UGT-FICA-Galicia rexeita os despedimentos en Alcoa e esixe un compromiso compartido das administracións co futuro da planta

Fecha: 16 May 2020

UGT-FICA-Galicia rexeita os despedimentos en Alcoa e esixe un compromiso compartido das administracións co futuro da planta

Tamén insta ao Goberno central a que se non se soluciona esta crise aposte pola nacionalización dunha planta que representa un sector estratéxico para este país porque non se pode permitir que España e Galicia se convertan nun deserto industrial

Santiago, 28 de maio de 2020.- Ante o anuncio realizado por Alcoa do despedimento de máis de 500 empregados na planta que ten en San Cibrao (Lugo), a Comisión Executiva de UGT-FICA-Galicia esixe, en primeiro lugar, un compromiso compartido por parte de todas as administracións implicadas para intentar buscar unha solución a esta nova crise industrial que vai acarrear unha profunda crise para unha comarca que depende maioritariamente desta empresa, para unha provincia á que Alcoa achega o 30% do seu PIB e para unha comunidade que non se pode permitir ir cara o camiño dun deserto industrial.

UGT-FICA-Galicia, neste contexto, tamén insta ao Goberno central a que considere a nacionalización de Alcoa, xa que se trata dun sector estratéxico, o do aluminio, e porque este país non se pode permitir quedar como un deserto industrial, xa que a federación témese que agora que se abriu a billa o goteo sexa continuo.

O que está a pasar con Alcoa non se pode desvincular da situación que atravesa Alu Ibérica Coruña, que pertencía tamén á firma Alcoa. Neste senso, UGT-FICA-Galicia insta ao Goberno a que non permita que os fondos voitre sexan os que se fagan co control de industrias estratéxicas para este país e especulen co seu futuro como está a acontecer na Coruña.

O Sindicato insiste en que o Goberno debe acometer a nacionalización destas dúas empresas estratéxicas do sector do aluminio e tan necesarias para o país como se demostrou coa crise do COVID-19 e como están a facer outros países como Francia ou Alemaña.

Fuente: UGT-FICA