UGT-FICA-Galicia saúda a confirmación do TS da sentenza do TSXG que declara a nulidade do ERE de Alcoa

A loita polo futuro de Alcoa non remata aquí, entre todos hai que seguir traballando polo futuro da factoría e as administracións deben implicarse e coordinarse na busca dunha saída para unha fábrica que si ten futuro e que achega o 30% do PIB da provinci

Fecha: 28 Oct 2021

UGT-FICA-Galicia saúda a confirmación do TS da sentenza do TSXG que declara a nulidade do ERE de Alcoa

A loita polo futuro de Alcoa non remata aquí, entre todos hai que seguir traballando polo futuro da factoría e as administracións deben implicarse e coordinarse na busca dunha saída para unha fábrica que si ten futuro e que achega o 30% do PIB da provincia de Lugo

Santiago, 28 de outubro 2021.- UGT-FICA-Galicia saúda e valora moi positivamente o anuncio que ven de facer a Sala do Social do Tribunal Supremo (TS) que confirma a sentenza do TSXG, do 17 de decembro de 2020, que declaraba a nulidade do ERE de Alcoa Inespal na súa planta de San Cibrao, por entender que a empresa tiña incurrido en mala fe negocial no período de consultas. O TS desestima así o recurso de casación interposto polo Grupo Alcoa Inespal.

Naquel momento, a raíz da sentenza de decembro de 2020, Alcoa viuse obrigada a reincorporar ós traballadores afectados e aboarlles os salarios deixados de percibir polo despedimento. Como ben apuntaba a sentenza do TSXG, o único fin que guiaba a Alcoa era apagar as cubas, pechar a fábrica da maneira máis rendible posible. Unha vez máis, ten que ser a Xustiza a que teña que poñer freo ó xeito de actuar, baixo a mala fe, de certas multinacionais.

Unha vitoria dos traballadores e traballadoras pola súa loita e constancia

UGT-FICA-Galicia insiste en que, ante esta sentenza, que reitera o sentir do TSXG, e que supón unha vitoria para os traballadores e traballadoras de Alcoa pola súa loita e constancia neste longo conflito, non queda outra saída que, entre todas as partes seguir traballando polo futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.

Ás administracións, UGT pídelles coordinación e un traballo conxunto para garantir que Alcoa continúe a producir na Mariña porque o Sindicato insiste en que está claro que Alcoa ten futuro e entre todos os actores implicados hai que traballar por este futuro.

As administracións, tanto a central como a Xunta, non se poden esquecer do importante activo que representa a factoría de San Cibrao, que achega o 30% do PIB de toda a provincia de Lugo, polo que a loita polo seu futuro é obrigada.

Non obstante, o Sindicato ten claro que a loita non rematou aquí, como xa se dicía cando se coñeceu a sentenza do TSXG, queda un longo camiño por diante para os representantes dos traballadores e para as administracións. Queda un longo camiño no que Alcoa e administracións teñen que dialogar e sentarse coas partes, dialogar e negociar pero baixo o paraugas da boa fe e co fin de garantir dunha vez por todas o futuro da fábrica.

As administracións non poden seguir “mareando a perdiz” nesta situación e están obrigadas a garantir o futuro da factoría da Mariña.


 


 

Fuente: UGT-FICA