UGT demanda máis contundencia contra a violencia de xénero

O emprego, esencial para combater a violencia de xénero

UGT e CCOO demandan máis contundencia contra a violencia de xénero

Dende xaneiro ata setembro rexistráronse dende Galicia un total de 2.691 chamadas ó 016. Ata xuño presentáronse en Galicia 3.083 denuncias por violencia de xénero, case un 7% máis que hai un ano neste mesmo período


 

Santiago, 23 de novembro de 2021.- No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia reiteran a máis rotunda condena e repulsa contra todos os actos de violencia contra as mulleres e, moi especialmente, os máis dramáticos, como son os asasinatos das mulleres e os seus fillos e fillas a mans das súas parellas e exparellas e que constitúen unha das manifestacións máis brutais e repugnantes da violencia contra as mulleres. Por todo isto, UGT e CCOO chaman á cidadanía a participar nas mobilizacións e actos convocados.

Segundo os datos do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero, entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 8 de novembro 2021, eran xa 1.118 as mulleres que foron asasinadas en España, 66 delas galegas, por violencia de xénero a mans das súas parellas ou exparellas, quedando 330 nenos e nenas orfos, 24 en Galicia. Desde o 1 de xaneiro ata o 8 de novembro de 2021 foron asasinadas 37 mulleres en España (1 delas galega) e 24 menores quedaron orfos e orfas.

É evidente que urxe redobrar os esforzos na loita contra a violencia machista, e máis nun momento como este, no que o risco de exposición pode verse agravado polas extraordinarias circunstancias que atravesamos pola pandemia e as consecuencias que aínda se arrastran no eido económico.

Os datos así o constatan, segundo o boletín da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, as chamadas ao 016, (servizo de servizo telefónico de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero), foron entre xaneiro e setembro de 2021, último dato dispoñible, un total de 2.691.

As situacións de risco incrementáronse durante a pandemia polo maior tempo de exposición ao agresor e mantéñense, en moitos casos, polas dificultades para acceder a un emprego

As situacións de risco de violencia de xénero para as mulleres incrementáronse como consecuencia da pandemia, entre outras causas, polo maior tempo de exposición ao agresor no fogar familiar e, en moitos casos, mantéñense polas maiores dificultades para acceder a un emprego e á independencia económica, debido a unha situación de maior nivel de desemprego e empobrecemento.

Por iso, desde CCOO e UGT, aínda que se valoran as medidas que se veñen adoptando, tanto no que se refire a accesibilidade á información como en asistencia e en protección social, considérase que é necesario aumentar a efectividade das medidas e os recursos na aplicación do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

E, para iso, é imprescindible, entre outras cousas, que desde as administracións públicas se prioricen as actuacións fronte á violencia machista e destínense os recursos e servizos necesarios para unha prevención e atención integral efectiva, que poida garantir ás mulleres unha vida en liberdade e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Datos desoladores

Afondando nas estatísticas, a Macroenquisa sobre violencia contra a muller de 2019, publicada no 2020 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, pon de manifesto o terrible alcance da violencia que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres. Os datos recollen que 1 de cada 2 mulleres (un 57,3%) residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas, e que 1 de cada 5 (un 19,8%) sufrírona nos últimos 12 meses, sendo as mulleres novas as que a padecen en maior medida, xa que o 71,2% das mulleres de 16 a 24 anos e o 68,3% das mulleres de 25 a 34 anos sufriron algún tipo de violencia ao longo das súas vidas, e o 42,1% das que teñen 65 ou máis anos.

Polo que respecta á violencia física, o 21,5% das mulleres sufriron violencia física ao longo da vida por parte de calquera persoa (parella actual, parellas pasadas ou persoas coas que non se mantivo unha relación de parella), e o 1,7% de mulleres, nos últimos 12 meses. O 6,5% de mulleres sufriron violencia sexual nalgún momento das súas vidas dalgunha persoa coa que non manteñen nin mantiveron unha relación de parella, e o 0,5%, nos últimos 12 meses. Un 2,2% do total de mulleres de 16 ou máis anos residentes en España foron violadas algunha vez na súa vida. En relación coa violencia sexual colectiva, o 12,4% das mulleres que sufriron violencia sexual fóra da parella di que, nalgunha das agresións sexuais, participou máis dunha persoa.

