UGT e CCOO mobilizaranse o Primeiro de Maio para reivindicar que «agora toca cumprir» coa clase traballadora

Os secretarios xerais dos sindicatos valoraron como «imprescindible» retomar a resposta na rúa e pediron unha «participación masiva» nas convocatorias

UGT e CCOO mobilizaranse conxuntamente o Primeiro de Maio para reivindicar que «agora toca cumprir» coa clase traballadora, para o que haberá concentracións e manifestacións en todas as cidades de Galicia. Así o anunciaron este mediodía os secretarios xerais de ambas as dúas organizacións, José Antonio Gómez e Ramón Sarmiento, respectivamente, tras lembraren que o anterior Primeiro de Maio tivo que transcorrer en pleno confinamento por mor da pandemia.

Segundo Sarmiento, neste Primeiro de Maio farase un «recoñecemento» ao persoal dos sectores esenciais, así como ás delegadas e delegados sindicais, que durante todos estes meses mantiveron «unha actividade frenética para defender os intereses da clase traballadora».

Pero o recoñecemento «non pode quedar nun mero xesto moral», senón que ha ir acompañado de actuacións e compromisos concretos que melloren as súas condicións de traballo, puntualizou. Neste sentido, o secretario xeral de CCOO criticou que as patronais queiran saír desta crise igual que da anterior, con «recorte de dereitos, de desvalorización de salarios e de perda de retribucións».

Por esta razón, Sarmiento pediu unha «participación masiva» nas mobilizacións do próximo sábado, pois estamos nun «momento determinante» para abordar o xeito en que se debe dar a saída da crise.

Pola súa parte, o secretario xeral de UGT xulgou «imprescindible» retomar a axenda social e recuperar a mobilización, polo que instou o Goberno do Estado a «retomar os compromisos cos sindicatos e coa cidadanía».

A primeira reivindicación, a derrogación da reforma laboral, para poder devolver o equilibrio ás relacións laborais. Canda ela, a derrogación da reforma das pensións do 2013 e subir o SMI ata o 60% do salario medio. «Son demandas xustas e lexítimas», incidiu.

José Antonio Gómez tamén instou o Executivo central a dar «resposta xa» aos conflitos, xa longos no tempo, de Alcoa en San Cibrao e de Alu Ibérica na Coruña. «É necesaria xa a súa intervención por parte do Estado; non pode xerarse máis incerteza nos traballadores e traballadoras». Reclamou, así mesmo, solucións para o sector naval de Ferrol e de Vigo.

LOCALIDADE

MOBILIZACIÓN

HORA

LUGAR

A CORUÑA

Manifestación

12:00

Praza de A Palloza cara á Delegación do Goberno (Praza de Ourense)

FERROL

Manifestación

12:00

Porta Nova, Estrada de Castilla cara á Praza de Armas

SANTIAGO

Concentración

12:00

Praza da Quintana

LUGO

Manifestación

12:30

Sede dos Sindicatos (Ronda da Muralla, 58) cara á Praza Armanyá (Subdelegación do Goberno)

OURENSE

Manifestación

12:30

Pavillón dos Remedios cara á Subdelegación do Goberno

PONTEVEDRA

Manifestación

12:00

Hospital Provincial (Lourenzo Crespo, 2) cara á Glorieta de Compostela

AROUSA

Manifestación

12:30

Praza de Ravella e rematando en Praza de Ravella

VIGO

Manifestación

11:30

Via Norte cara á Praza da Estrela

 

CARTEL A3

MANIFESTO CONXUNTO