UGT-FICA-Galicia saúda a sentenza do TSXG que declara nulo o ERE de Alcoa e insta á empresa a sentarse a negociar unha saída para garantir o futuro da planta da Mariña

Fecha: 17 Dic 2020

Para UGT, a loita non remata aquí e entre todos hai que seguir traballando polo futuro de Alcoa e polo emprego da planta da Mariña

UGT-FICA-Galicia saúda a sentenza do TSXG que declara nulo o ERE de Alcoa e insta á empresa a sentarse a negociar unha saída para garantir o futuro da planta da Mariña

Tamén demanda das administracións coordinación e implicación na busca dunha saída para unha fábrica que si ten futuro e que achega o 30% do PIB da provincia de Lugo

Santiago, 17 de decembro de 2020.- UGT-FICA-Galicia saúda e valora moi positivamente a sentenza que ven de ditar o TSXG declarando nulo o ERE de Alcoa ó entender que a empresa actuou con mala fe nas negociacións. Así, Alcoa está obrigada a reincorporar ós traballadores afectados e aboarlles os salarios deixados de percibir polo despedimento. Como ben apunta a sentenza, o único fin que guiaba a Alcoa era apagar as cubas, pechar a fábrica da maneira máis rendible posible.

UGT-FICA-Galicia insiste en que, ante esta sentenza, á dirección de Alcoa non lle queda outra que reflexionar e sentarse de novo a negociar pero desta vez co obxectivo de garantir un plan de futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.

Ás administracións, UGT pídelles coordinación e un traballo conxunto para garantir que Alcoa continúe a producir na Mariña porque o Sindicato insiste en que está claro que Alcoa ten futuro e entre todos os actores implicados hai que traballar por este futuro.

As administracións, tanto a central como a Xunta, non se poden esquecer do importante activo que representa a factoría de San Cibrao, que achega o 30% do PIB de toda a provincia de Lugo, polo que a loita polo seu futuro é obrigada.

Por outra banda, UGT-FICA-Galicia tamén recoñece a valentía da sala do social do TSXG que foi capaz de comprender en todo momento os argumentos achegados polas organizacións sindicais de que a empresa nunca tivo intención de negociar, a súa única pretensión era pechar e marchar de Galicia. Unha vez máis, ten que ser a Xustiza a que teña que poñer freo ó xeito de actuar, baixo a mala fe, de certas multinacionais.

Non obstante, o Sindicato ten claro que a loita non rematou aquí, queda un longo camiño por diante para os representantes dos traballadores e para as administracións. Queda un longo camiño no que Alcoa ten que sentarse coas partes, dialogar e negociar pero, desta vez, baixo o paraugas da boa fe e co fin de garantir o futuro da fábrica.

Fuente: UGT-FICA-Galicia