Un 24,2% das mulleres padeceron na eido da parella ou exparella violencia psicolóxica

Polo que respecta á violencia psicolóxica, segundo a Macroenquisa, a violencia psicolóxica é unha das máis incisivas no ámbito da parella ou exparella. Segundo os datos de 2019, padeceron este tipo de violencia un 24,2% das mulleres, unha porcentaxe que aumenta desde 2015 cando se situaba no 22,8%. Este tipo de violencia faría referencia a insultos ou humillacións diante doutras persoas ou ameazas verbais con inflixir dano sobre a vítima.

En canto á violencia económica, segundo a Macroenquisa de 2019, o 12% de mulleres de 16 anos ou máis que teñen ou tiveron parella sufrirían violencia económica, fronte a unha porcentaxe do 11,2% na Macroenquisa de 2015.

Por último, en canto ao acoso sexual, segundo os datos recolleitos neste informe, o 40,4% das mulleres de 16 anos ou máis residentes en España sufriu acoso sexual ao longo da súa vida e, desa porcentaxe, o 75% afirma experimentalo máis dunha vez.

Denuncias

En canto ás denuncias presentadas, segundo os datos da Memoria do Consello do poder xudicial do ano 2020, en Galicia foron realizadas 6.097 denuncias, 2.009 incoadas, 6 inadmitidas, 1.201 adoptadas e 712 denegadas. Como resultado, dítanse 634 sentenzas condenatorias, 113 absolutorias, 87 sobreseimentos libres, 2.406 sobreseimentos provisionais e 995 por elevación. A porcentaxe de sentenzas condenatorias foi do 84,9%.

En canto ás ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, no 2020 foron incoadas 2.009, 6 inadmitidas, 1.291 adoptadas e 712 denegadas.

A ratio de ordes de protección, por cada 100 mulleres vítimas de violencia de xénero, é en Galicia do 33,1%. A taxa de mulleres vítimas de violencia de xénero, sobre 10.000, é de 43,3 puntos

Concretamente, a ratio de solicitudes de ordes de protección por cada 100 mulleres vítimas de violencia de xénero, no 2020, foi no Estado do 24,6%. En Galicia esta cifra sube ata o 33,1%. De feito Galicia está á cabeza no Estado nesta ratio. Por outra banda, a taxa de mulleres vítimas de violencia de xénero, sobre 10.000 mulleres, é nesta Comunidade de 43,3 puntos.

No que levamos de 2021, ata xuño, rexistráronse en Galicia 3.083 denuncias, fronte ás 2.886 que se rexistraban no mesmo período de 2020, o que supón un incremento do 6,83%.

Pero isto non é máis que a punta do iceberg, xa que, segundo a Macroenquisa sobre a violencia da muller referida ó 2019, que foi publicada no 2020 e elaborada pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, entre os motivos para non denunciar, ponse de manifesto que moitas mulleres que sofren violencia de xénero non o denuncian por non considerar que os feitos fosen o suficientemente graves ou non darlle importancia e crer que podían resolvelo soas, por medo ao agresor e ás represalias, por vergoña, por sentirse culpables, por descoñecemento, polos fillos e fillas, por temor a que non lles cresen, ou por carecer de medios económicos propios, entre as principais causas.

Ademais, os estudos e enquisas revelan que as mulleres que sofren violencia de xénero tardan moito tempo en pedir axuda e, a miúdo, fano en situacións límite. O estudo publicado pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, realizado pola Fundación Igual a Igual, sobre esta materia, conclúe que as vítimas tardan unha media de 8 anos e 8 meses en contar a súa situación ao persoal dos servizos que existen en cada comunidade autónoma para dar apoio e asesoramento, ou ben interpoñendo unha denuncia.

É necesario denunciar, alentar e apoiar a que as mulleres vítimas de violencia de xénero denuncien os feitos, pero tamén resulta imprescindible que se aumenten as garantías de protección a todas as vítimas e de sanción dos agresores, e especialmente cando as mulleres dan o paso de denunciar.

