UGT chama a retomar as rúas neste Primeiro de Maio para reivindicar que “Agora toca cumprir”cos traballadores e traballadoras

Fecha: 30 Abr 2021

UGT chama a retomar as rúas neste Primeiro de Maio para reivindicar que “Agora toca cumprir”cos traballadores e traballadoras

UGT e CCOO convocan manifestacións e concentracións nas principais cidades galegas e os secretarios xerais participarán na manifestación de Vigo

Santiago, 30 de abril de 2021.- UGT-Galicia chama á cidadanía galega a que mañá, Primeiro de Maio, retome as rúas, sempre cumprindo a normativa sanitaria vixente, e participe nas manifestacións e concentracións convocadas por UGT e CCOO nas principais cidades e vilas galegas. Neste ano, baixo o lema “Agora toca cumprir. Un país en débeda coa súa xente traballadora”.

Están convocadas manifestacións, con saída ás 12.00 horas, en A Coruña, Ferrol, e Pontevedra. No caso de Arousa, Lugo e Ourense serán ás 12.30 horas e en Vigo, onde contará coa participación dos secretarios xerais de UGT-Galicia e do S.N. de CCOO de Galicia, sairá ás 11.30. En Santiago está convocada unha concentración ás 12.00 horas.

UGT-Galicia insiste en que hai que saír ás rúas porque ás portas dunha recuperación progresiva da normalidade, grazas ó proceso de vacinación que nos deixa ver a luz ó final do túnel, hai que esixir que esta sexa para todos e todas, en igualdade, como vimos insistindo, sen que quede ninguén atrás. Non se poden volver a cometer os erros da crise anterior na que se deixou a milleiros de familias sen saída e que aínda hoxe están a pagar as consecuencias.

Por iso, este Primeiro de Maio vai ser unha gran mobilización para esixir ó Goberno que cumpra os seus compromisos. Agora toca cumprir porque este país está en débeda coa súa xente traballadora.

Chegou o momento de esixir xa a derrogación das reformas laborais que tanto dano fixeron ó mercado laboral do noso país. Tamén toca xa derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o SMI este ano.

E, por suposto, despois da lección e do que temos aprendido con esta pandemia, urxe, sen máis demora, a recuperación dos servizos públicos.

Neste senso, este Primeiro de Maio nas rúas de toda Galicia tamén imos demandar un sistema impositivo xusto porque, sen impostos, está claro que non se poden atender os servizos públicos nin as necesidades da xente.

Ademais, chegou o momento de pedir a reactivación da negociación colectiva para que os traballadores e as traballadoras teñan máis medios, máis recursos, para que os niveis de consumo sexan máis altos e a recuperación sexa unha realidade.

Este Primeiro de Maio tamén será unha data para o recoñecemento e homenaxe aos traballadores e traballadoras dos sectores esenciais e a esixencia de resposta ás reivindicacións esenciais.

En canto ós fondos europeos do plan de reconstrución, este Primeiro de Maio os salientamos como unha gran oportunidade pero deben estar vinculados á creación de emprego e teñen que servir para que España en xeral e Galicia sexan territorios máis reequilibrados.

Este primeiro de maio tamén ten que ser unha data para demandar unha saída á situación de Alcoa, Alu Ibérica, demandar un futuro claro para o naval de Vigo e Ferrol, un futuro para Cerceda e As Pontes, que os procesos de transición sexan iso, unha transición, non sacar industrias ata ter alternativas laborais e produtivas. Pero, mañá nas rúas tamén imos denunciar o goteo continuo de EREs anunciado no sistema financeiro como proba da inestabilidade, da falta de resposta destas entidades ó interese xeral que ten o sistema financeiro e a falta de interese cara os seus empregados e empregadas, así como cara á cidadanía en xeral.

Temos que coller folgos entre todos e traballar por unha saída igualitaria e xusta para todos. E as rúas este primeiro de maio así o teñen que manifestar.

As razóns sobran para saír este Primeiro de Maio ás rúas. Os vellos problemas do mercado laboral seguen aí pero agora agudizados pola crise, son moitas as familias que están a sufrir e chegou o momento de que os gobernos cumpran e que garantan que a recuperación que se achegue sexa xusta a igualitaria. Que ninguén quede atrás.

LOCALIDADE

MOBILIZACIÓN

HORA

LUGAR

A CORUÑA

Manifestación

12:00

Praza de A Palloza cara á Delegación do Goberno (Praza de Ourense)

FERROL

Manifestación

12:00

Porta Nova, Estrada de Castilla cara á Praza de Armas

SANTIAGO

Concentración

12:00

Praza da Quintana

LUGO

Manifestación

12:30

Sede dos Sindicatos (Ronda da Muralla, 58) cara á Praza Armanyá (Subdelegación do Goberno)

OURENSE

Manifestación

12:30

Pavillón dos Remedios cara á Subdelegación do Goberno

PONTEVEDRA

Manifestación

12:00

Hospital Provincial (Lourenzo Crespo, 2) cara á Glorieta de Compostela

AROUSA

Manifestación

12:30

Praza de Ravella e rematando en Praza de Ravella

VIGO

Manifestación

11:30

Via Norte cara á Praza da Estrela


 

Fuente: UGT-Galicia