir cauces de diálogo, plan choque, reforzar a Inspección de Traballo e crear a figura do delegado territorial ou sectorial para mellorar a prevención nas empresas sen representación sindical

Neste contexto, UGT-Galicia reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo proponse:

  • Abrir cauces de diálogo tanto a nivel do Estado como en Galicia en materia de sinistralidade para acordar medidas urxentes que poñan fin a esta  situación.
  • Articular un plan de choque contra a sinistralidade laboral de xeito inmediato.
  • Reforzar a Inspección de Traballo para controlar o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais nos centros de traballo.
  • Crear a figura do delegado ou delegada territorial e/ou delegados/as sectoriais para mellorar a prevención de riscos laborais nas pequenas e medianas empresas, que tanto peso teñen en Galicia, onde non hai representación sindical porque é un feito que os centros de traballo sindicalizados son centros de traballo máis  seguros.
Fuente: UGT-Galicia