O emprego é esencial para combater a violencia de xénero. É necesario mellorar a inserción laboral e o emprego de calidade para as vítimas

Aínda que é certo que a violencia de xénero dáse en todos os estratos económicos e socioculturais, e que as estatísticas oficiais non recollen datos sobre a relación existente entre o desemprego e a violencia de xénero, é evidente que existe unha estreita conexión entre ambos os indicadores.

No marco do Proxecto WeGo! da Unión Europea (2016-2018) (Women Economic- independence & Growth Opportunity), que se levou a cabo en diversos centros de varios países europeos, entre os que se atopa España, analizáronse os datos relacionados coa situación económica das mulleres que sobreviviron á violencia de xénero, a partir das experiencias nos devanditos centros.

O informe destaca como a independencia económica é un elemento crucial: o 82,5% das mulleres que sufriron violencia son pouco independentes economicamente, fronte ao 17,5% que teñen un gran nivel de independencia económica. O 40,9% teñen traballo mentres que o 59,1% están desempregadas. Só o 13,3% das mulleres viven nunha casa que é da súa propiedade, o 14,8% comparten a propiedade coa súa parella e o 73,7% teñen fillos e fillas ao seu cargo.

O informe sinala tamén que o 71% das vítimas destaca o desemprego e as situacións de precariedade como os principais freos para denunciar.

Disto conclúese que é necesario que as políticas públicas adopten medidas áxiles, efectivas e suficientes para lograr a inserción laboral das mulleres que son vítimas da violencia de xénero.

Os datos están aí. En Galicia, o total de contratos bonificados por violencia de xénero no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2003 e setembro de 2020 foi de 571, e supuxeron tan só o 0,008% do total da contratación feminina rexistrada polos Servizos Públicos de emprego. Polo que respecta aos contratos de substitución, 207, o exiguo número destes pon de manifesto que se trata dunha medida que tampouco está a funcionar adecuadamente.

Acoso sexual no traballo

O acoso sexual no traballo e o acoso por razón de sexo, constitúen outra das manifestacións da violencia de xénero que sofren as mulleres, neste caso, no ámbito laboral.

O Estudo de Violencia de xénero contra as mulleres 2014, da Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, recolle que o 90% das vítimas de acoso sexual son mulleres e que un terzo do acoso sexual contra as mulleres prodúcese no traballo.

Segundo datos da Inspección de Traballo e Seguridade Social, no 2019 (último dato dispoñible) rexistráronse no Estado 451 actuacións por acoso sexual e 325 por protocolo de acoso sexual.

Reivindicacións

Por todo isto, UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia reclaman fortalecer os mecanismos de control, aplicación e seguimento do pacto de Estado en materia de violencia de xénero, e que se asegure a súa continuidade máis aló de setembro de 2022.

Acelerar a aplicación total do Convenio de Istambul de 2011 e que foi ratificado por España en 2014, sobre prevención, asistencia integral ás vítimas e loita contra todos os tipos de violencia contra as mulleres.

Que se ratifique o Convenio 189 das OIT sobre as traballadoras e traballadores domésticos. As mulleres con peores condicións laborais son as máis susceptibles de sufrir acoso sexual e por razón de sexo.

Que se acelere o proceso de ratificación por España do Convenio 190 da OIT, aprobado en Consello de Ministros en 2021. É vital asegurar contornas laborais libres de violencia e acosos.

Redobrar esforzos para garantir o emprego estable e de calidade ás mulleres vítimas das violencias machistas. Ademais de ser escaso o emprego que se lles ofrece é maioritariamente temporal.

Recursos para os servizos de prevención e atención integral ás vítimas de violencias machistas, e garantirlles o carácter permanente.

Todo isto implica tolerancia cero contra todas as violencias machistas; actuar sobre a desigualdade e discriminacións por razón de sexo; e cumprir cos obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas, que sitúan a igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e nenas no centro do desenvolvemento sostible.

Os sindicatos reafirman o seu compromiso para incluír Protocolos de actuación nas empresas e Administracións Públicas fronte a casos de acoso sexual e acoso por razón de sexo e para asegurar a súa atención xurídica e sindical no ámbito laboral. Así mesmo, continuarán incentivando medidas de acción positiva na negociación colectiva, os plans de igualdade e a formación e sensibilización sobre esta materia.